Ribeira.- 31 de xullo de 2012.- Hoxe os rapaces do Verán Cultural recibiron os seus correspondentes diplomas con motivo do último día para algúns dos participantes dos obradoiros que se veñen realizando dende comezos do xullo, como o de Danza Clásica, Inforxogo ou Xoga con Nós.
No caso de Xoga con Nós, ademais de recibir o diploma, os nenos e nenas participaron nunha Xincacana Multixogos no CEIP Frións, onde realizaron diferentes xogos tradicionais, como o furón ou o pilla pilla. Ademais, dado que o día estaba dedicado aos xogos olímpicos e paraolímpicos fixéronse competicións que desenvolvían a psicomotricidade dos pequenos.
Álex Vidal, campión de taekwondo
Durante toda a xornada, contouse coa presenza e a colaboración de Alejandro Vidal Álvarez, que é campión de Europa e subcampión mundial de taekwondo, a pesar de ten unha discapacidade física, polo que foi un bo exemplo de superación.
Así mesmo, realizouse unha xornada de portas abertas para que os pais puidesen ver os traballos manuais dos rapaces.
O obradoiro Xoga con Nós continuará ata finais de agosto, e aínda poden apuntarse os rapaces que queiran divertirse e aprender ao mesmo tempo.
Por outro lado, os obradoiros de Danza Clásica e Inforxogo remataron neste mes, polo que se fixo unha despedida de todos os participantes e a entrega dun diploma.
En Inforxogo os rapaces obtiveron coñecementos informáticos e de novas tecnoloxías nun ambiente lúdico a través de xogos. A Concelleira de Cultura, Elvira Pisos, fixo a entrega dos diplomas aos pequenos que asistiron ao obradoiro.
A edil, tamén estivo presente no fin do obradoiro de Danza Clásica, xunto co Concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez Queiruga onde ademais dun diploma entregáronse xoguetes.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario