Barbanza-Noia, 28 de marzo de 2012. Segundo explica a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), "coa crise e os recortes actuais, as ONG estamos sufrindo moito e as persoas ás que atendemos, moito máis, producíndose un deterioro na súa calidade de vida engadido á falta de saúde".
Esta asociación de asociacións organiza a próxima maratón Coruña 42 -que se celebra o domingo 15 de abril- e quere xuntar o espírito deportivo e sacrificio que esixe unha maratón, coa solidariedade e as ganas de loitar que cada un dos afectados por unha enfermidade rara e/ou crónica ten. Ultimamente están surxindo moitos proxectos de crowdfunding, é dicir, financiación colectiva ou micromecenado. Trátase, a través de microdoacións de moita xente, conseguir apoiar un proxecto moito maior. Neste caso o proxecto sería FEGEREC a través da capacidade de mobilización doutras entidades, como poderían ser os medios de comunicación.
Hai moitas páxinas para xestionar este tipo de iniciativas. FEGEREC deuse de alta en www.migranodearena.org, onde xestionan os donativos recibidos. A idea que teñen é, aproveitando a maratón, "1 kilómetro, 100 euros" por ver de conseguir 4.200 euros, que foi aproximadamente o recorte total en subvencións que tiveron este ano.
A ligazón da páxina onde poder realizar os donativos é esta: http://www.migranodearena.org/fegerecfederacion-galega-de-enfermidades-raras-e-cronicas1
"É unha idea un tanto utópica, posto que queda menos dun mes ata a maratón e aínda así temos postas moitas esperanzas nesta idea, sería un grande éxito conseguilo e precisariamos da axuda dos medios de comunicación para dala a coñecer á poboación en xeral", explícannos dende FEGEREC. Dende Certo non podemos facer caso omiso a unha iniciativa deste tipo e solicitamos, dentro da medida que as nosas lectoras e lectores poidan, que colaboren con esta causa, non só facendo microachegas na páxina indicada, senón espallando a iniciativa nos seus perfís nas redes sociais (Cabozo, Facebook, Twitter, Pinterest ou calquera outra) ou, no caso de que tiveran, nos seus blogs ou páxinas web.
"O obxectivo é darlle a maior difusión posible en internet, por ver de chegar a moita xente que se solidarice coa causa, e parécenos que sería un aliciente extra para os corredores saber que o seu esforzo vai ser seguido por todos os nosos socios con moito entusiasmo", finalizan dende FEGEREC.
Hai creado un evento no Facebook con este motivo, para que os que teñan perfil na rede de Zuckerberg fagan por partillalo: https://www.facebook.com/events/403000436395261/
Que é FegerecFEGEREC é unha entidade sen ánimo de lucro destinada a mellorar a situación socio-sanitaria das persoas afectadas por unha enfermidade rara e/ou crónica na Comunidade Autónoma de Galicia. Está formada por 7 asociacións de ámbito galego e unha coruñesa (lupus, esclerose lateral amiotrófica, ataxia, fibrosis quística, linfedema, retinose pigmentaria, Arnold-Chiari e esclerose múltiple), algunhas delas membros de COGAMI. A súa sede está en Coruña, onde prestan servizos, ademais de en Pontedeume, Narón, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, con idea de continuar dando asistencia proximamente en Sada e Ourense. En total, FEGEREC ten arredor de 1300 socios afectados.FEDERACIÓN GALEGA DE ENFERMIDADES RARAS E CRÓNICAS-FEGEREC
Pza. Esteban Lareo, Bloque 17, Sótano
15008 A Coruña
Tfno: 981 234 651
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario