19.2.11

A Pobra: presentada de xeito oficial a alcaldable polo Bng, Rosana Pérez

Imaxe do perfil de Facebook da candidata nacionalista á alcaldía

A Pobra do Caramiñal, 19 de febreiro de 2011. A candidata á alcaldía da Pobra do Caramiñal polo Bng, Rosana Pérez, afirmou estar "moi ilusionada perante o reto das próximas eleccións e asegurou que as percepcións son moi boas para que un goberno nacionalista asuma a transformación da Pobra". Rosana Pérez estivo apoiada na súa presentación esta tarde, no restaurante O Lagar de A Pobra, polo máximo dirixente do Bng nestes intres, Guillerme Vázquez.

A alcaldable nacionalista coincidiu co voceiro do BNG en que "unha das prioridades, como non podía ser doutro xeito nestes momentos de crise, é facer fronte ás drámaticas cifras do paro, que se ceban especialmente coa mocidade e coas comarcas como a do Barbanza".  Asegurou que "é posíble facer as cousas doutro xeito e ser realmente austeros, é dicir, ser responsables cos cartos dos cidadáns e e investilos para satisfacer as súas principais necesidades, de postos de traballo e tamén  de prestación de servizos basicos, públicos e gratuitos, iso si, iso sempre”, engadiu.

Feijóo, récord no desemprego


Pola súa banda, Guillerme Vázquez centrou a súa intervención en criticar o actual goberno da Xunta, aínda que estas eleccións son municipais, e preguntouse "cales son os méritos de Núñez Feijóo para trasladalos á política municipal? O récord no desemprego?"

Guillermo Vázquez afirmou que o éxito do BNG vai significar a derrota dos populares e o freo para que non poidan trasladar aos concellos a súa “incompetente e fracasada política da Xunta”, tal e como están “amenazando” que van facer, dixo.

Para o voceiro nacionalista, se estas son as intencións do PP perante os próximos comicios e para o futuro dos concellos galegos antes terán que demostrar cales son os méritos de Núñez Feijóo, “acaso a súa política de emprego, os recórdos que nos levou a bater nas cifras do paro?, ou as súas politicas antisociais e privatizadoras?”.

Ante esta situación, amosouse convencido de que a única alternativa a estas “politicas de dereita que practican tanto PP como PSOE” nos gobernos da Xunta e do Estado é a do BNG, que traballará cunha prioridade, a de crear emprego nunha situación límite como a que se está a vivir: 245 mil parados, o 8 por cento dos fogares do País con todos os seus membros no paro, un 36 por cento de taxa de paro xuvenil, menos un millón de afiliados na Seguridade Social...”.

Por iso, o BNG reducirá “á mínima expresión o gasto burocrático improdutivo e incrementaremos as partidas para o investimento produtivo e criador de riqueza e emprego”.

Promesa: saída á crise con xustiza social

O número un do BNG amosou a súa convicción de que “milleiros de galegos e galegas comparten con nós a idea de que non hai que resignarse e de que é posíbel unha saída á crise con xustiza social”.  Por iso, cada día máis galegos e galegas teñen no BNG “o seu referente e nós queremos ser portavoces deses galegos e galegas”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: autorizada a construción dun campo de herba artificial en San Lázaro

Noia, 19 de febreiro de 2011. A Dirección General para la Sostenibilidad de la Costa y el Mar autorizou a construcción do Campo de herba artificial en San Lázaro. Houbo que ampliar a concesión existente para o actual campo de fútbol.

As xestións, como se observa no documento adxunto, datan do ano 1997, nada menos (14 anos), en que se concedera ao Concello a ocupación dos terreos de San Lázaro para construír alí a actual área deportiva, cunha concesión que duraba 15 e que podía ser prorrogada, como acaba de selo.

A petición (solicitude de autorización) para a construción do campo de césped artificial data de xullo do ano pasado. En novembro de 2010 informouse favorablemente. O campo novo de fútbol ocupará unha superficie de 95 por 62 metros (case 6.000 metros cadrados) e irá dotado con rede de pluviais e rego.

As obras deberán comezar nun prazo de tres meses (a notificación fíxose a mediados de febreiro, polo que teñen que comezar como moito antes de mediados de maio) e ser executadas no prazo de catro meses dende que se lles dea inicio.  

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a cidade mobilizarase o sábado 26 para protestar pola redución da cota de lirio

Ribeira, 19 de febreiro de 2011. A Casa Consistorial acolleu no mediodía de hoxe unha reunión presidida polo alcalde José Luis Torres Colomer, para abordar a preocupante redución da cuota do lirio ou bacaladilla nun 93% para o caladoiro do Cantábrico e Noroeste.  

Esta xuntanza contou coa participación dos voceiros dos catro partidos políticos con representación municipal en Riveira (PP, BNG, PSOE e IPdR), a Asociación de Empresarios de Ribeira, a Asociación de Amas de Casa de Ribeira e o propio sector, representado nela pola Cooperativa do Mar Santa Eugenia, a Asociación de Armadores de Arrastre de Ribeira, a Cofradía de Pescadores de Ribeira e a Asociación de Compradores e Exportadores de Ribeira. 

Tras unha hora de reunión, os presentes acordaron celebrar unha mobilización en Ribeira o vindeiro sábado, día 26 de febreiro, ás 12 do mediodía, ao entender que non se ve unha solución clara a curto prazo para este problema, o que redunda nun gran prexuízo para toda Galicia e moi especialmente para o porto de Santa Uxía. O obxectivo da mobilización será demandar ás autoridades competentes que os buques poidan seguir pescando esta especie e que se revise a cuota de 824 toneladas por non verlle á mesma sentido ningún. 

Tanto os participantes na xuntanza de hoxe como outros representantes de colectivos que tamén poidan estar afectados van celebrar este luns día 21, ás 13 horas, unha nova reunión para planificar a estratexia a seguir e os traballos a desenvolver de cara a esa mobilización, na que se pretende que se sume non só todo o pobo de Riveira senón todos aqueles que en Galicia se vexan prexudicados polo tema do lirio.

Relacionadas:


Política: moción socialista de apoio á flota da bacaladilla


Pesca: o senador Colomer pregunta polo Tac da bacaladilla

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: unha cordelería que volve ás andadas

Lémbranse desta cordelería? http://farm3.static.flickr.com/2792/4271677409_cdf0ba4eca_z.jpg?zz=1 Que quedou así? http://farm3.static.flickr.com/2431/3958725679_8c6897d5e6_z.jpg?zz=1 Pois miren esta consulta ao alcalde de Boiro (atopada por Dani Gestoso)
Pregunta:
Bos dias, gustaríame saber si se pode almacenar material altamente inflamable no garaxe dun edificio e sen ter medidas de protección, como fai a cordeleria no baixo do edificio J. España que da a rúa Pablo Iglesias o cal esta a desbordar. Existe perigo de incendio e vive moita xente por aquí. ¿quen lle facilitou o permiso para almacenar ese material no medio do pobo¿ ¿acordádevos do incendio do ano pasado¿. Grazas.
El Alcalde responde:
Estimado veciño: A súa queixa foi trasladada ao Departamento Urbanismo, a fin de que realice as averiguacións e trámites que proceda. Saúdos, Xosé Deira Triñanes Alcalde – Presidente

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.2.11

Ribeira: a web do Plaza presenta aos catro candidatos (dúas candidatas e dous candidatos) á alcaldía na Rede

Aquí tendes os Programas
www.manoloruiz.org

Manolo Ruiz Rivas

http://bng-ribeira.org/domi/

Dominga Brión

http://www.psoeribeira.es/

Andrés Fariña Cadenas

http://www.ipder.es/

Rosa García Pose

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: de novo ao Parlamento a petición de celadores no Hospital da Barbanza

O PSdeG apoia as reivindicacións do comité de empresa do Hospital do Barbanza e defenderá no Parlamento que a Xunta de Galicia tome unha decisión no primeiro trimestre deste ano para mellorar a situación do persoal pertencente ao centro hospitalario barbanzano

Ribeira, 18 de febreiro de 2011.  O Portavoz da Área Institucional do Grupo Parlamentario dos Socialista de Galicia, José Manuel Lage, vén de rexistrar unha Proposición non de Lei no Parlamento para que a Xunta de Galicia incremente o cuadro de persoal no hospital do Barbanza e afirma que “o goberno galego está facendo oídos xordos diante das reivindicacións de moitos colectivos sociais do Barbanza e do propio Comité de Empresa do Hospital da Barbanza que demandan que se atenda a necesidade de dotar de máis persoal a este centro hospitalario”.

O deputado socialista José Manuel Lage vén defendendo a través dunha serie de iniciativas parlamentarias que se mellore a calidade asistencial do Hospital do Barbanza e afirma que “o goberno galego ten que escoitar aos usuarios e aos traballadores do hospital do Barbanza, e verá a necesidade de dotar de máis persoal a este centro hospitalario”.

Destacou que “o hospital conta con bos profesionais que fan un magníficio traballo, e cabe recordar que son os traballadores e traballadoras os que están cubrindo as carencias de persoal con gran esforzo. Por iso é imprescindible que o goberno galego resolva o problema canto antes”.

Lage Tuñas recordou que “fai máis dun ano que o goberno galego coñece as reivindicacións dos traballadores e traballadoras do Hospital do Barbanza, e polo de agora non deron un só paso adiante nin deron explicacións do que teñen pensado facer, e cómpre que se adopten decisións inmediatas para que non se deteriore a asistencia sanitaria”.

O deputado barbanzano dixo que “os socialistas facemos esta proposta con ánimo constructivo e co obxectivo de que a Xunta de Galicia abandone a pasividade neste asunto, xa que é preciso tomar decisións para mellorar a situación do persoal do Hospital do Barbanza”.

Lage Tuñas explicaba que “o Valedor do Pobo en marzo de 2010 xa instaba á Consellería de Sanidade a crear prazas específicas de celadores no recinto para evitar que os auxiliares de enfermaría realicen esas funcións.”

O deputado do PSdeG recordou que “o hospital da cobertura a unha poboación potencial de 70.000 habitantes e a lentitude da asistencia nalgúns casos débese á falta de celadores/as, e a sobrecarga de traballo que están sufrindo @s auxiliares de enfermería”

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a casa de cultura da Atalaia acubilla obras do Premio de Isaac Díaz Pardo ata o


Porto do Son, 18 de febreiro de 2011. Na casa de cultura de Porto do Son poden verse, ata o 13 de marzo, obras do IX Premio de Artes Plásticas "Isaac Díaz Pardo", que forman parte dunha exposición itinerante que circula por toda Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: a Asociación Galega de Editores renderá unha homenaxe ao finado Xosé Agrelo Hermo na VI Noite da Edición

O gremio editorial galego celebrará o próximo 12 de marzo ás 20:00 horas a VI Noite da Edición, na Deputación de Lugo


O Concello de Muros adicoulle un busto a Agrelo en Esteiro o ano pasado

Noia, 18 de febreiro de 2011. A AGE homenaxea  no apartado da edición histórica ao que fora director da noiesa Editorial Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, así como ás dúas editorias que cumpren o seu XXV aniversario, Ir Indo Edicións e Hércules de Ediciones. Os editores nomearán socio de honra ao seu ex presidente Alfonso García Sanmartín.

Agrelo na Biblioteca Virtual Galega

Os premios divídense nas seguintes categorías:

Premio Ánxel Casal Ficción, Premio Ánxel Casal non ficción, Premio Ánxel Casal Teatro-Poesía, Premio Xosé Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil, Premio Xosefa Iglesias Vilarelle ao libro educativo, Premio Lois Tobío ao libro traducido, Premio Isaac Díaz Pardo ao libro ilustrado, Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao mellor autor.

En total son 23 as obras editadas polo sector as que optan os Premios da Edición. Ademáis os autores Xosé Neira Vilas, Pepe Carreiro (quen tamén colaborou con Toxosoutos debuxando Os Barbanzóns) e Marcos Calveiro optan o Premio a mellor autor X.M.Álvarez Blázquez.

A AGE outorgou o Premio Francisco Fernández del Riego á mellor iniciativa do ámbito do libro a Espazo Lectura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 25 abre a inscrición para o obradoiro de cociña e repostería de Entroido

Celébrase do martes 1 ao venres 4 de marzo. Só hai 20 prazas!

O enterro do Felipiño é o último acto do entroido ribeirense

Ribeira, 18 de febreiro de 2011. A Concellería de Cultura e Festexos organiza, dentro da programación do Entroido 2011, un Obradoiro de Cociña e Repostería de Carnaval. Hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para anotarse abrirá o vindeiro luns, día 21 de febreiro, e rematará o venres 25. 

Os interesados poderán  inscribirse no Auditorio Municipal en horario de 10 a 14 horas (teléfono 981 835 650). A inscrición é gratuíta e o único requisito para asistir é ter 16 ou máis anos de idade. 

Este obradoiro desenvolverase nas Aulas que o Departamento de Servizos Sociais ten habilitadas na rúa Cristóbal Colón entre o 1 e o 4 de marzo. O horario será de 19 a 21 horas.

Relacionada:


Murgas e comparsas: aberto prazo para anotarse ata o martes 22 de febreiro

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: programa completo de Entroido coas bases do concurso de comparsas

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical