Ribeira, 8 de abril de 2011.- A Sala Alta do Auditorio Municipal acubilla dende esta semana e ata o próximo 20 de abril a exposición colectiva de fotografía “Crear Sen Límites”. Producida por Noelia González, esta mostra recolle arredor de trinta creacións dos artistas Pepe Hombre e Sergio Contremo. Cabe destacar que tanto a produtora Noelia González como Pepe Hombre son de orixe ribeirense. Ambos formáronse na Escola de Imaxe e Son da Universidade da Coruña, centro ao que asistiu igualmente Sergio Contremo, natural de Salvaterra de Miño. Entre outros traballos, no currículo de Pepe Hombre (nacido en 1984) figuran traballos como fotógrafo/retratista para bandas de música ben coñecidas por estes pagos, como A Compañía do Ruído, Tevra, Rasa Loba, Mongollica, Rever ou Fisfuchin Hotel. Tamén ten realizado ilustracións para o libro “Leyendas de Aozora” e pinturas en lenzo destinadas a tendas e pequenas galerías. En canto a Sergio Contremo, ten participado en exposicións celebradas en Val de Mahía (Ames, Brión) e na Coruña, e realizado os books de diferentes modelos de Galicia. A exposición está aberta de luns a venres de 11 a 14 horas, e martes, mércores e sábados, de 19 a 21 horas.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario