20.7.12

Ribeira: o mércores 25 de xullo, campionato galego de traíñas en Aguiño

  •  Homenaxearán a Ramón Sánchez, remeiro retirado da parroquia aguiñense, antes de dar inicio á competición

 

Ribeira, 20 de xullo de 2012.- O porto de Aguiño é o escenario elixido este ano para celebrar este 25 de xullo, a partir das 12 do mediodía, o XXIX Campionato Galego de Traíñas. O evento está organizado pola Federación Galega de Remo (FEGAR) e conta coa colaboración do Concello de Ribeira e a Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.

 

Para falar dos pormenores da proba, da que sairá a representación galega no Campionato de España da Federación Española que terá lugar en Castro Urdiales (Cantabria) o 4 e 5 de agosto,  déronse cita no Consistorio o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez; o patrón maior de Aguiño, José Manuel Oujo; e o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas.

Dúas tandas

Hai inscritos un total de oito traíñas divididos en dúas tandas. A clasificación xeral establecerase por tempos.

 

Na primeira tanda competirán en principio Cabo de Cruz, Vilaxoan, Mecos e Regatas Perillo (cabe a posibilidade de que este sexa substituído por Pobra). Por outro lado, a tanda de honor inclúe aos grandes favoritos e estará formada por Chapela, Amegrove, Samertolameu de Meira e Tirán, que é o único representante galego na liga ACT.  Polo que respecta á competición veteranos serán, mediranse Cabo de Cruz, Tirán e Samertolameu.

O edil de Deportes de Ribeira, Juan Luis Martínez Queiruga, salientou a importancia de que o campionato se desenvolvese en Aguiño e dixo ser “o primeiro paso para pór en marcha esta actividade a nivel non estacionario e que Ribeira recobre a súa condición de referente neste deporte”.

Ofrenda floral e Salve Mariñeira

Ademais, informou de que antes do comezo do campionato, ás 11.45 horas, a Coral de Ribeira entoará a Salve Mariñeira en honor aos pescadores falecidos e ofrecerase unha coroa que se arroxará ao mar e na cal estará presente o alcalde do Concello. Acto seguido, realizarase unha homenaxe ao remeiro retirado, Ramón Sánchez, natural de Aguiño, que estivo en clubs tan importantes como o de Pobra e o de Cabo de Cruz.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical