Segundo a Xunta, a xestión compartida de determinados servizos públicos de titularidade municipal constitúe unha das apostas da Consellería de Presidencia para reducir custes e mellorar a eficiencia na prestación destes servizos
Barbanza, 26 de xaneiro de 2011.- A Dirección Xeral de Administración Local colaborará coa Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte -Boiro, Rianxo, A Pobra e Ribeira- na realización dun estudo que avalíe os beneficios da xestión compartida de determinados servizos, coma poden ser a recollida de lixo, a xestión da auga ou os servizos sociais. Así o acordaron representantes de ambos entes despois dunha xuntanza mantida hoxe na Dirección Xeral de Administración Local, na que os representantes dos concellos arousáns trasladáronlle ao seu director xeral, Norberto Uzal, esta petición. O departamento dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza acolleu favorablemente a iniciativa, á que se lle suma tamén a xurdida nos concellos de Curtis, Aranga, Cesuras, Sobrado dos Monxes e Oza dos Ríos, no mesmo sentido. A primeiros do mes de febreiro, a Consellería de Presidencia procederá a solicitar aos concellos implicados datos relativos aos servizos para os que se suscita a implantación dunha xestión compartida co obxectivo de dispor no prazo máis breve posible das conclusións do estudo. A xestión compartida de determinados servizos públicos de titularidade municipal constitúe unha das apostas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza como solución para reducir os custes e mellorar a eficiencia na prestación de determinados servizos de titularidade municipal. A delegación arousán que esta mañá se achegou a Santiago estivo composta polo presidente da Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Xosé Deira; polo alcalde de Ribeira, Jose Luis Torres Colomer, e por técnicos da entidade supramunicipal.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario