20.7.12

Ribeira: o domingo 29 de xullo celébrase a gala dos premios "Concello de Riveira"

  • Os premiados este ano son a ong Cruz Vermella, o arquitecto británico David Chipperfield e o dramaturgo local Quico Cadaval
  • 30 euros para os veciños que desexen acudir ao papatorio no restaurante Baiuca ás dúas da tarde


Quico Cadaval nunha escea de "Shakespeare para ignorantes"

 

Ribeira, 20 de xullo de 2012.- Xa hai data para a celebración da 14ª edición dos Premios Concellos de Riveira que organiza esta administración coa colaboración da Asociación de Amas de Casa: será o próximo domingo 29 de xullo, ás 14 horas, no Restaurante Baiuca.

 

Segundo ditame do xurado, estes galardóns recaerán en Cruz Vermella de Ribeira, na categoría de Traballo Desinteresado; no polifacético Quico Cadaval na modalidade de Cultura; e no renomeado arquitecto británico con vinculación con Corrubedo David Chipperfield, polo Traballo Ben Feito. Os tres galardoados xa confirmaron a súa presenza no acontecemento, que como xa é tradicional incluirá unha comida ademais do acto de entrega das distincións propiamente dito.

 

Os veciños que estean interesados en acudir poden adquirir as súas entradas a partir do luns ben na Casa do Concello (Secretaría de Alcaldía) ou ben poñéndose en contacto coa Asociación de Amas de Casa de Ribeira. O prezo é de 30 euros.

 

Hai que recordar entre os insignes persoeiros que foron agasallados con este galardón en pasadas convocatorias, figuran o que fora cronista oficial de Ribeira Carlos García Bayón, Gonzalo Torrente Ballester, Emilio Rodríguez López Erolo, Alfredo Conde, Fernando Ónega, Francisco Lorenzo Mariño, o propio Román Padín ou o presidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro. Ademais foron distinguidas entidades como a Cidade dos Muchachos, o Proxecto Home, Protección Civil de Ribeira, o Programa de RTVE Saber Vivir, a Asociación Aige para a igualdade de xénero, Cáritas Ribeira ou a Asociación da Loita contra o Cancro.

 

Cruz Vermella

En canto aos méritos valorados ao decidir as distincións deste ano, Cruz Vermella de Ribeira, presidida por Ángeles Cores Amigo, destaca o seu labor solidario axudando tanto aos colectivos máis desfavorecidos da poboación como enfocando tamén a súa actividade a atender as incidencias no mar, función coa que iniciou a súa presenza en Ribeira no século pasado.

Conta con máis de 1.000 socios en Riveira e un corpo de voluntarios diversificado en no mar e en terra.

Juan Pérez e Manuel Cartea foron outros dirixentes da institución.

Quico Cadaval

Nacido en Ribeira en 1960, é un artista con innumerables facetas: actor, director, adaptador teatral, contacontos, guionista... Tal e como lembrou o alcalde, principiou a súa vocación na taberna familiar de A Carreirana.

A finais dos setenta comezou no mundo da interpretación no Centro Dramático Galego, e xa nos oitenta fundou a súa propia compañía: "O Moucho Clerc". Traballou en diferentes producións da TVG, así como en curtametraxes e longametraxes, e recibiu diferentes premios polo seu traballo no teatro. Foi profesor de interpretación da Operación Triunfo portuguesa no ano 2003.

En 2011 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas que outorga a Xunta de Galicia.

Entre os seus innumerables traballos figuran: Matías, juez de línea (actor), Cabeza de boi (actor), Amor Serrano (actor), Apaga a luz (guionista), A rosa de pedra (actor), Entre bateas (actor), A miña sogra e mais eu (dirección), Máxima audiencia (actor), As dunas (director), Shakespeare para ignorantes (dirección e interpretación), Un cranio furado (director) ou A ópera dos tres reás (director).

David Chipperfield

Sir David Chipperfield é un arquitecto británico nacido en Londres en 1953. Estudou arquitectura na Architectural Association School of Architecture de Londres. Entre 1974 e 1984 traballou con arquitectos da talla de Douglas Stephen, Richard Rogers e Norman Foster.

Entre as súas obras máis relevantes figuran o Pavillón de Visitantes de Valencia con motivo da Copa América de Vela ou a restauración do Neues Museum de Berlín, pero sobre todo é coñecido na comarca pola casa de veraneo que este arquitecto ten na parroquia de Corrubedo.

Ten gañado multitude de premios e distincións, como a Medalla de Ouro Real do Instituto Real de Arquitectos Británicos ou o Premio Mies Van der Rohe. Foi designado este ano para dirixir a Bienal de Arquitectura de Venecia, unha das referentes do sector a nivel mundial.


O mesmo día, ás oito da tarde:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical