4.1.11

Ribeira: a Casa da Xuventude sofre outra inundación e "Flor de Toxo" reclama que se arranxe ou se habilite alternativa


Casa da Xuventude ribeirense. Imaxe de setembro de 2009

Ribeira, 4 de xaneiro de 2011. "O día 3 de xaneiro do presente ano, a Casa da Xuventude de Ribeira sufriu unha nova inundación debido aos defectos na construción do edificio, é por iso polo que nos vemos na obriga de reclamar o inmediato amaño e apertura do citado edificio", reivindica a asociación cultural ribeirense Flor de Toxo.

Para este colectivo, "non é tolerable que despois dun ano de ser inaugurada siga pechada ao público. O concello non pode excusarse eternamente na empresa construtora, no arquitecto, nas filtracións, nos actos vandálicos…  É certo e comprendemos que houbo unha serie de imprevistos que fixeron que se demorase esta obra, pero o concello mostra unha actitude de falta de interese e pasotismo polas infraestruturas e política xuvenil en xeral".

Flor de Toxo sinala que "a día de hoxe a mocidade deste municipio non dispón dun lugar onde reunirse, onde levar a cabo ideas, onde darlle forma a proxectos.  É unha vergoña que se inaugure un edificio e un ano despois siga sen funcionar, que se faga en febreiro de 2010 unha reunión con entidades do municipio e se nos prometese unha segunda reunión no prazo de 15 días e a día de hoxe seguimos agardando por ese segundo encontro. Hai que ter en conta que é  unha instalación que o goberno municipal se empeñou en facer ao seu xeito, sen ter en conta recomendacións de colectivos culturais e xuvenís ou grupos políticos da oposición, polo tanto agora deben roer co que hai".

Mobilizacións se continúa a desidia

"Se non vemos avances e segue a falta de interese pola Casa da Xuventude verémonos na obriga de convocar protestas e manifestacións para presionar ao goberno do concello. Aproveitamos a ocasión para reclamar que se debe crear un Consello Local da Xuventude, para que o concello saiba o que a mocidade quer e como o quer", rematan os integrantes de Flor de Toxo.

Máis información en Certo sobre a Casa da Xuventude, aquí e aquí

Relacionada:


Viaxe á neve: "Flor de Toxo" organiza un. Anótate! Prazo ata 10 de xaneiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical