30.1.13

Noia: o grupo de goberno ve "unha aberración calamitosa" que se queira desmantelar o Grumir local e montar un novo en Muros

Grumir_noia

Noia, 30 de xaneiro de 2013. A Dirección Xeral de Emerxencia e Interior, dependente da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, vén de facer unha proposta de distribución no territorio galego dos Grupos de Emerxencia e Protección Civil (tamén coñecidos como Grumir). Segundo explica o goberno de Noia en nota de prensa "esta proposta da Xunta, de ir adiante, significaría a liquidación do actual Grumir de Noia, que dá servizo  non só a este concello senón aos que integran a comarca de Muros-Noia e incluso outros".

O Grumir de Noia e demais medios e infraestructuras en materia de Protección Civil e Emerxencias, explica o tripartito que goberna Noia, "son froito dunha longa traxectoria de esforzos económicos e humanos por conseguir esta loxística, que se remonta aos anos oitenta do século pasado. O goberno da Xunta, do PP, nun alarde de irracionalidade política pretende trasladar a base deste servizo, agora chamado Grupo de Emerxencia Supramunicipal, para o concello de Muros, concello que non conta coa máis mínima infraestrutura e os seus medios nesta materia son insignificantes. O despropósito sería tal que levaría, nun momento de máxima austeridade, por unha banda, á construcción en Muros dunha nova infraestrutura, con todos os medios, materiais e humanos, requeridos para este fin e pola outra banda, a destruir por abandono, en Noia, unha infraestrutura que conta con todos os medios materiais e humanos: persoas con formación, capacidade e moita experiencia acadada nas inumerábeis intervencións efectuadas na comarca".

ABERRACIÓN CALAMITOSA

Esta modificación, sinala o Concello de Noia, "suporía unha aberración calamitosa se nos axustamos aos criterios de equidistancia e centralidade. Mentres que Noia é o centro xeográfico dunha comarca, Muros atópase na sua periferia. Mírese por onde se mire, non se lle atopa lóxica e sensatez a esta proposta da Xunta de Galicia. Isto lévanos a pensar que o motivo desta decisión  é estritamente político-partidario e, de castigo a un concello rexido por un goberno que non está integrado polo Partido Popular".

QUE SE PRONUNCIE O PP LOCAL

Por último, o grupo de goberno do concello de Noia manifesta "a nosa firme resolución de loitar, con todos os medios ao noso alcance, para que a base do novo Grupo de Emerxencia Supramunicipal se manteña en Noia e, así, evitar esta arbitrariedade contra o noso concello e comarca. Ademais, convidamos ao PP de Noia para que, deixando a un lado sectarismos inúteis, se espelle nos seus compañeiros comarcais e se sume á defensa deste importantísimo servizo para o noso concello e comarca".

Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical