17.4.12

Sociedade: declaración institucional no Día da Acción Global contra dos Gastos Militares,


        Con motivo da conmemoración, hoxe, 17 de Abril, do DÍA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA DOS GASTOS MILITARES (http://demilitarize.org/), o Seminario Galego de Educación para a Paz quere facer pública a seguinte DECLARACIÓN.

         Diante da crise económica actual son moitos os gobernos que recortan drasticamente os seus presupostos, reducindo –esencialmente- as prestacións e os servizos sociais básicos, de maneira certamente grave, a educación e a sanidade, principais piares do Estado do Benestar. Sen embargo, o gasto militar segue a ter un peso moi importante nos presupostos e os recursos destinados á preparación da guerra continúan sendo escandalosamente elevados, globalmente, e en cada país. Máis de 4.000 millóns de dólares ó día gastamos en armamento e España ocupa o 11 lugar na exportación de armas, tamén a países en conflito ou que vulneran gravemente os dereitos humanos, violentando a súa propia lexislación interna.

         Por 13º ano consecutivo o gasto militar mundial continúa subindo, tal e como acreditan os Informes máis prestixiosos como o do SIPRI de Estocolmo (http://www.sipri.org/).

         Pola súa parte, os Presupostos Xerais do Estado Español para 2012 van nesa mesma dirección. A media oficial de reducción do gasto dos distintos Ministerios é do 17% mentres que o Mº de Defensa reduce, teóricamente, o seu nun 8%. Na práctica, o gasto militar español supera amplamente os 6.316 millóns de euros presupostados como gastos xa que a cantidade real acada os 18.000 millóns de euros, dos que máis de 12.000 millóns están disfrazados e repartidos en distintas partidas doutros ministerios e organismos, de tan maneira que dous de cada tres euros do gasto militar español están ocultos para a cidadanía e a sociedade.

         A esta vergoñenta situación debemos sumar a recoñecida débeda militar española que chega a 37.000 millóns de euros (máis de dúas veces a débeda da sanidade) contraída esencialmente -hai máis dunha década- polo presidente Aznar. Para reclamar o pago desa débeda e asegurar a súa devolución debemos entender o nomeamento de Pedro Morenés y Álvarez de Eulate Ex- Presidente do Consello de Administración de  Construccións Navais do Norte e ex- Director Xeral para España da empresa paneuropea de misís MBDA, ata onte mesmo, como quen di) como ministro de defensa do goberno de Rajoy.

         Paradoxicamente, partidas tan importantes para construír un mundo máis xusto e máis pacífico, para aplicar a xustiza e a solidariedade, como son as destinadas á cooperación ó desenvolvemento, recórtanse por riba do 50%.

         Por todo isto, no marco do DÍA DE ACCIÓN GLOBAL CONTRA DOS GASTOS MILITARES, queremos denunciar publicamente esta situación para sensibilizar á cidadanía e tamén para presionar ó goberno e ás forzas políticas para que, si hai que recortar, se faga, sobre todo, no gasto militar.

 

Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical