23.5.11

Ribeira: o Atlético Riveira celebra o ascenso cun partido amistoso "Inesquecible" este domingo 29 de maio en Madrid

Ribeira, 23 de maio de 2011. Coa colaboración da peña madridista Amancio e do Concello de Ribeira, e como premio ao excelente traballo desenvolvido polo Atlético Riveira esta tempada, que acadou o ascenso á Primeira Autonómica, este equipo vai viaxar á capital de España para enfrontarse ao equipo xuvenil do Real Madrid, que milita na División de Honra e é o vixente campión nacional. 

Este duelo amistoso terá lugar o vindeiro domingo 29 de maio, ás 12 do mediodía, na cidade deportiva que o club merengue ten na localidade de Valdebebas e estará pitado por Mejía Dávila, ex árbitro profesional que pitou en Primeira División. 

Deste encontro e do resto de actividades programadas na viaxe deron conta o presidente da peña Amancio, José Manuel Pérez Sampedro Mariscal (quen tamén exerce de segundo adestrador no Atlético Riveira), Juan Manuel Blanco García en representación do club barbanzano, e os concelleiros de Cultura e Festexos e de Xuventude e Turismo, Luciano Fernández Martínez e Vicente García Rivas, respectivamente. 

Segundo informou Pérez Sampedro, o club partirá de Santa Uxía ás 12 da noite do 27 de maio en autobús. En torno ás 8 da mañá chegarán a Segovia, onde haberá oportunidade de visitar algúns lugares emblemáticos da capital de provincia, como o Acueduto, a Catedral e o casco antigo; así como o pobo de Villacastín. 

Copa do Mundo

O sábado 28 visitarán a Cidade Deportiva do Fútbol de Las Rozas, pertencente á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Alí terán oportunidade de coñecer as instalacións, campos, vestiarios e ximnasios onde se exercitan as distintas seleccións nacionais e mesmo poderán ver no museo a Copa do Mundo conquistada o ano pasado en Sudáfrica. 

Xa pola tarde, farán outra visita ao Estadio Santiago Bernabeu, onde percorrerán as gradas, campo, vestiarios, sala de prensa, palcos vip, palco de honor, museo, etc... 

O domingo disputarán o citado amigable e despois emprenderán a viaxe de regreso a Ribeira. 

Juan Manuel Blanco García salientou e agradeceu o esforzo levado a cabo pola peña Amancio e polo Concello para que este desprazamento poda ter lugar, en tanto que Luciano Fernández manifestou que esta viaxe quedará de seguro na memoria dos rapaces do equipo. Pola súa parte, Vicente García resaltou que son moitas as empresas e institucións que se están volcando co Atlético Riveira. 

Ao finalizar o acto amosáronse as distintas camisolas deseñadas para conmemorar esta ocasión inesquecible.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical