Muros, 12 de xuño de 2012. Este vindeiro domingo, 17 de xuño, ás 20:00 horas pasará polo auditorio da Casa da Cultura de Muros a obra multidisciplinar O Señor das Dunas, espectáculo dirixido ao público familiar.
É unha obra, metade contacontos, metade acción artística, desenvolvida polo actor Mani Braga, no papel do señor das dunas, e polo ilustrador con area Dani Boullosa, quen representa o seu discípulo, baixo a dirección artística de David Hernández. É unha actividade que transmite historias tradicionais galegas cuxas personaxes van cobrando vida a través da ilustración na area, apoiados en todo momento pola música e polos efectos de son.
Ao rematar, todos os asistentes recibirán como agasallo un libro que recolle os contos tradicionais galegos que se narran no espectáculo, ilustrados con area.
Sinopse:
Un vello bibliotecario hai tempo naufragou diante da costa de Corrubedo, onde quedou a vivir entre as súas dunas. Durante anos, os veciños da vila achegáronse canda el escoitar as historias que lera en tantos libros durante os longos anos de bibliotecario. Agora, xa maior, ten que ser o seu discípulo quen, usando area da praia, as ilustre mentres el as conta.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario