27.10.11

Ribeira: comeza este venres 28 a Mostra de Teatro cos noieses de "Candelexas" e as gargalladas de "En busca da chacha perdida"

  • Ás 21.30 horas no Auditorio Municipal
  • O Concello tamén informou hoxe de que van intentar regular a situación de pubs e discotecas

Media_httpfarm5static_drcte

Os de Candelexas representaron o ano pasado "Faladoiro no banco"

Ribeira, 27 de outubro de 2011.- O Auditorio Municipal acollerá mañá a apertura dunha nova edición da Mostra de Teatro de Ribeira. Será a obra “En busca da chacha perdida”, da compañía noiesa Teatro Candelexas, a que dea inicio a esta nova incursión na representación dramatúrxica. 

A función terá  lugar ás 21.30 horas e a entrada é libre e gratuíta (poderanse retirar as entradas media hora antes). 

Escrita e dirixida por Victor Vez, principal impulsor e director de Teatro Candelexas, “En busca da chacha perdida” é unha divertidísima  comedia na que un matrimonio de xubilados “relatan” as penurias que pasaron perante corenta anos para encontrar a empregada  do fogar ideal. Polo domicilio conxugal van pasando diferentes personaxes  o  que da lugar as mais variadas e divertidas escenas. Situacións cargadas de ironía que, ao mesmo tempo que provocan verdadeiras gargalladas, dan lugar a unha aceda critica social de tipos e personaxes moi frecuentes na nosa sociedade. 

Expediente para normalizar pubs e discotecas

  • Realizarase unha modificación puntual do PXOM de 2003 para poder facelo
  • Os locais ribeirenses afectados poderán regularizar a súa situación sempre que cumpran a normativa acústica, as reglas de accesibilidade e os horarios

O Concello informa de que se vai iniciar a tramitación de correspondente expediente en orde a normalizar o funcionamento dentro do municipio de pubs e discotecas.  A día de hoxe existe unha limitación de uso que impide que se constitúan novos pubs ou discotecas na trama residencial do municipio e mesmo impide tamén que se legalicen os que veñen funcionando actualmente como tales. 

Isto é así en virtude do artigo 108 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 2003: unha disposición que, á hora de clasificar os usos do solo, indica a incompatibilidade de establecer discotecas ou pubs co uso residencial, salvo no caso daqueles locais que xa se atopasen en funcionamento na data da aprobación definitiva do PXOM: unha excepción esta última á que se acolleron no seu momento escasos establecementos da cidade. 

Así e logo, a vía adoptada polo Concello é a de realizar unha modificación puntual no Plan Xeral sobre o citado artigo, de tal xeito que se abra a porta a que locais que veñen funcionando como pubs poidan regularizar a súa situación, ademais de poderse abrir outros novos.  

Tanto nun como noutro caso deberán cumprir a normativa vixente en materia acústica (a actividade que leve implícita a utilización de equipos de música só se podará dar naqueles locais debidamente insonorizados), de accesibilidade ou horarios, con especial respecto á ordenación municipal de ruídos e ao código técnico de edificación. 

No próximo pleno ordinario da Corporación, que terá lugar o 31 de outubro, darase conta do inicio do expediente.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical