30.6.12

Ribeira: así foi a presentación de "Grupo Salvaje" na sede da peña madridista "Amancio"

Ribeira, 30 de xuño de 2012. Onte presentouse na sede da Peña Amancio, un colectivo seareiro do Real Madrid en Ribeira, o libro do xornalista e escritor de Pontevedra Manuel Jabois, titulado "Grupo Salvaje".

O presidente da peña, José Mariscal, sinalou na súa intervención que "como Peña Madridista e simpatizantes do Real Madrid é un orgullo dar a coñecer este libro na nosa sede social, que recentemente inauguramos en conmemoración do 25 aniversario. Aínda que a maior parte dos actos que organizamos durante o ano son relacionados coa práctica deportiva, concretamente viaxes organizadas para presenciar os encontros do noso equipo, xuntanzas no propio local para disfrutar e animar ao Real Madrid C.F, festas de celebración de títulos, ceas de socios ou aniversarios, tamén queremos destacar que sempre estamos interesados en colaborar nos diferentes eventos ou programacións doutros ámbitos extradeportivos como poden ser os culturais, sociais ou de calquera outra índole".

Tamén apuntou que a peña Amancio está sendo "un referente a nivel nacional grazas ao gran número de asociados, empresas privadas e administracións colaboradoras, así como intercambio e vinculación con outras peñas similares de todas as rexións de España e da súa grande relación coas áreas directivas, deportivas ou sociais do Real Madrid". Mariscal agradeceu a "estimada colaboración" dos alí presentes, a saber: Manuel Jabois como autor do libro "Grupo Salvaje"; Ateneo Valle-Inclán como vínculo de colaboración; Aroa Fernández no seu papel de concelleira de Xuventude; Unai González como técnico de Cultura e especialmente o Concello de Ribeira por todas as axudas e facilidades para organizar actos. Aproveitou para felicitar ao equipo de goberno polo "gran éxito" do programa de Xuño da Cultura e as Artes.

Camisetas asinadas por xogadores do Real Madrid

Houbo entrega de camisetas asinadas polos xogadores do Real Madrid a Rosa Orellán, fundadora e actual secretaria da Peña Amancio, da cal se salientou o seu "traballo diario, esforzo, sacrificio e voluntariedade en todo momento". Tamén recolleu camiseta asinada Guillermo Simarro, en representación da empresa Congalsa, a cal colabora estreitamente coa Peña Amancio.

Antes e despois da presentación houbo algún comentario no twitter do autor, Manuel Jabois, mesmo con anécdotas ben chamativas. Vexan:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: os socialistas tratan de blindar a Educación Secundaria Obrigatoria no colexio "Eusebio Lorenzo Baleirón"

Colexio_baleirn

Dodro, 30 de xuño de 2012. O PSdeG- PSOE de Dodro vén de presentar no Concello unha moción dirixida a lograr un compromiso de tódolas forzas políticas, económicas e sociais de Dodro que poida ser enviado á Consellería de Educación para preservar a Educación Secundaria Obrigatoria no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.

Alerta ante un posible peche desta parte do centro

Segundo explican en nota de prensa, "todo isto vén motivado polos continuos rumores e accións por parte do equipo de goberno de Dodro que, segundo este grupo municipal puido saber, van dirixidas a acadar o peche definitivo desta parte do colexio, o que implicaría que @s nen@s de Dodro se tiveran que desprazar a concellos colindantes para poder cursar a ESO. Dende o PSOE de Dodro non estamos dispostos a permitir que se peche a ESO en Dodro polo capricho dun partido político (os dirixentes do citado partido nin tan sequera levan os seus nen@s ao colexio do concello) e imos emprender tódalas acción políticas e sociais ao noso alcance para manter tódolos ciclos do ensino que, neste momentos, temos no noso concello".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: "O tendedeiro", este domingo 1 de xullo na praza do Cantón

Serafn_praza_abastos_noia

Noia, 30 de xuño de 2012.  O pregoeiro que anuncia a obra “O tendedeiro” e que estivo o xoves polas rúas da zona histórica de Noia e hoonte venres na praza de abastos,  percorre hoxe as principais rúas desta vila anunciando a instalación “O tendedeiro” que se fará o domingo 1 de xullo na Praza do Cantón de Noia de 9 a 15 horas co seguinte programa:


Ás 9 h., proclamación do texto de inauguración.

Comézase a colgar a roupa que traian os veciños ata as 14h.

Cada hora, proclamación de texto narrativo sobre a obra.

Durante as seis horas da súa duración, actos complementarios.

Ás 15 h. proclamación do texto de clausura.


E vostedes, vanse perder esta obra única e en directo?




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

29.6.12

Outes: restauran e inauguran o cruceiro da Canle nas festas de San Pedro

Outes, 29 de xuño -Día de San Pedro e San Pablo- de 2012. As imaxes do álbum que encabeza esta información son da procesión e inauguración do cruceiro da Canle en Outes, co motivo das festas patronais de San Pedro. Este cruceiro era o que se denominaba "cruceiro da Canle", e estaba ubicado máis arriba do lugar de Outes, ata que un accidente de automóbil derrubouno. Coas aportacións dos veciños da parroquia de San Pedro de Outes conseguiron restauralo, e tamén recuperaron as festas patronais.

A información e as imaxes son do veciño de Outes Vicente Abelleira Cambeiro, que considera que estas fotografías "fan historia". Así o cremos tamén en Certo, pois o patrimonio pétreo do pobo galego debe coidarse e restaurarse para as vindeiras xeracións.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Barbanza: vinte mil euros para o Centro Arqueolóxico da Barbanza en Boiro e outros tantos para o Centro de Interpretación de Baroña no Son


Porto do Son e Boiro, 29 de xuño de 2012. O pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou esta mañá diversos convenios de colaboración que se asinarán nos próximos días tanto con concellos da provincia como con asociacións culturais e benéficas. O importe total destes concellos suma máis de 1 millón de euros. En concreto, e no que se refire aos concellos, aprobouse a concesión de 20.000 euros para axudar ao concello de Boiro á posta en marcha das actividades a realizar no Centro Arqueolóxico do Barbanza e outros tantos para as actividades do Centro de Interpretación do Castro de Baroña en Porto do Son.



Plan de Modernización de Mercados Locais para Boiro, Lousame, Ribeira, Muros e Porto do Son


En total, todos estes convenios suman unha aportación da Deputación Provincial de 446.000 euros, aos que hai que sumar outras dúas obras autorizadas esta mañá polo pleno: a ampliación da rede de saneamiento en Aranga, por 120.431,21 euros con cargo ao Proxecto Mandeo; ou a primeira anualidade corresponde ao ano 2012 do Plan de Modernización de Mercados Locais. Desta axuda da Deputación beneficiaránse nesta ocasión os concellos de Boiro, Lousame, Ribeira, Muros e Porto do Son, que recibirán cada un 36.238 euros. O cómputo xeral desta primeira anualidade é, por tanto, de 199.170,62 euros, aínda que no ano está prevista a achega total de 435.000 euros repartidos entre os 12 concellos das comarcas de Barbanza, Muros-Noia e o Sar que participan neste programa. Se se ten en conta o plan na súa totalidade, resulta que a Deputación investirá na reforma de mercados locais un total de 1.128.000 euros ou, o que é o mesmo, 94.000 euros para cada un dos doce concellos beneficiarios deste programa.


Convenio marco

Noutro punto do orde do día aprobouse o convenio marco que establece as bases de colaboración entre a Deputación e os concellos para a regulación das comunidades intermunicipais de servizos públicos consorciados, un documento que servirá de base para a colaboración entre concellos e que non implica a creación de ningún organismo novo, xa que a firma de convenios puntuais entre os concellos que desexen constituir unha comunidade non suporá a aparición dunha nova figura xurídica.

Segundo informou o presidente provincial, o que fai a Deputación Provincial é promocionar e potenciar a colaboración e a cooperación entre concellos “mediante acordos puntuais, sempre voluntarios, que se farán tomando como base este documento”.


Xestión do Patrimonio Provincial

Finalmente, tamén o pleno deu luz verde á creación dunha comisión de estudo que comezará a traballar na procura dun novo xeito de xestión para o patrimonio conxunto da Deputación. “Este avance é realmente destacable, porque somos conscientes de que temos un patrimonio moi importante, que temos que coidar e nestes tempos é máis sinxelo e máis económico que o fagamos dun xeito común e cunhas condicións comúns”, informou Calvo ao resto dos deputados da corporación provincial.


Relacionadas:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: actividades previstas para o verán

A_pobra_vern




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: abren expediente para que se arranxe e conserve ao xeito un edificio na rúa do Cantón

Noia, 29 de xuño de 2012. O Concello de Noia, a través da Concellería de Casco Histórico e Patrimonio, segue a elaborar expedientes dos denominados “do deber de conservación”, a fin de esixirlle aos propietarios de inmobles con síntomas de deterioro, unha mínima intervención neles, para que ese estado non acabe levando aos mesmos a unha situación de ruina irreversible.

    Neste caso concreto advertíuselles aos donos do inmoble número 6 da rúa do Cantón (Edificio da Droguería LUMA). É ésta unha edificación resultante da renovación dunha construción anterior, con composición de ocos seguindo eixos verticais, con galería corrida rematando a fachada principal, e balcón baixo alero nunha das laterais. Estímase que a súa contrución pode datar de finais do século XIX ou principios do XX. Conta cun nivel de protección que obriga á preservación das fachadas, ao considerar os autores do Plan Especial do Casco Vello, que o edificio é importante pola súa integración no contexto, configurando ademais o frente da pequena praza onde se inicia a citada rúa.


Urxencia da proteción da galería


    A orde cursada aos propietarios consiste en que procedan con carácter urxente á proteción da galería para evitar a caída de vidros ou elementos de madeira á rúa. Tamén á demolición dun pequeno engadido, construido sobre o muro que da á rúa Nosa Señora da Axuda, e que se atopa en situación de total inestabilidade, dado o estado de abandono no que se atopa.

   O deber de conservación é unha figura que vén recollida, tanto na Lei do Patrimonio Cultural de Galiza, así como no propio texto da Lei do Solo establecendo que os propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificios e instalacións deberán mantelos en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade segundo o seu destino, e con arreglo ás normas de protección do medio ambiente, do patrimonio histórico e da rehabilitación.


Tamén, en Noia:


Suceso: sabotaxe ou gamberrada nas obras da variante?


29 de xuño: orde do día do pleno dos orzamentos


Venres 29 de xuño: monólogo de Pepo Suevos e Oswaldo Digón


Venres 29 de xuño: preséntase Compromiso x Galicia


Sábado 30 de xuño: Romaría de San Xoán do Liceo


1 de xullo: protesta contra a fusión con Lousame


Cultura: o domingo 1 de xullo vai haber roupa tendida no Cantón


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: do 7 ao 10 de agosto, "Usos, tradicións, costumes e crenzas", nas XI Xornadas de Historia e Cultura



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: presentado cunha lectura un libro antolóxico do movemento poético do Sentimentalismo

  • Basean a súa poesía na forza dos sentimentos para explicar o mundo actual

 

Ribeira, 29 de xuño de 2012.- O Conservatorio Municipal foi o escenario elixido para desenvolver no día de onte, no marco do Xuño da Cultura e as Artes, a presentación literaria de “Antoloxía de Referencia. Etapa de Implantación”, da editorial Bubela, que incluíu unha calorosa lectura poética por parte de tres dos autores que figuran nesta publicación.

 

O acto comezou cunha introdución musical. Anxo Martínez Torres, xoven ex alumno do propio Conservatorio Municipal, interpretou ao piano a coñecida sonata “Claro de luna” de L. V. Beethoven.

 

A continuación, interviñeron os dous coordinadores do libro, Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, os cales, ademais de expresar o seu agradecemento ao Concello, explicaron os valores que se quere defender a través do movemento Sentimentalismo: teoría artístico- filosófica baseada nos sentimentos e na súa importancia para interpretar o mundo que foi fundamentada polo escritor Xesús Manuel Valcárcel, quen estivera precisamente en Ribeira no pasado abril dentro da programación dos “Xoves Literarios na Biblioteca”.

 

Este novo compendio vén a ser a continuación da “Antoloxía da Etapa da Fundación do Sentimentalismo”, aparecida en 2011 baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Os textos das autoras e autores seleccionados na nova compilación afondan na pluralidade de voces e estilos, pero sosteñen un valente posicionamento cara o feito poético. No transcurso da presentación, incidiuse varias veces na importancia da poesía e do ethos sentimental para contrarrestar os ventos de crise imperantes.



Olalla Cociña, no medio, é unha das autoras "sentimentalistas"


As autores e autores que figuran no libro son Yolanda Castaño, Eva Veiga, Olalla Cociña, Baldo Ramos, Xulio Cid Neira, Francisco Xosé Fernández Naval e Xabier López Marqués.

 

Estiveron na presentación os tres últimos escritores citados, os cales deleitaron ao público presente cunha amena lectura poética dos seus versos: lectura que, no caso de López Marqués (profesor do IES Nº1 de Riveira e membro do xurado no último Certame de Novela Curta Cidade Centenaria) tivo lugar a dúas voces, xa que contou coa asistencia de Alicia Padín (responsable de Normalización Lingüística do Concello), quen declamou algúns dos poemas contidos na compilación, en tanto que o autor deu lectura a unha eséxese da obra de San Juan de la Cruz, obra que lle serviu de fonte de inspiración para as súas creacións.

 

Como nota exótica, cabe dicir que estas lecturas tiveron un curioso fondo musical: o duns cuncos tibetanos tocados por Carlos Arias.

 

Para finalizar, a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, felicitou aos participantes no acto de presentación e manifestou a súa intención de seguir acollendo eventos como este co afán de seguir acercando a literatura á cidadanía do concello.








Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Concello monta unha web ambiental en castelán mentres seguen as verteduras no río Morto

A Pobra do Caramiñal, 29 de xuño de 2012. Segundo denuncia o Psoe da Pobra en nota de prensa, "esta semana o equipo de goberno da Pobra anunciaba a bombo e platillo que creaban un portal sobre cuestións medioambientais para empresas e veciños relacionadas co medio ambiente e a sostibilidade. Non tivemos que esperar máis que un día para que os vertidos percorran o río Morto. Sinceramente, prescribirlle un duro tratamento de psicoanálisis a este goberno local sería o máis sensato que un especialista fixera porque coa problemática de vertidos e o permanentemente mirar cara outro lado, sen que sexan capaces de aplicar o regulamento que eles mesmos fixeron e aprobaron, presumir e habilitar un portal desas características é tomarlle o pelo aos cidadáns. ¡Por algo vivimos no pobo do creador do esperpento!".

A voceira do grupo socialista, Teresa García Guillán insta ao alcalde "a que colgue as fotos do río Morto contaminado en dito portal e ofreza ao mundo a súa incompetencia na defensa do medio ambiente. Nesta alcaldía semella imposible que se faga un control das verteduras industriais para afrontar dun xeito decidido un mal endémico que vén padecendo dende fai moitos anos o noso concello. Os veciños da Pobra do Caramiñal estamos sufrindo un ataque permanente á saúde dos nosos ríos e da ría de Arousa pola pasividade do goberno municipal, o que ten consecuencias nocivas para a poboación".

 

Como se pode comprobar en noticias anteriores neste xornal, as verteduras ao Río Morto son continuadas, non se trata dunha cuestión puntual, senón que se teñen detectado todo tipo de produtos químicos ameazando permanentemente a saúde ambiental do río Morto. "Os responsables municipais deben traballar para facer compatible o desenvolvemento económico, a través das industrias asentadas na zona, co respecto ó medio ambiente e ó cumprimento da lexislación ambiental", finaliza o Psoe, que denunciou de novo estes feitos ante as autoridades.


Un portal ambiental xeneralista en castelán


O Concello da Pobra, nunha discreta cuadrícula mal ligada -apunta a lineaverdeapobra.org cando o dominio é lineaverdeapobra.com- ao fondo do seu web oficial http://www.apobra.org  anuncia a súa Línea Verde, un portal onde hai que rexistrarse para obter os servizos que promete:
"La Línea Verde es una iniciativa del Ayuntamiento de A Pobra do Caramiñal para proporcionar un servicio de consultas medioambientales para las empresas y los ciudadanos del municipio. Un grupo de expertos se pondrán en contacto con usted en un plazo máximo de 24 horas de manera personalizada, contrastada y fiable, sin coste alguno para la ciudadanía y las empresas. Cubre diversos ámbitos en materia ambiental: legislación, trámites administrativos, noticias, eventos de interés, ayudas y subvenciones, etc".


Nin unha liña adicada ao Concello propiamente dito, á parte das xa incluídas na web deste (horarios de Punto Limpo e información turística) e tampouco a ningún dos problemas medioambientais que denuncia Adega ou a oposición continuamente.


Relacionadas:


Xunqueiras: o Bng denuncia os entullos sen controlar na zona



Política: o Psoe pide saneamento na Ribeiriña


Verteduras industriais: o Bng leva o problema ao Parlamento Galego


Pleno: preguntas do Bng sobre verteduras



Medio Ambiente: o Bng denuncia de novo verteduras industriais na depuradora local


Río Morto: segue a feder, segue contaminado, denuncian veciños da Devesa

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Limpiezas Germania lévase o servizo de limpeza de edificios públicos da administración local

Sala_museo_ribeira

  • Ten que ter decentes 34 inmobles por pouco máis de 300.000 euros


Ribeira, 29 de xuño de 2012.- O Concello informa de que se acaba de adxudicar a contratación do servizo de limpeza en edificios públicos, deportivos e centros escolares dependentes desta Administración Local. A empresa Limpiezas Germania, S.L., resultou a adxudicataria do concurso ao obter a mellor puntuación das 7 entidades que acudiron ao mesmo.

 

O prezo anual do contrato ascende a un total de 306.800 euros e abarca un total de 34 inmobles de carácter público (que equivalen a 29.360 metros cadrados de superficie global).

 

Hai que recordar que no plego de licitación se indicaba expresamente que o contrato poderá estenderse a outros locais ou dependencias que pasen a formar parte do Concello por ampliación de servizos. A este respecto, o prezo ofertado para esta circunstancia é de 0,870 euros / metro cadrado, por mes de contrato.

 

34 inmobles

Os 34 inmobles afectados inicialmente son o edificio da Casa Consistorial (2.261 metros), a sede da Policía Local (797 metros), as dependencias dos Servizos Sociais (403 m), os locais de actividades dos Servizos Sociais (230 m), as dependencias do CIM (178 m), UAD (353 m), OMIC (152 m), o Conservatorio (1.436 m), a Casa da Cultura de Castiñeiras (247 m), as dependencias do taller de emprego en Carreira (60 m), o pavillón da Fieiteira (3.305 m), as piscinas municipais da Fieiteira (1.000 m), os vestiarios do campo de herba sintética da Fieiteira (200 m), o polideportivo Santa Uxía en Coroso (1.406 m), o polideportivo de Artes (1.496 m), o polideportivo de Sirves (1.550 m), o Centro de Interpretación Arqueolóxica de San Roque (230 m), a Casa da Xuventude (600 m), a Biblioteca Municipal (474 m), a Casa Museo de Riveira (382 m), a Aula Multimedia de Riveira (151 m), a Aula de Informática de Aguiño (190 m), a Lonxa (1.713 m), a Oficina de Turismo de Xarás (19 m), o Mercado de Palmeira (246 m), o Colexio de Artes (448 m), o Colexio de Palmeira (3.282 m), o Colexio de O Caramecheiro (312 m), o colexio O Grupo e instalacións deportivas (2.136 m), o Colexio Pé do Corniño de Carreira (730 m), o colexio de A Capela de Carreira (258 m), o edificio de usos múltiples de Corrubedo (384 m), as instalacións deportivas do Colexio de Aguiño (1.280 metros) e o colexio de Olveira (1.451 metros).





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Pepo Suevos e Oswaldo Digón ofrecen esta noite un monólogo no pavillón Alonso Rodríguez

290612suevos

Noia, 29 de xuño de 2012. Pepo Suevos e Oswaldo Digón ofrecerán esta noite en Noia o seu espectáculo de monólogos R. Pero queren traballar a cuberto e a actuación que, nun principio contábase con realizar na Praza do Tapal, e se traslada agora para o pavillón Alonso Rodríguez. Comezarán ás 21,30 horas. Gargalladas aseguradas!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: investigan se esta noite pasada houbo unha sabotaxe contra as obras da variante na zona de Barro

Noia, 29 de xuño de 2012. Onte pola noite, ao parecer dous mozos, intentaron prenderlle lume ás máquinas que están a traballar na ponte da variante de Noia na zona do Río do Porto, que pertence á parroquia de Santa Cristina de Barro. Ignórase se se trata dunha simple -pero grave- gamberrada ou dunha sabotaxe destas obras, as cales foron contestadas no seu día por unha parte da poboación noiesa.

Os danos materiais tan só se produciron nun bidón e nunha lona de obra que ardeu, pois os autores desta trasnada foron sorprendidos ao pouco de comezar o lume e fuxiron, amparándose na escuridade, xa que era noite pechada, sobre as doce e media. Forzas de seguridade -Policía e Garda Civil- están a investigar os feitos.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: convocan protesta diante do Concello este domingo 1 de xullo contra a fusión con Lousame

Partido_da_terra

  • O Partido da Terra, organizador da convocatoria, quere que as parroquias decidan antes de fusionar nada

Noia, 29 de xuño de 2012. A protesta pública para que non se fusione Lousame con Noia terá lugar neste domingo dia 1 às 11:30 diante da casa consistorial de Noia, convocada polo Partido da Terra.

Segundo explican en nota de prensa, "diversos meios informativos deram notícia nas últimas semanas sobre os encontros levados a cabo entre os mandatários de Noia (PSOE) e de Lousame (PP) para fusionar estes dous municípios. Se estes planos se chegam a realizar Lousame deixaria de existir como município sendo anexionado por Noia sem prévia consulta aos habitantes das nossas paróquias. Isto implica afastar ainda mais a capacidade de decidir das nossas aldeias e paróquias, que desta forma passariam a estar governadas desde uma vila que dá as costas ao rural e às suas necessidades. A dívida do novo município superará o 20% do orçamento anual, o que levará à inevitável subida de impostos: imposto de bens imóveis, rústica, veículos, lixo, águas, saneamento, etc."

Piden democracia directa parroquial

Tamén deixan claro que "estamos a favor de mancomunar serviços e reduzir gastos, mas em contra de que se nos retire a nossa capacidade política para decidir. Cremos que antes de tratar qualquer proposta de fusionar municípios se deve devolver a capacidade de decidir às nossas aldeias e paróquias, tendo potestade sobre orçamentos, gastos, impostos e todas as prerrogativas que livremente queiramos assumir. Queremos constituir assembleias paroquiais e conselhos de aldeia com poder político real, seguindo o funcionamento tradicional em concelho aberto das nossas mancomunidades de montes. Estamos fartos de manter políticos profissionais que vivem à nossa conta. Para reduzir realmente os gastos, queremos que se fusionem todos os municípios da comarca... depois, claro está, de devolver-nos o poder às paróquias. Somos maiores de idade e podemos decidir! Basta de viver da política à nossa conta! DEMOCRACIA DIRETA PAROQUIAL!".

Máis información e lugar para asinar contra a fusión:

http://www.partidodaterra.net/convocatoria/concentracao-em-noia/
http://www.peticaopublica.com/?pi=lousame

Relacionadas:


Fusión Noia-Lousame: o Bng noiés di que así, non


Fusión de Concellos: Noia e Lousame, en proceso de diálogo

Tamén, en Noia:


Sábado 30 de xuño: Romaría de San Xoán do Liceo


Cultura: o domingo 1 de xullo vai haber roupa tendida no Cantón



Parroquias: inglés lúdico para nenos. Anótate!


Cursos de baile: Danzón programa varios en verán


Lecer: actividades de verán para nenas e nenos


Seminario: o 5 de xullo, para deixar de fumar

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical