17.7.12

Ribeira: "Mergúllate no océano", do 19 ao 21 de xullo na praza do Concello

O recinto expositivo está promovido polo Campus do Mar para dar a coñecer aos cidadáns as ciencias e tecnoloxías mariñas máis actuais


En 2009 houbera unha exposición sobre animais mariños no veleiro Nieves, atracado no peirao ribeirense

Ribeira.- 17 de xullo de 2012.- Os cidadáns terán a oportunidade de sentirse auténticos científicos mariños grazas ao recinto divulgativo “Mergúllate no Océano”, que se instalará na praza do concello de Riveira os próximos días 19, 20 e 21 de xullo. Esta proposta pretende achegar o mar á sociedade, a través de oito obradoiros relacionados coas ciencias e as tecnoloxías mariñas. Os participantes poderán descubrir, por exemplo, cómo funcionan as correntes mariñas ou a importancia das dunas. As actividades, dirixidas a todas as idades, buscan  implicar aos asistentes plantexándolles pequenos retos e, tamén, espertar a súa curiosidade con sinxelos experimentos que poderán realizar coas súas propias mans.

Os visitantes recibirán á entrada do recinto, que conta con máis de douscentos metros cadrados, un pasaporte que deberá ir selando en cada un dos obradoiros nos que participe. Unha vez que acaden todos os selos poderán trocar o seu pasaporte por un agasallo.

Alén diso, o día 20 ás 22.30 horas haberá una proxección de cine diante do concello, con películas documentais como “Islas Atlánticas de Galicia” de RTVE e “O Mar das Cíes”, de José Irisarri, que darán a oportunidade aos espectadores de coñecer algo máis sobre o mar da costa galega dende un punto de vista pouco común.

Ribeira é a terceira parada desta acción, que está a percorrer Galicia e Portugal ao longo de todo o verán e que forma parte do programa de divulgación científica do Campus do Mar. O proxecto está promovido polas tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas e o Instituto Español de Oceonagrafía e no que participan un total de 23 universidades, centros e plataformas tecnolóxicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical