O novo mercado irá neste edificio
Ribeira, 28 de outubro de 2011.- O traslado dos sindicatos e outras entidades con sede no edificio da praza de abastos e, con isto, a construción do novo mercado municipal está cada vez máis preto de ser unha realidade, segundo informou hoxe o Concello. A este respecto, e segundo se aprobou hoxe no pleno da Deputación Provincial de A Coruña, o Concello vai recibir desta institución unha subvención de 25.000 euros con miras a adecuar un local de titularidade municipal sito en Abesadas (a carón do Kukua) para que esta instalación poida albergar un dos sindicatos afectados: concretamente a CIG, segundo o principio de acordo que fora alcanzado no seu momento. A subvención recibida supón o 25% do custo global da adecuación, que ascende a case 100.000 euros.
A día de hoxe pódese dicir que están practicamente ultimadas as negociacións entre o Concello e as partes implicadas para o traslado efectivo a outras ubicacións dos sindicatos e a oficina de extensión agraria. De feito, espérase que no transcurso do próximo mes de novembro poida ter lugar xa este cambio de emprazamentos, que no caso da CIG pasaría anteriormente por un local provisional mentres non se finalice o acondicionamento do de Abesadas.
A antiga sede dos Servizos Sociais e o CIM de Riveira, amén dalgún outro inmoble da cidade, serán os destinos do resto de entidades implicadas.
Aparcadoiro do Centenario
O Concello tamén quixo salientar hoxe que un dos puntos incluídos na orde do día do próximo pleno ordinario da Corporación Municipal de Ribeira (este luns 31 de outubro) é o do inicio do expediente administrativo para proceder á cesión do contrato de concesión do Aparcadoiro Subterráneo do Centenario a outra entidade.
A este respecto, cabe dicir que a empresa Aparcamiento Genaro de la Fuente, S.L., actual concesionaria do Parking do Rueiro de Santa Uxía, expresou o seu interese en subrogarse na posición de Proinsa (empresa adxudicataria do Parking do Centenario, actualmente inmersa nun procedemento concursal), en calidade de adxudicataria desta última concesión con todos os dereitos e obrigacións que isto entraña.
Todos os axentes implicados, incluíndo o propio Concello e a empresa Proinsa, teñen interese en que cristalice esta cesión.
A explotación por parte de Genaro de la Fuente, S.L. produciríase nas mesmas condicións e coas mesmas obrigas coas que se adxudicou o parking no seu momento, incluíndo a apertura do aparcamento as 24 horas ou o mantemento das instalacións en perfecto estado de uso ou conservación.
Defensor xudicial
A tal efecto, o Concello designou un defensor xudicial para que traballe co obxectivo de que o administrador concursal de Proinsa (e o xuíz en última instancia) dea o visto bo a esta operación.
Coa cesión poríase fin ás incidencias rexistradas a causa das dificultades inherentes a que a empresa actualmente concesionaria do aparcamento estea sumida nunha situación concursal.
Pode que tamén lle interese:
Mostra de Teatro: comeza este venres 28 con Candelexas
Pleno do 31 de outubro: orde do día
Banco de tempo: reunión o 4 de novembro para novas propostas
Charla: quen mexe nos niños de Barbanza? O 4 de novembro cóntanolo Axena
Lesións por bolardos: nas rúas de Galicia e Santa Uxía
Aventura: dous ribeirenses ao Nepal, en novembro
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario