19.10.10

A Pobra do Caramiñal: o equipo de goberno, satisfeito e agradecido polo futuro Centro de Día

A Pobra do Caramiñal, 19 de outubro de 2010. O equipo de goberno do Concello pobrense, rexido polo Partido Popular, emitiu unha nota de prensa na que explica as súas xestións para acadar un novo Centro de Día. Como é habitual neste xornal, transcribímoslla completa:

"Este equipo de goberno ven loitando desde fai tempo para que o Centro de Día da Pobra do Caramiñal sexa unha realidade pois é moi necesario dadas as características socioeconómicas deste concello, no que na meirande parte dos fogares traballan ámbolos dous cónxuxes e que en moitas ocasións teñen maiores ao seu cargo polo que é moi difícil conciliar o traballo e a vida familiar.
     É verdade que tamén contamos cunha residencia de 50 prazas para válidos, que se fixeron obras de ampliación e reforma e que é un servizo moi demandado, pero son servizos diferentes.
     Agora podemos dicir que o Centro de Día é unha realidade, fai uns meses a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, comprometíase para o seu financiamento e construción.
     O pasado día 14 de outubro, o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, mantivo unha entrevista co Xerente do Consorcio Galego, Roberto Rodríguez Martínez, na que este comprometeuse a facer de inmediato o proxecto do mesmo e presentalo antes de que remate o ano.
     O futuro Centro de día situarase na rúa Venecia, nunha parcela de propiedade municipal de 575 m2 contemplada no PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) como de equipamento e que formará unha estrutura continua cos outros centros relacionados coa rama sanitario-asistencial xa construídos.
     Para rematar, e en primeiro lugar, quixera agradecer á Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, así como ao Xerente do Consorcio, Roberto Rodríguez Martínez, o interese e apoio mostrado para levar a cabo este proxecto. En segundo lugar, felicitarnos todos pois, non cabe ningunha dúbida que os nosos maiores, a través deste Centro de Día, terán un novo servizo e estarán mellor atendidos".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello colabora no programa "Bule con Alcer" de axuda a enfermos crónicos, que xa admite inscricións


As actividades na piscina serán os venres

Boiro, 19 de outubro de 2010.  A Deputación da Coruña, dende a Comisión de Benestar Social, e a asociación Alcer Coruña (Asociación de Loita Contra as Enfermidades de Ril) en colaboración co Concello de Boiro,  van poñer en marcha o programa 'Bule con Alcer', unha iniciativa que ten como finalidade promover a actividade física e social desenvolvendo un programa que proporciona beneficios físicos, psicolóxicos e sociais á poboación con enfermidades crónicas, como diabete, enfermidade de Crohn, lupus ou fibromialxia, entre outras.

O obxectivo é proporcionar hábitos de vida saudables, ademais de facilitar as ferramentas necesarias para a realización da práctica regular do exercicio físico con autonomía. Outro dos aspectos novidosos é a posibilidade da inclusión dos familiares das persoas enfermas, producindo un beneficio que impacta no círculo próximo relacional do/a participante.

O programa desenvolverase os martes e xoves de 17.30 a 18.30 horas no Pavillón deportivo da Cachada (sala de actividades) e os venres de 17.30 a 18.15 horas na Piscina municipal (Cachada).

En canto á  natureza concreta das actividades, os responsables de 'Bule con Alcer' subliñan que haberá actividades físicas en terra (pilates, ioga, stretching ou ritmo) e acuáticas; todas elas en grupo, pero con programación individualizada e adaptada ás patoloxías crónicas das persoas participantes para minimizar os riscos para a súa saúde"

O prazo de inscrición está aberto e pode realizarse no Dpto. de Servizos Sociais do Concello de Boiro (Praza do Concello, 2º andar) ou ben no teléfono 981 844 808, Ext. 257

A data de comezo da actividade será no momento que se inscriban o número mínimo de participantes para realizala.


Alcer ten web e publica unha revista

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: case un cento de imaxes da Guerra Civil, dos Irmáns Maio, na casa da cultura dende este mércores 20 de outubro

A exposición, de carácter itinerante, está organizada pola Deputación da Coruña

Boiro, 19 de outubro de 2010. Preto dun centenar de imaxes, na súa maioría inéditas, sobre a Guerra Civil española, realizadas polos fotógrafos integrados no colectivo Irmáns Maio exhíbense desde mañá mércores, 20 de outubro, na Casa da Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro.

“Irmáns Maio. A Guerra Civil Española” é unha iniciativa da Deputación da Coruña, que conta coa colaboración do Ministerio de Cultura e que está a percorrer diversos municipios da provincia. A mostra está conformada por preto de cen fotografías da Guerra Civil captadas, coas súas cámaras Leika, polos cinco representantes dos colectivo Irmáns Maio, que durante máis de sete décadas permaneceron nos arquivos da Biblioteca Nacional. Son imaxes, en branco e negro, dos combatentes da 43 División, dos presos republicanos no cárcere de Carabanchel, das trincheiras do Ebro, da fronte de Guadalaxara e de Madrid, e outras que reflicten a realidade social dun país en guerra que foron recuperadas para ser expostas en distintos concellos da provincia.

Quenes eran os "Irmáns Maio"? Mire na Wikipedia

Esta mostra estivo no Festival Olladas de 2008, do que teñen un vídeo en Youtube:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng promove a posta en marcha dun bus con parada en Té e directo a Santiago

Rianxo, 19 de outubro de 2010. O BNG de Rianxo proporá a negociación do executivo coa concesionaria do transporte a Compostela para que Rianxo se beneficie da liña que comunica Arousa Norte directamente a través da autoestrada con Compostela e que non se está a deter en Rianxo.

Segundo os nacionalistas, "conseguirianse así cinco paradas máis de ida a Santiago e catro autobuses de retorno a maiores. Estes autobuses empregan a autoestrada e a autovía co que os tempos de viaxe entre os concellos de Arousa Norte se acurtan considerablemente no que é unha alternativa real para traballadores, estudantes e veciños que se dirixan ou volten da capital de Galicia".

A proposta sería realizar e habilitar unha nova parada en Rianxo na rotonda de Té co que non se perdería apenas tempo de viaxe, o bus sairía e se incorporaría en breves minutos á autovía do Barbanza e deixaría aos viaxeiros en pouco máis de 35-40 minutos en Santiago, destino de moitos estudantes ou persoas que acuden ao Hospital ou ben traballan na cidade. A parada nesta rotonda está ben comunicada coas parroquias de Rianxo, Asados e Taragoña.


Na actualidade os veciños de Rianxo só poden beneficiarse de autobuses con paradas intermedias con roteiros a través de vías hoxe secundarias. A concesionaria non ten que aumentar ningún servizo nin reducilos e melloraría as prestacións aos rianxeiros/as, aseguran dende o Bng local, que tamén chamará a atención do executivo da falta actual de servizos para os usuarios dos autobuses rianxeiros. "Nen dársenas, nen apeadoiro cuberto, nen estación... só a esplanada de Setefogas!", apuntan os nacionalistas, que ven necesario encarar unha ubicación axeitada e a dotación "dunha mínima infraestrutura de soporte para os veciños que empregan os autobuses".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: Inllorfeis entra a gravar o seu segundo traballo ata decembro

Inllorfeis en concerto

Ribeira, 19 de outubro de 2010. O grupo de Corrubedo Inllorfeis está a piques de entrar a gravar o que será o seu segundo traballo. Falamos co seu líder, Abdón Inllorfeis, para que nos conte as últimas andanzas e armadanzas do grupo.

.- Cantas cancións van no novo álbum?
.- A nosa idea é gravar 11 cancións. Son as que preparamos para este traballo.pero no proceso de gravación sempre pode caer algunha porque non convence o son da mesma ou algo similar.

.- Seguides co mesmo estilo, ou hai algunha novidade?

.- A nosa idea é seguir no mesmo estilo pero ao cambiar estudio e productor pode ser que sone un pouco distinto. Xa se verá o resultado final. Pero "fuejo bastante", iso de seguro.

.- De que falades nestes novos temas?

.- Sobre inxustizas: Relixión, terrorismo, amnistía, fascismo, liberdade, tauromaquia, guerras, soidade...todo o que ferve nos miolos.

4.- Por onde estivestes de xira este ano? E a onde iredes logo?

.- Este ano estivemos por Pontedeume, Ourense...á parte dos festivais KURRALA ROCK e FESTA DA CHUVIA (Ribeira) andivemos facendo varios concertos pola zona. Despois do parón estival por motivos laborais, agora estamos pechados no estudio. Saímos un ratiño o 23 de outubro para tocar no CHIRINGO DE FONFO (antiga sala Ardora) en Porto do Son.
En decembro, cando rematemos de gravar,,imos ir a Euskadi a presentar o novo traballo.Estaremos por Orereta-Rentería, Oñati, na coñecida Sala Mogambo en Trintxerpe...e algunhas datas máis que xa temos apalabradas pero están sen confirmar. En todo isto moi ben acompañados polo grupo punk "SUTURA", que son os que nos organizan toda a xira. Tamén compartiremos escenario con outros grupos vascos como Kañería, Ex-Pañolak, Drakes e outros. Pasaremos por A Coruña, Pontedeume, Ourense, Vigo e os principais puntos da xeografía galega, pero xa máis ben de cara a 2011, porque en decembro non vai dar tempo a todo, jejeje.

.- Que tipo de xente acode aos vosos concertos?

.- Aos nosos concertos adoita vir un público cada vez máis xoven, ou será que nós imos indo máis vellos. Cando empezas nisto a xente vai aos concertos porque te coñecen, por amizade practicamente. Pero co paso do tempo iso queda atrás e a xente acode aos bolos porque lles gusta a música, ou ese tipo de música en concreto. Cando empezabamos e só tocabamos pola zona, practicamente sempre se vían as mesmas caras. Pero agora, ao saír de paseo máis a cotío cada vez vense máis caras novas. Pódese dicir que en cada concerto temos amigos novos.

.- Seguen a cambiarvos o nome por "In your face" ou xa vos colleron o tranquillo?

.- Boa pregunta. En xeral, a xente sabe que somos INLLORFEIS. Os únicos que seguen chamándonos así son algún medio de comunicación, a prensa "seria". Suponse que deberían ser os que mellor saben como te chamas, xa que son medios de difusión. Pero en fin, supoño que será falta de interese.

.- Do último que escoitastes (a outros grupos, cantantes) recomendádenos algo que temos que oír, que non nos podemos perder...

.- Niso cada un de nós ten os seus gustos, pero eu quédome co novo cd de SUTURA, "Sueños Podridos". Nótase a madurez que colleu o grupo ao longo de 10 anos. Ademais inclúe unha versión punk do himno "Txuri-urdin" da Real Sociedade. Recoméndollo a todos.


.- Con quen gravades?

.- Esta aventura ímola correr con Emilio Romero, un dos mellores músicos do panorama ribeirense. Montou un estudio e invitounos a gravar con el. Non o tiñamos moi claro por diferentes motivos, pero insisteunos e non nos puidemos negar. Cremos que é unha persoa moi perfeccionista e coido que vai facer todo o que estea nas súas mans para que este disco sone a rachar.


.- Van seguir Os Kurralas ou tamén vos afecta a crise?

.- O Kurrala Rock segue outro ano máis, contra vento e marea. Ao ser un festival sen axudas de ningunha administración non creo que lle afecte moito a crise. Eso si, imos ter que traballar moi duro para levalo adiante. Cada ano intentamos mellorar varios aspectos e iso incrementa o orzamento necesario para levalo a cabo. Por certo, nunhas semanas comeza o camiño a KURRALA´11: concertos, sorteos, artigos de promoción...

.- Parece que MySpace está de capa caída, ou que Facebook está a acaparar todo: que páxina ou servizo de internet usades vós para promocionarvos?

.- Si, parece que myspace está de capa caída. A min persoalmente gústame moito como está distribuida a páxina en si, pero o xigante Facebook está máis en auxe que nunca. Nós promocionámonos sobre todo en TUENTI, pero tamén usamos MYSPACE. E, por suposto, temos o noso INLLORFEIS-BOOK. E tamén algún diario dixital, que sempre está disposto a votarnos unha man coas promos. Gracias e un saúdo!!!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.10.10

A Pobra do Caramiñal: o Psoe local, pioneiro na bisbarra en formación política práctica

A Pobra do Caramiñal, 18 de outubro de 2010. A secretaria xeral e concelleira do Psoe en A Pobra, María Teresa García Guillán, en representación da Agrupación Municipal do PSdeG- PSOE local, asinou o pasado mes de xullo un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para ofrecer formación práctica no eido político a alumnos de Ciencias Políticas. A duración do convenio é por dous anos prorrogables.

Dito convenio ten como finalidade facilitar unha formación práctica aos alumnos e que lle permita ter unha alternancia coa formación teórica, e a súa vez, lograr a súa mellor cualificación e futura adaptación á realidade social.


Segundo explica García Guillán, "esta Agrupación contou ca estimable axuda dunha alumna de último ano de Ciencias Políticas, Jessica, o que lle permitiu combinar a teoría que se imparte na Universidade coa realidade social e política da Pobra". Teresa García como titora da alumna en prácticas, tratou de facilitar a integración da estudante nun mundo novo, a través da observación, da apropiación de condutas e actitudes propias da política municipal.


"Colaborar para que alumnos realicen unha experiencia política dentro do noso grupo político permitiunos aumentar e mellorar a nosa acción política. Estamos moi satisfeitos e agradecidos co traballo feito por Jessica e esperamos que esta experiencia formativa lle sexa recoñecida e enriquecedora para o seu futuro", engadiu a responsable dos socialistas pobrenses. Teresa García asegurou sentirse "tremendamente orgullosa de que Jessica nos elixira. Con esta iniciativa demostramos que os Socialistas da Pobra temos as portas abertas para as persoas que queiran achegarse a nós. Con este tipo de colaboracións enriquecémonos todos e podemos demostrar que con moito esforzo, traballo, dedicación,  honradez e vocación de servizo público pódense alcanzar as máis altas cotas".


No Barbanza, os socialistas da Pobra din ser os pioneiros nesta iniciativa,: "non temos datos de que outros grupos políticos se ocuparan e preocuparan de formar e informar a estudantes universitarios. Quede constancia da nosa inquietude a favor da educación e a cultura", conclúen. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o venres 22 re-inaugúrase a praza do laureado Benigno Dávila Pérez na Angustia


Os do Numancia, onde ía o pobrense heroe de guerra Benigno Dávila

A Pobra do Caramiñal, 18 de outubro de 2010. Este venres 22 de outubro, ás seis da tarde, terá lugar a inauguración da remodelación da praza adicada ao heroe de guerra Benigno Dávila Pérez, laureado no seu día coa Cruz de San Fernando.

Na inauguración, ademais das autoridades locais co alcalde Isaac Maceiras en cabeza, estará o delegado do Goberno, Antón Louro, e o almirante xefe do Arsenal militar de Ferrol, Santiago Bolívar.

Quen era Benigno Dávila Pérez?

Fillo de Serafín Dávila e Modesta Pérez, nado en A Pobra do Caramiñal o 1 de xullo de 1888. Comezou a súa carreira na Marina aos 16 anos e aos 21 acadou a máis alta condecoración, a Cruz Laureada de San Fernando, a raíz duns feitos de 1909 cando prestaba servizo como Cabo de Mar no cruceiro "Reina Regente" e o "Numancia". A medalla supoñía unha pensión de cen pesetas mensuais, unha cantidade que daquela era unha fortuna.

Que feitos protagonizou para ser condecorado?

Benigno Dávila, en compaña do mariñeiro de primeira Melchor Uso, conseguiu nas proximidades de Alhucemas que, ao romperse o cabo que arrastraba un bote cargado de víveres, este non chegara a mans inimigas (combatía España daquela aos marroquinos, tamén chamados mouros, na campaña de Melilla de 1909). Segundo conta a prensa da época (xornal "La Correspondencia de España"), aquel 4 de setembro, "arroxáronse á auga en medio dunha chuvia de balas inimigas, impedindo, tras grandes esforzos, que o bote chegara á costa inimiga arrastrado pola corrente". A medalla foi entregada en San Fernando (Cádiz) ao final dun acto de xura de bandeira por parte dun novo reemprazo dos buques "Numancia" (onde prestaba servizo tamén o pobrense) e "Princesa de Asturias". Mais Benigno Dávila non puido asistir, por estar embarcado xa noutro barco, o "Nautilus" (e non era o do capitán Nemo de Xullo Verne).

Carreira de Benigno Dávila:

Como aprendiz de mariñeiro estivo en 1906 no gardacostas "Numancia". En 1908, no acorazado "Pelayo", no torpedeiro "Terror" e no gardacostas "Numancia". En 1909, na corbeta "Nautilus" e no cruceiro "Reina Regente". En 1910, no "Reina Regente" e na corbeta "Villa de Bilbao", así como no torpedeiro "Halcón".

Entre os ascensos que obtivo, foi pasando de aprendiz a mariñeiro de 2ª, de 1ª, de primeira a preferente e logo cabo de mar en 1908. Contramaestre no torpedeiro número un do "Halcón".

Na súa valoración académica (Instrucción elemental), asinada polo marqués de Magaz, como Cabo de Mar, atopamos:

Doctrina cristiana : Aprobada.
Lectura : Distinguido.
Aritmética : Distinguido.
Xeometria : Distinguido.
Xeografía : Aprobado.
Instrución militar : Distinguido.
Regras de disciplina militar : Distinguido.
Exercicios de carabina : Distinguido.
Coñecementos militares e artilleiros: Aprobado.
Exercicios de cañón, revólver e sable : Aprobado.
Instrución marítima : Distinguido.

Disciplina : Bo.
Conduta : Moi bo.
Aplicación : Moi bo.
Aproveitamento : Moi bo.
Aptitud profesional : Moi bo.

Clasificación definitiva : Distinguido.

Casou con Emilia Gómez Nuñez.

Fonte: “España en sus héroes”. Madrid 1969 pág. 334. (vía)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o novo concelleiro de Cultura, Abel Tarrío, tomou posesión do seu cargo o venres pasado

Dodro, 18 de outubro de 2010. Abel Tarrío Abuín, do Bloque Nacionalista Galego, é dende o venres 16 de outubro o novo concelleiro do BNG na Corporación municipal de Dodro. O concelleiro nacionalista tomou posesión da súa acta no transcurso da sesión plenaria celebrada ás 9 da mañá no salón de actos da Casa do Concello de Dodro.


Imo, onde está o conxunto etnográfico do campo da Lavandeira, é a aldea natal de Tarrío

Abel Tarrío, que vén substituír ao anterior concelleiro, o tamén nacionalista Anxo Franco, é natural da aldea de Imo, na parroquia de San Xoán de Laíño, do concello de Dodro. Segundo o goberno municipal "a pesar da súa xuventude xa leva cinco anos comprometido coa política municipal"


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: preséntase o libro "Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil 1936-1939" este venres 22

Rianxo, 18 de outubro de 2010. Este venres 22 de outubro, ás oito da tarde, terá lugar no auditorio da vila de Castelao a presentación do libro "Rianxo na súa historia. Consecuencias da Guerra Civil. 1936-1939", que escribiron Xosé Comoxo e Xesús Santos Suárez.
Na presentación estará o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, ao ser este ente o encargado da publicación, e o alcalde da vila, o tamén socialista Pedro Piñeiro. Ambos acompañarán aos autores.

En Certo entrevistamos hai anos a Xesús Santos, que leva moito tempo investigando sobre os sucesos da Guerra Civil. En 2007 dera ao prelo, en compaña doutros autores, un libro sobre os campos de concentración de Galicia (houbo un en Rianxo). Poden ler aínda aquela conversa aquí. Xesús Santos é un coñecido activista cultural rianxeiro, presidente do grupo de teatro afeccionado máis lonxevo de Galicia, "Airiños", que vai polos 77 anos. Sobre Xosé Comoxo poden ler na imaxe adxunta.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical