23.12.11

A Pobra: o Bng presenta alegacións contra a construción do centro de saúde fronte ao cemiterio

22.12.11.-ALEGACIÓNS BNG APROBACIÓN INIC. MODIFICACIÓN PXOM-CENTRO SAÚDE.docx Download this file

Media_httpfarm5static_pmdzc

A Pobra, 23 de Nadal de 2011. O Bng rexistrou xa no Concello unha serie de alegacións sobre a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal dos polígonos urbanísticos 9 e 10, onde o actual grupo de goberno do PP pretende ubicar o novo centro de saúde da vila.


Esta teima, que xurdiu en agosto de 2010, supuxo a elaboración dun plan especial de desenvolvemento do polígono urbanístico 9 para poder levantar alí o novo centro médico. Contra isto, a secretaría xeral de Urbanismo da Xunta emitiu un informe "absolutamente demoledor", segundo explican os nacionalistas, sobre este plan especial, no que se botaba por terra a idea do Concello debido a fallos evidentes como a escaseza de aparcamentos, que é unha leira pequena e está a carón do cemiterio.

Unha vez desbotado o plan especial, agora o Concello aposta por iniciar unha modificación puntual do PXOM para que a Xunta permita ubicar o centro sanitario nos terreos propostos. O Bng alega contra esta aprobación inicial, e a Xunta aínda ten que voltar informar e, se o fai favorablemente, hai que facer a aprobación definitiva.

Segundo argumenta o Bng, "aínda vai para largo, por iso volvémoslle reclamar o arranxo do centro de saúde actual ao goberno do PP, para que non continúe a deterioración e se poida considerar un edificio digno para os usuarios e usuarias e para o persoal que alí traballa".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: entregados os diplomas dos cursos de alfabetización dixital de Aguiño, Palmeira e Santa Uxía

  • Participaron 116 persoas, que recibiron os diplomas de asistencia na aula multimedia
  • A

Ribeira, 23 de decembro de 2011- Un total de 116 veciños e veciñas do municipio estiveron a participar nestes trimestre nos cursos de alfabetización dixital impulsados polo Concello co fin de familiarizar no mundo das novas ferramentas da información aos cidadáns que así o desexasen.  

Dúas destas accións formativas celebráronse na cidade riveirense (na Aula Multimedia) en quendas de mañá e de tarde; en tanto que outros dous cursos desenvolvéronse nas parroquias de Aguiño e Palmeira (na Aula Multimedia de Aguiño e na Sociedade Hijos de Palmeira, respectivamente). 

A Aula Multimedia sita na cidade foi o escenario do acto de clausura, no que a tenente de alcalde Dolores Elorduy; o concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez; e o axente TIC Abel Alonso, foron os encargados de entregar os correspondentes diplomas aos alumnos. 

Á volta das vacacións de Nadal está previsto estender estes cursos de alfabetización dixital a outras parroquias para que os seus veciños teñan ocasión de mergullarse nas novas tecnoloxías.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Carlos Callón, premiado por "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos"

Como_defenderes_os_teus_dereit

  • O seu libro gaña o premio Redelibros ao mellor título de non ficción de 2011 
  • O autor de Ribeira agradece o recoñecemento que lle achega a rede social galega sobre o libro, que reúne a escritores, críticos, editores, libreiros e lectores  


Ribeira, 23 de Nadal de 2011.- Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha obra que o seu autor cualifica como un “manual práctico para podermos vivir en galego”, acaba de obter o recoñecemento ao mellor libro de non ficción en lingua galega do ano 2011. O ribeirán Carlos Callón agradece a distinción e sinala que para el “é unha honra compartir podio no recoñecemento de Redelibros con nomes como o de Agustín Fernández Paz”, que foi distinguido na categoría de mellor libro de ficción por parte da rede social galega sobre o libro, que reúne a escritores, críticos, editores, libreiros e lectores. 

En Como defenderes os teus dereitos lingüísticos Callón propón que “protagonicemos no noso día a día a revitalización do noso idioma a través de pequenas accións, porque os pequenos xestos poden orixinar grandes transformacións”. Como exemplo, anima por exemplo a “practicar un consumo responsábel co galego, dándolle prioridade a produtos ou servizos que contemplen o noso idioma, algo que podemos ter moi en conta por exemplo nestes tempos do Nadal”. 

A primeira parte do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos é unha “Guía rápida de conduta para vivirmos en galego”, na cal se presentan propostas “concretas e realizábeis para pequenas situacións da vida diaria en que se dificulta vivir no noso idioma”. A segunda parte da obra fai un repaso polos problemas que se pode encontrar unha persoa que quixer optar polo galego en diferentes ámbitos, desde a administración até as notarías, pasando polos servizos bancarios ou as empresas de telefonía móbil. Por último, a terceira grande parte do libro propón ese recomendado “consumo responsábel co galego”, no cal se escollan os produtos ou servizos non só pola súa calidade ou prezo, senón “tamén polo impacto que teñan na nosa lingua e cultura ou pola actitude cara ás mesmas por parte das empresas que os ofrezan ou os elaboren”.  

Para o presidente da Mesa é importante “lembrar que nin a desaparición nin a recuperación dunha lingua son nunca procesos espontáneos: podemos intervir e rectificar a situación actual”. “Non o esquezamos: cada decisión que tomamos no presente modifica os futuros posíbeis”, conclúe Callón, quen agarda que “o recoñecemento realizado por Redelibros axude á difusión dos consellos e propostas que nesas páxinas se conteñen”. 

Ademais de obter o recoñecemento por Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón tamén ficou de finalista con Amigos e sodomitas, título con que gañou o Premio Vicente Risco de Ensaio 2011.

Antes, en Certo:

Carlos Manuel Callón presentou o seu libro "Amigos e sodomitas"

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Xunta declara Ben de Interese Cultural Inmaterial o conxunto da obra de Castelao

Media_httpfarm7static_sgfan

Monumento a Castelao na carballeira de Santa Susana en Santiago

Rianxo, 23 de Nadal de 2011. O Consello da Xunta vén de declarar BIC inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "pola súa significación para a cultura e a identidade de Galicia". Esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras.

A Consellería de Cultura e Turismo enmarca esta actuación no seu labor de protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, con esta actuación recoñecese a obra de Castelao como un dos bens mais sobranceiros do noso patrimonio cultural. Esta é a primeira declaración de BIC inmaterial de Galicia e a primeira declaración de Ben de Interese Cultural relativa ao conxunto da obra dun autor.

A declaración BIC da totalidade da obra de Castelao prodúcese no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento. A decisión da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural vén motivada polo feito de que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é un dos expoñentes máximos da nosa cultura e figura imprescindible para comprender a historia recente de Galicia e a súa realidade actual. Ao longo da súa vida, Castelao traballou con empeño a favor dos dereitos dos galegos e do recoñecemento da realidade diferencial de Galicia e a súa autonomía política. O galeguismo abrangue a totalidade do seu pensamento, o seu traballo e a súa vida. Deste xeito, toda a súa obra, nas súas múltiples vertentes de debuxante, literato, ensaísta e político, está profundamente marcada polo amor á súa terra e o compromiso con Galicia.

Castelao nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a súa achega ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas. A súa decisión de non separar a súa arte do servizo a unhas ideas levouno á utilización das técnicas e estilos máis axeitados a este fin, pero sen renunciar á contemporaneidade estética vangardista. Por todo isto, o conxunto da obra de Castelao identificase como símbolo de Galicia e, polos seus valores e calidade, a súa produción creativa posúe un significado que trascende as nosas fronteiras e o seu legado ocupa un lugar destacado na historia da arte contemporánea europea.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por resolución do 28 de xuño de 2011, incou o expediente para a declaración de ben de interese cultural inmaterial en favor do conxunto da obra Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego. Ao día seguinte da publicación da devandita resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 136 de 15 de xullo) abriuse o trámite de información pública durante o cal se reciben dúas alegacións, ás que se da resposta razoada. Con posterioridade á resolución solicítase a tres órganos consultivos e a un dos asesores en materia de patrimonio cultural previstos na lexislación vixente o seu parecer sobre tal declaración. Tanto os informes da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Facultade de Xeografía e Historia (departamento de historia contemporánea e América) da Universidade de Santiago de Compostela, como o emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, son favorables a que a obra de Castelao sexa declarada ben de interese cultural segundo a proposta do acordo de incoación do procedemento.

Deste xeito, esta declaración BIC implica a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, así como o fomento da súa pegada entre as xeracións futuras. Asemade, ordénase a inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica que constan no anexo da devandita resolución de incoación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28 de xuño de 2011 e a relación da bibliografía que figura no expediente.

Media_httpfarm5static_hcjcf

Máscara orixinal de "Os vellos non deben namorarse"

Obra literaria e plástica
A primeira obra narrativa publicada foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), na que Castelao bota man da sátira social e política. A súa segunda obra, Cousas (1926), componse de breves relatos, a través dos que busca a plena expresividade para representar a alma galega que hai en cada personaxe.

Retrincos, en boa medida extensión da fórmula de Cousas, está formada por cinco contos presentados como autobiográficos. Resultado da reelaboración de escritos ao longo de 25 anos, esta obra supón unha combinación equilibrada entre brevidade, sinxeleza e alto grado de elaboración.

Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Nela, narra a historia de dous homes, convertidos en verdadeiros arquetipos do comportamento humano universal, deseñados por Castelao con claridade, elegancia e humor. A súa única obra de teatro é Os vellos non deben namorarse (1941). Con ela, Castelao incorpora tendencias renovadoras do teatro europeo das vangardas a unha obra que non abandona a súa raíz galega. En 1944, Castelao escribe Sempre en Galiza, un libro que está considerado como a obra por excelencia do nacionalismo galego. Outras dúas obras salientables son As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), que son estudos históricos e descritivos deses elementos singulares.

Para rematar esta breve relación da súa obra literaria, hai que mencionar o libro Diario, que aínda que publicado en 1977 foi escrito por Castelao en 1921. Nel recolle as impresións da viaxe de estudos por Europa que fixo nese tempo e que lle deu a oportunidade de coñecer de preto as novas tendencias artísticas.

En canto á obra plástica, Castelao foi un artista autodidacta, cunha capacidade natural para o trazo gráfico e para a síntese dunha imaxe real. No eido artístico, plasma todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi variados como augada, tinta, carbonciño, lapis, óleo, pastel ou témpera. Domina, ademais, as distintas técnicas do gravado utilizando como soporte o papel, cartón e cartulina, pero destaca a súa preferencia polo debuxo rápido, apunte inmediato e de pequeno formato. Na obra gráfica de Castelao apréciase unha constante evolución na concepción da imaxe: parte dun comezo naturalista e costumista decimonónico, pero incorpora paulatinamente a composición e as percepcións espaciais do deseño moderno do seu tempo, influído pola fotografía e a estampa xaponesa e polas novidades formais do cartelismo.

Dentro da súa faceta plástica, cabe diferenciar tres etapas. A primeira, desde 1908 ata 1916, a segunda, desde 1916 ata 1936; e a derradeira, iniciada co estalido da Guerra Civil e definida pola posterior etapa franquista. Desa última época son as súas creacións artísticas de máis interese desde o punto de vista da consideración do autor como figura internacional. Gran parte da obra plástica de Castelao atópase dispersa en coleccións de diferentes entidades, museos e fundacións. Unha parte importante está en Galicia, pero tamén hai numerosas obras en arquivos, museos e coleccións de persoas e entidades do resto de España, en Europa e América.

Documentación e localización da obra

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao, asinado no ano 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

A bibliografía de Castelao e o conxunto da súa obra nas súas diferentes facetas é moi ampla e vaise ampliando ano a ano, sendo o interese que suscita de moi distintas procedencias xeográficas e temporais. En Galicia, é doado contemplar directamente moitas das obras orixinais de Castelao, xa que se conservan en numerosas institucións e son accesibles a investigadores e ao público en xeral.

Por exemplo, o Museo de Pontevedra, que contou con Castelao en 1929 como vogal do seu padroado principal, conserva un importante conxunto de obras e materiais (máis de 1.600) entre as que se atopan todas as estampas orixinais dos seus tres albumes de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos), así como o manuscrito de Sempre en Galiza, a serie de Debuxos de negros, todos os materiais da obra As cruces de pedra na Galiza, 100 debuxos realizados para ilustrar As cruces de pedra na Bretaña e a segunda e definitiva versión manuscrita de Os vellos non deben de namorarse.

Pola súa banda, no Museo Provincial de Lugo atópanse 27 debuxos e gravados, unha augada, una litografía e dous óleos de Castelao, en parte doados por Álvaro Gil Varela no 1965. En Vigo, no Museo Quiñones de León, hai unha colección de 110 debuxos, e en Sada, o Museo de Carlos Maside conserva 65 debuxos e augadas. O Museo de Belas Artes da Coruña posúe 3 debuxos a tinta e un gouache, mentres que o Museo do Pobo Galego de Santiago conta con 129 debuxos e gravados de Castelao.

Unha parte da obra de Castelao é conservada por institucións como Novacaixagalicia, que conta on 72 murais e 176 debuxos de Cousas da Vida. Por outra parte, a Universidade de Santiago de Compostela custodia 79 debuxos; a Fundacion Penzol, 52; a Fundación Vicente Risco, 36 debuxos e gravados; o BBVA, que ten 25 debuxos, e a Biblioteca Nacional de España, que conserva 62 debuxos. No Centro Superior Bibliográfico de Galicia (hoxe Biblioteca de Galicia) gárdanse 18 debuxos de Castelao, outros 17 no Instituto de Estudos Galegos do Padre Sarmiento, e a Real Academia Galega conserva outros 15, aos que hai que sumar 2 gravados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Medios: súmase un novo xornal a "Vitaminas para o galego", desta volta en papel

Media_httpterrachaxac_amsao

Barbanza e Noia, 23 de Nadal de 2011. O xornal Terra Cha.xa ven de sumarse a “Vitaminas para o galego”, campaña de sensibilización impulsada conxuntamente polos medios de comunicación en lingua galega. A iniciativa pretende suliñar a importancia de contar con mass media no idioma propio de Galicia, se queremos garantir a súa transmisión interxeneracional. Co periódico da Terra Chá  son xa 11 os medios en papel impreso, dixitais e radiofónicos que se suman á proposta.

Terra Cha.xa naceu en outubro do 2003 con periodicidade mensual. Imprime na actualidade 2.500 exemplares. Nun principio o xornal tiña 24 páxinas, pero dende hai máis de 2 anos conta con 32. A súa versión dixital entrou en funcionamento no verán do 2009. Recolle a información de todos os Concellos da Terra Cha e limítrofes, coa actualidde de Vilalba, Abadín, Mondoñedo, Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Meira, Pol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Xermade, Muras e As Pontes.

 

 

Boa acollida dos internautas

 

O proxecto “Vitaminas para o galego” comezou o xoves 22 de decembro a búsqueda de micromecenas a través da plataforma de verkami. En 24 horas xa se tiña cuberto case a metade do orzamento marcado como obxectivo. O proxecto permanecerá en vigor durante 40 dias, ata finais do mes de xaneiro.

 

Galicia confidencial, Tempos Novos, Novas da Galiza, Radiofusión, Praza Pública, Ovalmiñor.info, quepasanacosta, certo.gl, cronica3 e O Sil, presentaron “Vitaminas para o galego” o pasado sábado  dia 17 no marco de Terractiva, Feira ecolóxica de Arzúa.

 

Agora no crowfunding

O crowfunding é unha forma directa de financiar proxectos coa suma de aportacións individuais. A páxina de verkami diríxese a creadores independientes que buscan financiación para materializar as súas ideas. O seu publico, convertido en mecenas, recibe recompensas exclusivas a cambio das súas aportacións.

 

http://www.verkami.com/projects/1040-vitaminas-para-o-galego


Antes, en Certo:


Campaña: apoia Vitaminas para o galego! Apóianos!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.12.11

Medios: apoia aos xornais na lingua propia de Galicia

Vitaminas_medios


Barbanza e Noia, 22 de Nadal de 2011. No mesmo día en que celebramos o centenario do nacemento de quen deixou como epitafio "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis", os medios que apoiamos a iniciativa "Vitaminas para o galego" comezamos cunha nova etapa: o micromecenazgo dos seareiros.

A campaña “Vitaminas para o galego”, foi presentada por 10 medios do país, entre eles Certo, a semana pasada en Arzúa e pretende  buscar o compromiso dos lectores, o compromiso da cidadanía galega para asegurar a nosa supervivencia.

Este xoves 22 de decembro comezou a busca de micromecenas a través da plataforma catalana Verkami. As primeiras horas foron dun auténtico e sorprendente éxito xa que se atoparon en pouco máis de 3 horas, 8 micromecenas. O proxecto permanecerá en vigor durante 40 dias, ata finais do mes de xaneiro.

Certo, xornal dixital de Barbanza e Noia, é un dos medios que apoian esta campaña xunto cos xornais comarcais QPC (Que pasa na Costa),  da Costa da Morte, Osil.info de Valdeorras e Crónica3 da Mariña Lucense, namentres organizan portais dixitais Galicia Confidencial, Praza Pública e Val Miñor.info, a rede de emisoras municipais Radiofusión e os semanarios Tempos Novos e Novas da Galiza. A campaña segue aberta a que se engadan máis medios, destes que empregamos maioritariamente a lingua propia de Galicia.

Que facer? Infórmate en

OLLO!! XA HAI PÁXINA DE SEAREIROS DE CERTO NO FACEBOOK: http://www.facebook.com/xornalcerto
ÚNETE!! Alí iremos informando máis polo miúdo desta campaña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Industria: rexeitan no Parlamento sentar as bases dun grupo lácteo galego

emenda clesa.PDF Download this file

  • Os alicerces serían co proxecto que lidera Feiraco na planta de Clesa
Media_httpfarm5static_fxahr

  • A portavoz  socialista de Medio Rural, Sonia Verdes preguntou polos 5,5 millóns de euros que entregaron a Arzuana, e polos avais cos que o IGAPE avalou as operacións de Alimentos lácteos sen necesidade de garantías, e que  hoxe paga o leite aos gandeiros con pagarés a 3 meses 
  • Acusou ao Goberno de Feijóo de defender os mesmos intereses que defenden os administradores concursais que son os dos especuladores 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2011. A portavoz de Medio Rural do Grupo Parlamentario Socialista Sonia Verdes interviu hoxe no Pleno do Parlamento para defender unha emenda na que reclamou sentar as bases dun Grupo Lácteo, garantindo a participación publica da Xunta de Galicia, achegando a suficiente dotación económica para o apoio e participación económica no proxecto que lidera Feiraco para a xestión da planta de Clesa e que integra ao conxunto de cooperativas galegas. 

A deputada tamén demandou garantir a presencia dun representante da Administración autonómica de xeito que tome parte no Consello de Administración do proxecto que xurda para a xestión da Planta de Clesa, a través da integración cooperativa e o apoio ao proxecto que lidera Feiraco. Ademais pide levar a cabo as accións necesarias para promover un cambio de estratexia para reflotar o proxecto de Alimentos Lácteos que, complemente o proxecto de Clesa para a creación do Grupo Lácteo. A proposta foi rexeitada polo PP. 

Na súa intervención Verdes saudou en primeiro lugar aos traballadores da planta de Clesa que estaban presentes no debate desta iniciativa na Cámara Autonómica. 

Dixo que despois de dous anos de conflictos que o goberno galego debería fortalecer ao sector productor e aportar estabilidade ao sector leiteiro galego, pero lamenta “o Conselleiro do Medio Rural está desaparecido”. E insistiu nas súas criticas “o Goberno de Feijoo estivo desaparecido na vaga de lumes e cando había que resolver o conflicto de Pascual para amañarlle a estratexia a Eugenio de Arzúana e a catro amiguetes do PP”. 

A deputada preguntou polos 5,5 millóns de euros que entregaron a Arzuana, e polos avais cos que o IGAPE avalou as operacións de Alimentos lácteos sen necesidade de garantías, e que  hoxe paga o leite aos gandeiros con pagares a 3 meses. “Onde están señorías os cartos dos galegos/as?”, insistiu. 

A parlamentaria afirma que o Goberno de Feijoo boicoteou o proxecto que lideraba Feiraco e que permitía reunir mais de 500 millóns de litros de leite para eliminar intermediarios e que os gandeiros/as participaran no proceso de transformación do leite que xera maior valor engadido. E advirte o PP decidiu “apostar por 5 pequenas cooperativas con escasa solvencia e graves dificultades financieiras cun único aval, cunha única garantía, que eran do Partido Popular”, espetou. 

90 traballadores 

Verdes reclamou explicacións das actuacións do Goberno de Feijóo neste asunto. “Queremos saber -dixo- se van a seguir apuntalando este fracaso con cartos públicos mentres levan arredor dun ano desaparecidos sen ser quen de resolver o futuro da planta de Clesa en Caldas”, da que lembra saldouse xa co despido, consecuencia dun ERE extintivo, que afecta a 90 traballadores. Sinala que estes traballadores están completamente indefensos diante das decisións da administración concursal, que actúa unicamente por intereses económicos co ánimo de dividir a plantilla escollendo unilateralmente aos que se quedan e librar a planta de cargas salariais , facéndoa mais apetecible para posibles especuladores . 

Por último, acusou ao Goberno de Feijóo de defender os mesmos intereses que defenden os administradores concursais, que son os dos especuladores. 
 
 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Amicos celebrou o seu tradicional xantar de Nadal

Ribeira, 22 de Nadal de 2011. O centro de Amicos acubillou hoxe o tradicional xantar de Nadal. Estivo facéndolles compaña o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas; o anterior alcalde, José Luís Torres Colomer -agora senador- e o edil de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Tamén chegou por alí Pai Noel, que entregou agasallos a todos os integrantes de Amicos. Dende esta asociación aproveitan para desexarlle a todo o mundo un Bo Nadal e Feliz Aninovo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: denuncian unha volta máis verteduras industriais na depuradora municipal


A Pobra, 22 de Nadal de 2011. O Bng da Pobra presentou un escrito no Concello no que solicita "a actuación decidida e contundente do goberno municipal respecto das verteduras industriais que se produciron esta fin de semana na depuradora municipal".
 
O Bng explica que este asunto vén de vello e foi denunciado en numerosas ocasións "sen que o goberno municipal lle faga fronte, poñéndose sempre do lado dos infractores e de costas á lei, poñendo en perigo o medio ambiente e a saúde das persoas, así como sectores económicos importantísimos para nós como son o marisqueo e o turismo". "O goberno pode, e debe, pois ten os instrumentos legais suficientes na man, rematar con esta situación que xa dura 12 anos e prexudica ao conxunto da cidadanía da Pobra en beneficio sempre dos mesmos", remata o grupo municipal do Bng.

O escrito íntegro:

Diante dos gravísimos verquidos industriais producidos o pasado fin de semana na EDAR municipal, que provocaron practicamente o colapso da mesma e que estiveron a piques de causar un desastre ecolóxico e económico para o noso concello de dimensións incalculábeis, o Grupo Municipal do BNG 

      EXPÓN: 

      1º.- A vella EDAR da Pobra tivo que ser substituída por unhas novas instalación debido, fundamentalmente, a estar preparada para acoller augas residuais domésticas e vir recibindo indiscriminada e constantemente cargas industriais altamente contaminates. Isto é: Toda a cidadanía deste concello tivo que pagar a irresponsabilidade da Administración local e a falla de cumprimento da legalidade por parte de determinadas empresas que vertían directamente á rede de saneamento municipal. 

      2º.- O “Regulamento do Servizo de Verquidos á rede de sumidoiros da Pobra, e uso da mesma” entrou en vigor  en febrero do 2001, estando en construción a EDAR actual, e preveía que “nos 6 meses seguintes á súa aprobación, a calidade dos efluíntes industriais deberase adaptar ás condicións e límites establecidos no mesmo”.  O Regulamento foi modificado en xullo do 2001, precisamente para “garantir o correcto funcionamento da EDAR e para que cada industria conectada á rede de saneamento dispoña dun sistema de tratamento adecuado á natureza da carga contaminante xerada”. 

      3º.- En febrero de 2004 comezou a funcionar, en probas, a nova EDAR. O alcalde asegura nese momento que a maioría das empresas “xa se axustan ás normas estabelecidas polo Regulamento Municipal de Verquidos”. 

      4º.- En setembro de 2004 comezaron as obras dun novo colector que recollería os verquidos das empresas do polígono industrial da Tomada e as levaría directamente á EDAR, sen ter que pasar pola rede xeral de saneamento. Na actuación investíronse perto de 600.000 euros. 

      5º.- En novembro de 2007 modificouse, de novo, o Regulamento Municipal de Verquidos para, entre outras cousas, concretar que tipo de equipos de control de verteduras debían ter as industrias, sobre todo aquelas que “pola súa dimensión e/ou contaminación resulten significativas polas súas augas residuais e/ou volumes de verteduras”.  

      6º.- En xuño de 2009 entrou en vigor o Plan de Vixiancia Ambiental de Verquidos Industriais na Pobra do Caramiñal, posto en marcha pola Xunta de Galicia. O documento pon de manifesto que “a EDAR ten indicios irrefutábeis de presenza dunha elevada porcentaxe de augas industriais, que se traducen nun deterioro acelerado das instalacións, un incremento dos costes de explotación e un aumento do risco de colapso do tratamento, co conseguinte perxuízo medioambiental”. 

      7º.- Despois deste documento, que poñía en evidencia todo o que o BNG e moitos veciños e veciñas da Pobra levaban denunciado ata ese momento, os verquidos seguiron a producirse de xeito absolutamente salvaxe e incontrolado, Augas de Galiza seguiu incoando expedientes ao Concello en materia de verquidos, o SEPRONA seguiu a tramitar un gran número de denuncias e informes de verquidos rexistrados na Pobra, a Xunta seguiu a realizar  
 

auditorías á EDAR insistindo no “incumprimento de todos os límites estabelecidos” e indicando que os verquidos industriais “deben adecuarse ao estabelecido no Regulamento Municipal á maior brevidade posíbel”. 

      A conclusión á que chega este Grupo Municipal e moitos veciños e veciñas da Pobra é que o Goberno Municipal e o seu alcalde á cabeza son os principais  infractores do Regulamento Municipal de Verquidos, por consentir unha e outra vez o incumprimento da Lei e por omitir reiteradamente a súa obriga de control e vixiancia estricta na aplicación do Regulamento. 

      Nesta última ocasión, exactamente igual que en tantas outras anteriores, vense de producir un atentado ao medio ambiente, á saúde das persoas, un grave dano a unhas instalacións municipais que pagamos e mantemos todos e todas e que pode desencadear en calquera momento, como xa ocorreu no pasado, gravísimos problemas económicos e sociais a sectores produtivos como o marisqueiro, de máxima relevancia no noso concello, ou mesmo ao turístico. 

      A reincidencia e gravidade da irresponsabilidade contínua do Executivo Municipal só ten nestes momentos un único camiño: EXERCER AS SÚAS COMPETENCIAS E POÑER PUNTO FINAL DEFINITIVAMENTE A ESTE DESPROPÓSITO ECOLÓXICO, ECONÓMICO, SOCIAL E POLÍTICO. O que, dende logo, non é de recibo é que a súa deixadez de funcións teña que estar sendo pagada tan cara pola cidadanía deste concello, polo que, 

      SOLICITÁMOSLLE: 

      1º- Que investigue ata as últimas consecuencias os feitos ocorridos na EDAR municipal.

      2º.- Que esixa contundentemente as responsabilidades aos causantes destes feitos.

      3º.- Que actúe, consonte ás competencias que lle outorga a Lei, para impedir que se sigan a producir impunemente actuacións como as citadas. 

      A Pobra do Caramiñal, 22 de decembro de 2011. 
 

Asdo.: Rosana Pérez Fernández,

Concelleira e portavoz do G. M. do BNG.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: modifican o horario de recollida do lixo en Noiteboa e Nadal e abren ao tráfico a rúa Cristóbal Colón

Ribeira, 22 de decembro de 2011- A empresa concesionaria do servizo municipal de limpeza, Urbaser, comunica que os vindeiros días sábado 24 e sábado 31 de decembro, con motivo da celebración da Noiteboa e Nadal, o horario de recollida de lixo na cidade de Santa Uxía de Ribeira terá lugar entre as 14 e as 19 horas. 

Doutra banda, o Punto Limpo permanecerá pechado nas tardes dos dous días indicados.

Apertura provisional de Cristóbal Colón ata pasados os Reis

Por outra banda,  o Concello informa de que a rúa Cristóbal Colón, actualmente en obras, vai abrir de xeito provisional ao tráfico rodado durante as festas de Nadal. 

No día de hoxe está  previsto proceder ao aglomerado da zona de rodadura da vía, estendendo a primeira das dúas capas previstas sobre a mesma. Así e logo, está previsto que mañá venres 23 de decembro, ás 14 horas, poida abrir a rúa á circulación de vehículos. 

Cómpre advertir de que, dado que aínda quedará por estender unha segunda capa, tanto as baixadas aos pasos de peóns como os accesos aos garaxes quedarán a un nivel algo superior ao da zona de rodadura, á espera precisamente de volver a aglomerar. 

Esta última actuación (a extensión da segunda capa de rodadura) terá lugar pasados os Reis, na semana do 9 ao 16 de xaneiro, na que será preciso volver a cortar a vía durante dous días para acometer o traballo. 

Entrementres, os operarios investirán as festas de Nadal en realizar distintos labores sobre as beirarrúas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical