1.2.13

Noia: o Psoe local ve como un "ataque brutal" a decisión da Xunta de desmantelar o Grumir

  • Os socialistas noieses tamén se sumarán á concentración deste domingo, día 3 de febreiro, e animan á veciñanza a defender os servizos actuais do Grumir
Media_httpsphotosfakf_gakxo

Imaxe do Facebook de Santiago Queiro Hermida. A concentración será ás 13:00 horas diante do Concello de Noia.

Noia, 1 de febreiro de 2013. A Comisión Executiva Local do PSdeG-PSOE de Noia fixo pública hoxe a súa posición sobre o "desmantelamento" do GRUMIR noiés que pretende a Xunta de Galicia. 

Os socialistas noieses consideran "un atropelo" a decisión da Xunta e ademais denuncian que o mapa galego dos Grumir esta feito sen criterios obxectivos, "xa que non é razoable deixar a Noia e ao conxunto da comarca sen un grupo estable de GRUMIR, nin por poboación nin por territorio".

Dende o PSdeG ademais salientan que o GRUMIR noiés está dotado de medios tècnicos e recursos que foron "inversións feitas nos últimos anos, con cartos públicos, facendo que Noia hoxe sexa un dos concellos mellor equipados e polo tanto máis preparados para albergar un grupo estable de GRUMIR" ao que engaden dende a executiva local que se debe destacar igualmente "a profesionalidade e capacitación dos profesionais do GRUMIR noiés".

"Cabe recordar que dende o goberno municipal de Noia, no seu día e de forma preventiva enviouse documentación e datos argumentando a idoneidade da nosa vila como sede para o novo mapa de emerxencias", aseguran os socialistas noieses.

"Ademais dos argumentos esgrimidos recordamos que as Directrices de Ordenación do Territorio aprobadas pola Xunta de Galicia recoñecen a Noia como Sistema Urbano Intermedio, como núcleo aglutinador de servizos, e neste caso o que fai a Xunta é perpetrar un ataque brutal a Noia, deixando a este pobo e ao conxunto da comarca sen un servizo que funciona de maneira exemplar", explican dende a agrupación socialista de Noia.

Concentración este domingo, 3 de febreiro

Por outra banda o PSdeG-PSOE de Noia anuncia que se sumará "á concentración do vindeiro domingo día 3 de febreiro para defender o servizo do GRUMIR de Noia" e ademais anima ás veciñas e veciños de Noia e dos concellos da comarca a participar neste acto cívico de protesta e reivindicar "o mantemento do GRUMIR en Noia para darlle servizo a Noia e ao conxunto da comarca".

Os socialistas noieses destacan que "mentres o conxunto do goberno municipal (PSdeG, BNG e NOIA) defenden a continuidade do GRUMIR, outros son cómplices co seu silencio da decisión tomada pola Xunta de Galicia", en velada alusión ao PP local.

Relacionadas:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical