8.11.10

Rianxo: piden á Xunta que declare axiña Ben de Interese Cultural a obra de Castelao

O socialista Lage Tuñas pide que a Xunta "impulse a protección e difusión da obra de Castelao tal e como acordamos no mes de abril por unanimidade no Parlamento de Galicia"

Rianxo, 8 de novembro de 2010. Os deputados socialistas José Manuel Lage e Xoaquín Fernández Leiceaga presentaron unha iniciativa parlamentaria para poñer en valor a obra do rianxeiro universal Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Os socialistas galegos fan alusión na súa iniciativa ao acordo unánime do Parlamento de Galicia e agora pídenlle ao goberno galego que explique “que accións ten realizado durante o ano 2010 para dar cumprimento ao acordo do Parlamento de Galicia” no que se reclamaban ao executivo accións encamiñadas a dar a coñecer a obra do polifacético intelectual rianxeiro.

Lage Tuñas pídelle ao executivo galego “que impulse a protección e difusión da obra de Castelao” dando cumprimento a un acordo parlamentario “que non debe de quedar nun brinde ao sol”. O deputado barbanzano do PSdeG-PSOE recorda que “o Parlamento de Galicia aprobaba no pasado mes de abril do presente ano 2010 un acordo para favorecer a protección e a difusión da obra de Alfonso D. Rodríguez Castelao, como ensaista, político, literato ou debuxante, polo que é preciso coñecer que accións levou adiante a Xunta de Galicia durante este ano 2010”.

Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao

Lage Tuñas expón que “Castelao é un símbolo colectivo de Galicia, máis alá de posicións ou visións partidarias, que ten sido incorporado á axenda oficial das institucións de autogoberno do noso País con mencións expresas en diversos actos ou acontecementos oficiais, e iso ten que trasladarse ás accións de protección e divulgación da súa obra, para o coñecemento do propio país e para o coñecemento universal”. Os deputados socialistas asinantes da proposición non de lei explican que “a figura deste rianxeiro universal trascendeu máis alá dun plano concreto, manifestándose polifacético, creativo, universal e símbolo dun momento político e social coincidente coa aprobación do Estatuto de Autonomía do ano 1936, que posteriormente contribuirá de maneira decisiva ao recoñecemento de Galicia como Nacionalidade Histórica na Constitución Española de 1978.

José Manuel Lage fai fincapé no feito de que “a cámara lexislativa acordou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a incoar o expediente oportuno para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o conxunto da obra de Castelao” e explica que “ao mesmo tempo tamén se reclamaba a programación dunha grande exposición, que amose o conxunto de fondos de Castelao, unha vez que o seu legado espallado polo mundo estea debidamente localizado e catalogado.” “Toca saber que ten feito o goberno galego sobre este particular, fiscalizar a acción do executivo e descubrir o grao de execución do acordo.” expón Lage Tuñas. “O Parlamento é a primeira institución de Galicia e debe ser respectada polo executivo; imos ver que ten feito o goberno galego para dar cumprimento ao acordo unánime do Parlamento”, rematou.

Relacionadas:


Castelao: tótem para todo, tamén para a crise


Casa Castelao, rúa de Abaixo: o Bng insiste na apertura polo BIC

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical