A delegación compostelá será recibida polo Alcalde e visitará os muíños de Ponte Goiáns e o Centro Arqueolóxico do Barbanza
Profesores e alumnos da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago visitan Boiro para coñecer de primeira man programas municipais de Cultura, Xuventude e Participación Cidadá
Boiro, 28 de abril de 2010. Boiro recibirá este venres, día 30 de abril, a visita dunha delegación, integrada por unhas 55 persoas, de alumnos e profesores da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que se desprazarán ao municipio para coñecer, de primeira man, a organización e posta en marcha de iniciativas municipais nos ámbitos de Cultura, Xuventude e Participación Cidadá, como poden ser o programa Leña Verde, a Mostra das Culturas, a implicación social nas Festas do Verán ou as accións de participación veciñal.
As profesoras que acompañan aos estudantes son María del Carmen Morán Castro, do Departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, e María Belén Caballo Villar, que están a impartir as materias Programas de Animación Sociocultural e Pedagoxía do Lecer e do Tempo Libre, respectivamente, no terceiro curso da titulación de Educación Social na USC; de aí a relación entre as asignaturas cos temas que se tratarán o venres.
O programa é o seguinte:
10.00 horas. Recepción do grupo no Centro Social de Boiro por parte do Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e de técnicos de Cultura. Visita guiada ás instalacións.
10.30 horas. Charla sobre participación cidadá e cultura no Concello de Boiro.
11.00 horas. Debate.
11.30 horas. Visita á Asociación Cultural “ O Faiado”.
12.30 horas. Visita aos muíños de Ponte Goiáns.
13.30 horas. Xantar campestre e descanso.
16.00 horas. Visita ao Centro Arqueolóxico do Barbanza.
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario