14.6.10

Cursos: Ámbar comezou un de Atención Sociosanitaria a persoas no domicilio

Ribeira-A Pobra, 14 de xuño de 2010. AMBAR inaugurou hoxe o curso de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio. Trátase dun curso de 625 horas enmarcado dentro das Accións Formativas dirixidas prioritariamente a Persoas Desempregadas (AFD), financiadas pola Consellería de Traballo e Benestar e o Fondo Social Europeo.

 

AMBAR traballa para mellorar as condicións de vida das persoas con diversidade funcional. Na actualidade a realidade social da nosa comarca  é que o aumento de porcentaxe de persoas con diversidade funcional, sexa por cuestións traumáticas, conxénitas ou adquirida coa idade, é cada vez maior. Isto, xunto con outros factores propios dos estilos de vida actuais, fan que a poboación potencial usuaria do Servizo de axuda a Domicilio nos próximos anos precisen dunha resposta efectiva e de calidade, para o que se precisa dunha formación adecuada e da achega do “punto de vista do usuario”, algo que AMBAR propón e que considera moi importante.

 

Por iso, este curso ofrecerase dende unha visión completamente positiva e humana, máis aló do simple asistencialismo. Pretendendo potenciar a participación da persoa en situación de dependencia, do ancián ou anciá, baseándose precisamente nas características propias e inherentes a cada individuo. Parten dun obxectivo claro en canto á inclusión das persoas no seu medio, normalizando as situacións para facer a vida tan normal como sexa posible, fomentando e afianzando aquelas capacidades que posúe a persoa e ofrecendo unha resposta concreta ante situacións de necesidade ou déficit.

 

AMBAR espera que  esta acción formativa  redunde en beneficio dos alumnos, (traballadores e traballadoras) e por conseguinte na súa competencia profesional á hora de prestar os apoios pertinentes ás persoas dependentes que precisen dos seus servicios, fomentando a posibilidade de que poidan continuar vivindo no seu fogar coa suficiente autonomía mentres sexa posible e conveniente.

 

O curso consta dos seguintes módulos formativos que se impartirán dende o 14 de xuño ó 30 de novembro de 2010:


  1. Hixiene e atención sanitaria domiciliaria
  2. Atención e apoio psicosocial domiciliario
  3. Apoio domiciliario e alimentación familiar
  4. Prácticas profesionais non laborais

Ademáis impartiranse dous módulos de formación transversal:  Inserción laboral: técnicas de busca de emprego  e  Fomación para a igualdade

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical