23.11.09

Ribeira: fallados os premios literarios polo 50 aniversario da parroquia de Aguiño

A asociación cultural, recreativa e veciñal Francisco Lorenzo Mariño, que preside Unai González Suárez, organizou un Certame Literario de Poesía e Relato de carácter internacional en galego. Presentáronse 65 participantes con traballos de toda Galicia e gañou, na categoría de relato, o titulado “Alén do Mar” de Alexandre Cortés de Carreira (parroquia de Ribeira). Na categoría de poema, resultou gañador “Como escribir, miña xoia” de Luz Airado, de Lugo. Cada premio consta de 180 € cada un, ademais de publicación da obra e diploma. Tamén se concederon accésit de relato e poesía a un coruñés e un pontevedrés; na categoría infantil/xuvenil resultaron gañadores alumnas/os do Ceip de Aguiño e de Fisterra.

Entrega de premios

Este sábado 28 de novembro realizarase no Conservatorio de Música de Aguiño a Entrega de Premios, que consistirá en diplomas, premios en metálico, lotes de libros e de material didáctico, e por suposto, da publicación cos traballos gañadores realizada pola asociación Francisco Lorenzo Mariño e que será presentada eses mesmo día (realizáronse 500 libriños, calcúlase que a entrega será ás 22:00 h). Tamén haberá un Viño Galego para por fin ao acto, ao que están convidados todos os veciños e persoas que queiran asistir. 

Previamente, ás 20:30 h, terá lugar a derradeira representación da Mostra de Teatro Francisco Lorenzo Mariño, a cargo de Victor Vez e Candelexas de Noia. Ao rematar esta representación terá lugar a Entrega de Premios do certame, está confirmada a asistencia de todos os premiados e tamén dos participantes na categoría infantil/xuvenil que recibirán un diploma pola súa participación.

As imaxes que acompañan este texto son da representación do sábado 21 de novembro a cargo de Candelexas de Noia coa obra “Mellor ser can que vivir coma un can”. O éxito de público desta mostra de teatro en Aguiño está a ser grande, pois todas as semanas se xuntan un cento de personas a ver as función. A entrada é de balde ata encher aforo.

A asociación Francisco Lorenzo Mariño agradece as donacións bibliográficas do Concello de Riveira e da Librería Master para a AULA DAS LETRAS FRANCISCO LORENZO MARIÑO que está a facer no Local Parroquial. Agora hai pouco máis dun cento de libros que están xa no local a disposición de toda a veciñanza. Seguen a pedir donacións bibliográficas doutras entidades e institucións.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical