Muros, 20 de xuño de 2012. Ante as declaracións da alcaldesa de Muros nas que dicía amosarse sorprendida polas propostas e preguntas dos concelleiros nacionalistas, estes sinalan que " non está sorprendida senón incómoda, pois non está facendo as cousas ben e quedou en evidencia no último pleno".
Segundo explican en nota de prensa os concelleiros nacionalistas non adscritos, "nese último pleno muradán celebrado o xoves pasado, os concelleiros nacionalistas presentamos unha moción para que se poida utilizar de maneira temporal e extraordinaria a zona portuaria que na actualidade se atopa pechada por mor das obras do porto deportivo como zona de aparcamento durante os días de festa que se aveciñan na vila muradá. É o colmo que o equipo de goberno non faga nada para poder aproveitar ese espacio os días de máxima necesidade de aparcamento e aínda lles pareza mal que nós o propoñamos".
"É Portos quen decide o modelo de xestión desta zona de aparcamento por ser competencia súa, os nacionalistas muradáns preocupámonos por este asunto dende sempre, como o demostra a resposta escrita que obtivemos con data 30 de maio de 2007 da daquela Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes que dicía literalmente “ os portos non teñen como finalidade a de constituír unha bolsa de aparcamentos públicos gratuítos para todas aquelas persoas que non teñan vinculación coa propia actividade portuaria, ...”, resposta que deixaba clara a intención de Portos xa naquel momento no que, por certo, Caridad González era alcaldesa de Muros", argumentan.
"Non deixa de ser cando menos curioso que a alcaldesa nos acuse de non ter feito nada para que esta zona de aparcamento fora pública cando, como ben se pode comprobar en diversos recortes de prensa de datas 15 de xuño de 2006 e 2 de maio de 2007, ela aplaudía a construción dun aparcamento soterrado na dársena de Muros deixando a superficie como zona verde, de xeito que as prazas de aparcamento de superficie na actualidade gratuitas pasaban a ser soterradas e de pago. Caridad González non foi capaz de conseguir nin Porto deportivo nin aparcamentos nin públicos nin privados nos tres anos que estivo de alcaldesa entre o 2004 e o 2007, e agora leva un ano de alcaldesa neste novo mandato e non é capaz de conseguir que se poña en marcha o Porto deportivo que atopou practicamente rematado. Señora alcaldesa, deixe de botarlle a culpa de todo ao anterior equipo de goberno municipal e goberne", rematan.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario