20.4.12

Ribeira: Francisco Antonio Vidal falou dos ritos paganos de fecundidade en San Alberte

Ribeira, 20 de abril de 2012.- Por segunda semana consecutiva, o salón de actos do Conservatorio rexistrou  unha nutrida concorrencia de público para asistir a outra conferencia dos Xoves Literarios. Nesta ocasión foi o literato Francisco Antonio Vidal Blanco (nacido na Bouciña, en Palmeira, en 1957) o que deleitou aos asistentes cunha comparanza entre os fastos, mitos, crenzas e celebracións da antigüidade e as festas e romarías de hoxe.

 

Para impartir a súa charla, Vidal Blanco baseouse no seu libro “Dos Fastos aos Festexos”, publicado en 2009 en colaboración con Rosa B. Vizcaya, e apoiouse para as súas argumentacións nunha ampla profusión de imaxes representativas.

 

San Alberte

O autor non desaproveitou a ocasión para incidir nalgúns dos ritos que aínda hoxe perduran no municipio ribeirense. Tal é o caso dos actos consistentes en “virar a tella”, “tirar a tella” e “bendicir as terras dos campos”: tres rituais que, sen ir máis lonxe, puidéronse ver o pasado luns con motivo da romaría de San Alberte. O de virar a tella sería para que as mulleres dos mariñeiros atraesen os ventos propicios cos que os seus homes voltasen do mar; o de tirar a tella sería un ritual de esperanza e fecundidade, polo cal, o que tivese a sorte de deixar o mesmo anaco de tella, tirado tres veces, no antepeito da fiestra da capela de San Alberte onde se fai o rito, atoparía parella ese mesmo ano. Xa o de bendecir os cestos con terra do monte sería tamén parte do ciclo de festas de primavera -os maios, xa prerromanos- que buscan atraer a fecundidade para os campos recén sementados.

 

Francisco Antonio Vidal ten publicado oito novelas (a última delas, “As deusas do Calvario” en 2010) e diversos ensaios e obras de teatro. Entre os seus premios literarios cabe destacar o premio do Concello de Vilalba de novela nos anos 1992 e 1998, o Premio de Literatura Infantil Ólisbos en 1993, o da Casa de Galicia de Baracaldo en 1997, o do Concello de Viveiro en 2003 ou o Terra de Melide en 2007.


Paz Andrade no vindeiro Xoves Literario

 

A semana que vén terá lugar a última das xornadas dos Xoves Literarios  que promove o Concello no marco da programación do Abril Mes dos Libros 2012. Con tal motivo, a Corporación Local renderá un tributo ao homenaxeado deste ano no Días das Letras Galegas, coa conferencia “O multifacetismo emprendedor de Paz-Andrade” que pronunciará Xesús Manuel Valcárcel. Será de novo ás 20 horas no Conservatorio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical