- O Festival Antrospinos de Taragoña chega este ano ao capítulo 5
Este foi o cartel gañador do ano pasado. Mellóreno!
"Se es galeg@, tes un grupo de música ou es cantautor/a e desexas promocionarte, non o dubides, preséntate ao noso concurso enviando un correo-e ao enderezo festivalantrospinos@gmail.com co teu nome completo, nome do grupo, breve descrición do estilo musical e un vídeo para podermos ver a túa graza sobre o escenario. Só con isto entrarás a formar parte dos concursantes de Teloneiros. Os dous grupos gañadores serán informados na segunda semana de xuño, poñéndonos en contacto con eles a través do mesmo correo-e. O premio será formar parte do Escenario Carballo ademais do aboamento dunha cantidade por desprazamentos", explican os organizadores.
Deseño do cartel
O devandito concurso consiste na creación dun deseño para o cartel do Festival AntrosPinos 2012. Unha vez realizada a obra, de estilo libre, deberá enviarse ao enderezo electrónico festivalantrospinos@gmail.com en formato PDF, xunto co nome completo do autor, un número de contacto e enderezo-e.
O prazo para enviar os traballos está aberto desde xa, ata o 10 de xuño ás 00.00 h. A partir dese intre non se recollerán máis propostas.
Requisito: O deseño debe conter o seguinte texto: "Festival Antrospinos 2012. Capítulo 5. 27 e 28 de xullo. Taragoña, Rianxo". Na orde, colocación e forma que se considere.
O FAP resérvase o dereito a distribuír sobre o deseño os nomes dos grupos participantes no festival 2012.
PREMIO: O deseño elixido pasará ser o CARTEL DO FAP 2012. Distribuirase por unha ampla zona da xeografía galega, figurando nel o nome do seu autor ou autora, que recibirá un agasallo de recoñecemento na tarde do sábado, durante o festival.
O Festival Antrospinos é un acontecemento musical que se celebra cada última fin de semana de xullo en Taragoña, Concello de Rianxo, desde hai cinco anos. Nel xúntanse diferentes estilos musicais que van desde o folk ao ska, pasando pola música de fusión ou o rock galego. Enxebrismo e modernidade van da man neste evento organizado pola asociación do mesmo nome, sen ánimo de lucro, cuxos obxectivos son tamén outras actividades a realizar durante o ano de carácter cultural, ecolóxico e de recuperación das tradicións.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario