16.1.13

Outes: o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais terá lugar no Freixo en xullo deste ano

Outes, 16 de xaneiro de 2013. Segundo informa hoxe na súa web a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a Asemblea da mesma acordou por unanimidade conceder a organización do XI Encontro á asociación Terra de Outes, en consorcio cos colectivos da Federación pertencentes á ría de Muros-Noia. O Encontro será no porto do Freixo-Outes a primeiros de xullo de 2013.

Segundo explican, "O Freixo ten un lugar moi importante na historia da construción naval en madeira en Galicia, alí chegou a haber máis de 40 estaleiros na zona e hoxe en día segue a ter varios en activo. A isto hai que engadir que o fondo de ría é unha das máis importantes zonas marisqueiras, especialmente de berberecho".

Tamén sinalan que Terra de Outes "é unha asociación que ten unha longa traxectoria, e unha demostrada capacidade organizativa, ao que hai que sumar a experiencia que achegan as outras entidades da Federación (Mar de Noia, Joaquín Vieita, A Ostreira de Abelleira, Mar de Muros e Canle de Lira). Por outro lado, todos os grupos municipais do Concello de Outes mostraron o seu acordo no Pleno e o Alcalde fixo compromiso por escrito dunha achega económica. A isto hai que sumar o apoio da Confraría de Noia, e a implicación das asociacións de Outes (veciños, hostaleiros, etc.)".

Convidan a todas as persoas que se interesan polo mar e os rios a que os acompañen neste XI Encontro. "Celebraremos xuntos o vixésimo aniversario dos Encontros (o primeiro foi en Ribeira en 1993) e o aniversario da creación hai vinte anos da FGCMF", rematan.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical