- A do Malecón abre ininterrompidamente dende as 9 da mañá ata as 9 da noite, de martes a domingo
- A de Xarás, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas, todos os días agás os martes
- O Centro de Interpretación de San Roque, de martes a sábado, de 9 a 13 e de 14 a 19 horas.
Ribeira, 23 de xuño de 2011. O novo concelleiro de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes, Anxo Orellán Fernández, compareceu este mediodía ante a Oficina de Turismo do Malecón de Santa Uxía para explicar, na que foi o seu primeiro acto público ante os medios de comunicación, os detalles do funcionamento dos tres puntos informativos aos visitantes de que dispón o municipio: o xa citado do Malecón e o situado en Xarás, ambos abertos o pasado 15 de xuño, así como o localizado no parque periurbano de San Roque, que funciona todo o ano.
Orellán Fernández destacou que con motivo do período de verán, o Concello contratou a tres persoas que, xunto coa propia técnica municipal de Turismo, se encargan de ofrecer atención e solucionar as posibles dúbidas dos visitantes que recalan en Riveira. Como novidade, subliñou que este ano amplíase o horario de atención ao público con respecto a anualidades anteriores, de tal maneira que a oficina do Malecón permanecerá aberta ao público ininterrompidamente dende as 9 da mañá ata as 9 da noite, de martes a domingo; en tanto que a de Xarás o fará de 11 a 14 e de 16 a 19 horas, todos os días agás os martes.
Polo que respecta ao Centro de Interpretación de San Roque, este próximo sábado iniciará o seu horario de verán, funcionando de martes a sábado, de 9 a 13 e de 14 a 19 horas.
Agardan superar as estatísticas do ano pasado Con esta ampliación de horario, as expectativas do departamento municipal de Turismo apuntan a mellorar as estatísticas do pasado verán, no que se atenderon as consultas dun total de 11.709 persoas, distribuídas do seguinte xeito: 3.348 en San Roque, 5.500 no Malecón e 2.861 en Xarás.
En canto ao material que se pode atopar nas oficinas, caben destacar por exemplo a guía turística do Concello, recentemente actualizada; ou o dossier “Catro horas coa Cultura e o Turismo de Ribeira”, que recolle catro posibles itinerarios dedicados á arqueoloxía, museos, patrimonio natural e patrimonio etnográfico. Sobre este asunto Anxo Orellán avanzou que o Concello está traballando nunha quinta ruta dedicada ás praias.
Tamén se pode atopar información turística editada por institucións ás que Ribeira pertence como a Mancomunidade Arousa Norte ou o Eixo Atlántico.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario