12.3.13

Noia: a Fiscalía investiga as verteduras no río San Xusto que afectaron á traída

FISCALIA.pdf Download this file


Noia, 8 de marzo de 2013. A petición do PP de Noia convocouse Xunta de Voceiros extraordinaria urxente o 18 de febreiro para tratar as verteduras continuadas ao río San Xusto. Nela acordouse por unanimidade de todos os grupos poñer en coñecemento de todas as administracións os datos que dispón o concello relativos a estes incidentes que obrigaron a tomar medidas coa auga da traída, pois os noieses beben desta corrente de auga.

En concreto, no que atinxe á vertedura provinte dun recheo segundo o informe do SEPRONA, o Concello remitiu a documentación a Augas de Galicia, Axencia de legalidade urbanística, Conservación da Natureza (organismos dependentes todos da Consellería de Medio Ambiente) e á fiscalía medio ambiental.

Agora a fiscalía vén de decretar incoación e apertura de dilixencias. Como se observa no documento adxunto, nese decreto ante os feitos denunciados, que poden ser constitutivos de delito, oficiouse á Consellería de Medio Ambiente solicitude de informe sobre se a empresa Puentes y Calzadas cometeu algunha irregularidade no depósito de material de rexeite da construción da ponte sobre a ría, ao estar sometida esta construción a unha declaración de impacto ambiental.

Este recheo, que cando foron os feitos non tiña licenza de obra, coas intensas chuvias deste inverno provocou que parte do material de sedimentación chegara ao río San Xusto de onde capta auga o Concello de Noia, o cal provocou problemas no subministro do vital elemento.

O alcalde, Rafael García Guerero, quixo destacar "a axilidade e atención coa que traballou a fiscalía neste asunto" e agradece, asemade, "a dilixencia co que están actuando desde o sistema xudicial".




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical