28.3.12

A Pobra: charla sobre alimentación para enfermos de Alzhéimer, o venres 12 de abril

Cartel-charla-alimentacion-alz

A Pobra, 28 de marzo de 2012. O Centro Sociocomunitario do Benestar da Pobra do Caramiñal, coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, exerce como promotor dunha charla informativa aberta a todas as persoas que poidan estar interesadas en asistir, que leva por título: "Alimentación  específica para persoas con alzhéimer e demencia senil".

O acto terá lugar na primeira planta do Centro Sociocomunitario pobrense da rúa Castelao, na sala de televisión, o vindeiro xoves 12 de abril ás 19:00 h., e contará coa nutricionista Raquel Pozo Goberna como conferenciante.

Trátase, con esta exposición, de sensibilizarnos a todos cos afectados por unhas doenzas que cada vez parecen máis arraigadas na sociedade e de facilitarlles unha situación que xa de por si resulta tan difícil.

Desde o departamento de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, convidan e animan a asistir ás persoas que poidan estar interesadas. Se alguén precisa máis información, pode requerila no número de teléfono 981832753.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Solidariedade: a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas acode ás microachegas en Internet ante os recortes en subvencións

Fegerec_maraton


Barbanza-Noia, 28 de marzo de 2012. Segundo explica a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), "coa crise e os recortes actuais, as ONG estamos sufrindo moito e as persoas ás que atendemos, moito máis, producíndose un deterioro na súa calidade de vida engadido á falta de saúde".

Esta asociación de asociacións organiza a próxima maratón Coruña 42 -que se celebra o domingo 15 de abril- e quere xuntar o espírito deportivo e sacrificio que esixe unha maratón, coa solidariedade e as ganas de loitar que cada un dos afectados por unha enfermidade rara e/ou crónica ten. Ultimamente están surxindo moitos proxectos de crowdfunding, é dicir, financiación colectiva ou micromecenado. Trátase, a través de microdoacións de moita xente, conseguir apoiar un proxecto moito maior. Neste caso o proxecto sería FEGEREC a través da capacidade de mobilización doutras entidades, como poderían ser os medios de comunicación.

Hai moitas páxinas para xestionar este tipo de iniciativas. FEGEREC deuse de alta en www.migranodearena.org, onde xestionan os donativos recibidos.  A idea que teñen é, aproveitando a maratón, "1 kilómetro, 100 euros" por ver de conseguir 4.200 euros, que foi aproximadamente o recorte total en subvencións que tiveron este ano.

A ligazón da páxina onde poder realizar os donativos é esta: http://www.migranodearena.org/fegerecfederacion-galega-de-enfermidades-raras-e-cronicas1

"É unha idea un tanto utópica, posto que queda menos dun mes ata a maratón e aínda así temos postas moitas esperanzas nesta idea, sería un grande éxito conseguilo e precisariamos da axuda dos medios de comunicación para dala a coñecer á poboación en xeral", explícannos dende FEGEREC. Dende Certo non podemos facer caso omiso a unha iniciativa deste tipo e solicitamos, dentro da medida que as nosas lectoras e lectores poidan, que colaboren con esta causa, non só facendo microachegas na páxina indicada, senón espallando a iniciativa nos seus perfís nas redes sociais (Cabozo, Facebook, Twitter, Pinterest ou calquera outra) ou, no caso de que tiveran, nos seus blogs ou páxinas web.

"O obxectivo é darlle a maior difusión posible en internet, por ver de chegar a moita xente que se solidarice coa causa, e parécenos que sería un aliciente extra para os corredores saber que o seu esforzo vai ser seguido por todos os nosos socios con moito entusiasmo", finalizan dende FEGEREC. 

Hai creado un evento no Facebook con este motivo, para que os que teñan perfil na rede de Zuckerberg fagan por partillalo: https://www.facebook.com/events/403000436395261/

Que é Fegerec

FEGEREC é unha entidade sen ánimo de lucro destinada a mellorar a situación socio-sanitaria das persoas afectadas por unha enfermidade rara e/ou crónica na Comunidade Autónoma de Galicia. Está formada por 7 asociacións de ámbito galego e unha coruñesa (lupus, esclerose lateral amiotrófica, ataxia, fibrosis quística, linfedema, retinose pigmentaria, Arnold-Chiari e esclerose múltiple), algunhas delas membros de  COGAMI. A súa sede está en Coruña, onde prestan servizos, ademais de en Pontedeume, Narón, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, con idea de continuar dando asistencia proximamente en Sada e Ourense. En total, FEGEREC ten arredor de 1300 socios afectados.


FEDERACIÓN GALEGA DE ENFERMIDADES RARAS E CRÓNICAS-FEGEREC

Pza. Esteban Lareo, Bloque 17, Sótano

15008 A Coruña

Tfno: 981 234 651

fegerec@cofc.es

fegerec.blogspot.com

twitter.com/FEGEREC

Facebook FEGEREC

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: cursos para mulleres en abril, maio e xuño

Rianxo cartaz.pdf Download this file

Rianxo, 28 de marzo de 2012. O Concello de Rianxo vai realizar cursos de novas tecnoloxías para a busca e mellora de emprego nos vindeiros meses de abril, maio e xuño.

Estes cursos están subvencionados pola Deputación da Coruña e son dirixidos só a mulleres.

1. Iniciación á informática e a internet. 20h

2. Ofimática. 40h.

3.Redes Sociais para a busca de emprego e desenvolvemento profesional. 24h.
4.  Iniciación de guía turística. 24 h.

Os cursos 1 e 2 van dirixidos concretamente a mulleres de entre 30 e 55 anos, o resto dos cursos non ten límite de idade.
Máis información e inscrición:

-Concello (Praza castelao s/n) Tlfn: 981860075

-Servizos Sociais Comunitarios (crta. de tanxil, 12) Tlfn: 981860061
Correo-e: igualdade@concelloderianxo.es



Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: praceiros da cidade foron á Coruña a ver o funcionamento dos mercados

Ribeira, 28 de marzo de 2012.  Hoxe tivo lugar a viaxe que as praceiras e praceiros de Ribeira, nun total de 26, fan á Coruña para ver dous mercados municipais que son referente na cidade herculina e tamén en Galicia: o mercado de Elviña e o da praza de Lugo. Tamén se sumaron á expedición o alcalde Manuel Ruiz, o concelleiro de Consumo Vicente Mariño e a directora xeral de Comercio da Xunta Nava Castro, que quixo acompañar aos vendedores ribeirenses na praza de Lugo.
 
A continuación, os ribeirenses desprazáronse ata a Casa Consistorial situada na praza de María Pita, onde tiveron ocasión de visitar as instalacións e foron recibidos no salón de plenos polo actual alcalde da Coruña, o popular Carlos Negreira.

Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.3.12

Boiro: o sábado 7 de abril, roteiro de sendeirismo entre Río Grande e Río Beluso

Boiro_sendeirismo_semana_santa

Boiro, 27 de marzo de 2012. A concellería de Turismo do Concello de Boiro organizará para o vindeiro sábado, 7 de abril, ás 19.00 unha ruta de sendeirismo entre Río Grande e Río Beluso. As persoas interesadas deben inscribirse na oficina de turismo de Boiro.

Pode que tamén lle interese:








Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: haberá un torneo de fútbol base o 5 e 6 de abril en Aguiño

Porto do Son: un venres nada relixioso o 6 de abril co concerto de oito grupos no parque de Portosín

Cartel_concerto_portosn


Porto do Son, 27 de marzo de 2012. Non todo van ser procesións e actos relixiosos na Semana Santa. O Venres Santo vai ser pouco piadoso en Portosín, se tomamos ao pé da letra o nome dos grupos que van tocar no concerto que comeza no parque de Portosín a partires das sete da tarde:

The Fe Kaos (Ribeira-Pobra)
Las Colillas Aquí (Compostela)
Curva á Eskerda (Porto do Son)
Comando Robalisa (Portosín)
Neo-Kaoss (Saqonia-Madrid)
Colloada Salvaxe (Sarria)
La Puta de Oros y los Alucinantes de Copas (Lugo)
Tertubalina (Esteiro, gastropunk de Muros).

Organiza a consellería de Cultura e Festexos do Concello de Porto do Son

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: programación relixiosa da Semana Santa 2012

A programación da Semana Santa de Ribeira foi presentada hoxe. Nas imaxes, a concelleira de Cultura Elvira Pisos, o párroco de Santa Uxía Cesáreo Canabal e Mª Carmen García Torrado en representación da Confraría do Paso.

 

Nota sobre a procesión do Paso: participarán uns 80 cofrades e entre 12 e 14 costaleiros. O percorrido da procesión cambia con respecto ao ano pasado (consultar cartel). Anímase á poboación á asistir.


Antes, en Certo:






 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este mércores 28, A Tropa de Trapo representa "Contos coas mans abertas" para alumnos de dous colexios

 

  • Para o  IES Leliadoura e o colexio Galaxia
  • Trátase de sensibilizar aos mozos sobre a solidariedade. Promove o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade


 

Ribeira, 27 de marzo -Día Mundial do Teatro- de 2012.- A xira do espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dentro das súas actividades de sensibilización, chega a Ribeira mañá mércores 28 de marzo. A representación, organizada polo Concello en calidade de membro da devandita entidade e desenvolvido pola compañía compostelá A Tropa do Trapo, terá lugar no Auditorio Municipal ás 11 horas, e a ela acudirá alumnado do IES Leliadoura e do colexio Galaxia.

 

O espectáculo ‘Contos coas mans abertas’, dirixido a público adolescente e adulto, baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullan aos espectadores en historias reais, recollidas case todas en primeira persoa, contos sinceros e achegados que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, ‘Contos coas mans abertas’ é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños. Son contos para mellorar e entender o mundo.

 

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimá son algúns dos protagonistas das historias de Marta Ortiz e Brais Gutiérrez, dous ensinantes de vocación que en 2006 xuntaron as súa inquedanza pola narración oral no proxecto A Tropa de Trapo. Desde entón levan percorrido toda Galicia, e mesmo outras Comunidades Autónomas, facendo reflexionar a nenos, mozos e maiores cos seus diferentes espectáculos.

 

Tras a excelente acollida colleitada en 2010, a proposta músico-teatral creada pola compañía compostelá A Tropa de Trapo para a asociación de Concellos e Deputacións percorre entre 2011 e 2012 un total de 42 Administracións socias.

 

O Fondo Galego


O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e tres Deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o colexio "Daniel R. Castelao" gaña o concurso-exposición Letras Galegas 2012

Valentn_paz_andrade

  • As exposicións gañadoras serán as encargadas de dar a coñecer a obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano. O outro centro gañador é o IES Xoán Montes de Lugo
  • A iniciativa da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca implicar ao alumnado na celebración das Letras Galegas e potenciar o coñecemento da obra do escritor

Rianxo, 27 de marzo de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará a figura de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, aos centros de ensino, aos centros de estudos galegos, aos centros da emigración, ás bibliotecas municipais e ás casas da cultura de máis de 1.600 puntos de Galicia e do exterior. A Consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad vén de resolver os dous premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2012, no que resultaron gañadores O CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de Rianxo e o IES Xoán Montes de Lugo, baixo as categorías de centros de educación infantil e primaria e de centros de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, respectivamente.

Deste xeito, as dúas coleccións de 10 carteis que conforman as dúas exposicións gañadoras ‘Valentín Paz-Andrade, galego de corazón’ -do CEIP Alfonso Daniel R. Castelao- e ‘Colleita do 1898’ -do IES Xoán Montes- imprimiranse e distribuiranse, acompañadas de cadansúa guía didáctica explicativa, para fomentar o achegamento do alumnado a Paz-Andrade e á súa obra. Os grupos de traballo que participaron na súa confección recibirán ademais un premio en metálico por importe de 3.000 euros cada un.

Favorecer o coñecemento da obra de Paz-Andrade entre o alumnado

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contribúe á conmemoración do Día das Letras Galegas 2012 mediante a organización deste concurso-exposición no que poden participar todos os centros de ensino non universitario da súa titularidade.

Con esta iniciativa, a Consellería quere impulsar o estudo da obra de Valentín Paz-Andrade, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico do autor, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e fornecer a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

Apoio ás aulas de Lingua galega e literatura e ao labor dos EDLG
Tamén a través dos materiais que integran ‘Valentín Paz-Andrade, galego de corazón’ e ‘Colleita de 1898’ quere a Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fornecer de material complementario as aulas da materia de Lingua galega e literatura, e facilitarlle ferramentas ao profesorado encargado da súa impartición, no marco dos currículos escolares da ESO e do Bacharelato.

Estas dúas exposicións e as guías didácticas explicativas que as acompañan constitúen ademais un material de apoio ao importante labor desenvolvido desde os Equipos de dinamización da lingua galega en favor da aprendizaxe da lingua galega, así coma da súa promoción e valorización social.

En Rianxo tamén é noticia:


Semana Santa: actividades relixiosas ata o 9 de abril


Viaxe: a Xerusalén e Terra Santa, en abril


Obradoiro: de iniciación musical. Prazo para anotarse ata o 30M

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical