21.10.10

Rianco: o Bng demanda das administracións que nutran economicamente o achado na Praza de Dieste



Rianxo, 21 de outubro de 2010. A recente descuberta de restos arqueolóxicos nas obras de construción dunha vivenda na Praza de Dieste en Rianxo esixen, segundo os nacionalistas de Rianxo, "unha decidida implicación das administracións para rendibilizar, xa non só en termos turísticos ou culturais esta descuberta, senón en termos de investigación arqueolóxica e académica que permita que se obteñan todos os datos posíbeis sobre o xacemento e a súa contextualización histórica".

Para o Bng, a importancia do achado "esixe tamén ademais de boas palabras, dos parabéns pola responsabilidade dos construtores e da promotora da obra, a achega económica para facer fronte aos estudos que esta obra leva emparellada, ademais de impulsar a axeitada conservación e pasos para a exhibición futura destes restos". "Neste senso parece máis atinada a alternativa de centrar no Centro Arqueolóxico de Neixón esta descuberta e evitar que se vaia da comarca para ocupar un espazo menor ou un almacén noutros museos arqueolóxicos. Alternativas locais enfróntanos á realidade de espazos sen persoal pechados boa parte do horario, sen medios para unha exhibición axeitada dos restos, etc...Alternativa esbotada polo propio Alcalde de Rianxo hoxe", explican dende o Bng.

Rianxo conta con restos arqueolóxicos de relevancia, como o Castelo da Lúa

 "Calquera alternativa que se escolla esixe cartos para esprimir até onde sexa posíbel os datos que xurdan deste xacigo e financiar a investigación e tratamento da descuberta para que non caian nas mans da promotora das obras estas cargas. Por iso é preciso que se impliquen as administracións, Concello de Rianxo en primeira instancia, e mesmo da Mancomunidade Arousa Norte que invista neste potencial recurso turístico futuro", proseguen os do Bng, que aseguran "que se se confirmase o seu traslado a Neixón sería preciso se dote orzamentariamente esta triple actuación de traslado, mantemento museístico axeitado e, sobre todo, da importantísma investigación a realizar que dea como resultado un estudo final destes restos en relación co espazo que ocupa, a relación coa súa contorna (que puidera falarnos dunha pequena basílica) e que nos dea aos veciños un capítulo máis da fértil historia do noso Concello".

O Bng conclúe que é "fundamental mollarse non só na prensa senón poñendo á disposición dos arqueólogos os fondos iniciais mínimos necesarios para realizar esta investigación, que ademais non vai implicar paralizar as obras da vivenda que puideran continuar a simultanearse como acontece neste momento".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: charla sobre "33 anos de Socialismo Democrático" no salón de actos do ISM este venres

Parte do Psoe pobrense na actualidade

A Pobra, 21 de outubro de 2010.- Mañá venres día 22 as 20,30 horas, terá lugar no salón de actos do Instituto Social da Mariña  unha charla sobre “33 anos de socialismo democrático na Pobra”. Intervirá Xesús Laíño, quen fará un percorrido histórico do socialismo pobrense e a continuación Antonio Fuentes, que foi fundador da Agrupación Pobrense o día 7 de agosto de 1977 e primeiro Secretario Xeral.


A continuación intervirá Salvador Fernández Moreda, que é actualmente presidente da Deputación de A Coruña (entre outros numerosos cargos) e que foi fundador do PSdeG. Asistirá tamén o Subdelegado do Goberno, José Manuel Pose Mesura, outro dos fundadores do PSdeG, que se despraza á vila este venres ademais para a inauguración do Campo da Angustia (praza do Laureado Benigno Dávila). Presentará o acto Teresa García Guillán, secretaria xeral da agrupación socialista, concelleira e portavoz municipal do Psoe pobrense na actualidade.


Relacionadas:


Política: o Psoe local, pioneiro en formación práctica


Benigno Dávila: reinaugúrase a praza para este heroe de guerra

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte asina un convenio o vindeiro luns 25 coa USC para realizar campus vivenciais idiomáticos

Dúas experiencias piloto traerán arredor de 16 turistas dun grupo de árabes, xaponeses e norteamericanos

Arousa Norte busca atraer turistas doutros países con estes campus

Boiro, 21 de outubro de 2010. A Mancomunidade Arousa Norte asinará o vindeiro luns 25 de outubro coa entidade "Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela" un convenio de colaboración para realizar campus vivenciais idiomáticos en Barbanza (Arousa Norte, que inclúe Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal).

Segundo explican dende a Mancomunidade, "continúa o obxectivo de creación de produtos turísticos innovadores que atraian a visita de grupos de turistas á comarca. Por iso presentamos o "Campus Vivencial Idiomático", destinado a estudantes de español que pretenden mellorar as súas habilidades comunicativas nun idioma estranxeiro ademais de coñecer os hábitos e costumes da cultura autóctona".


Este campus segue a metodoloxía do “outdoor training” (entrenamento no exterior), reproducindo situacións reais, por medio de simulacións e actividades ao aire libre, buscando así a aprendizaxe a través da experiencia directa. Este produto turístico integra elementos de formación coa práctica de actividades de animación e ocio activo, formando deste xeito un paquete multiservizo que dinamiza os sectores de aloxamento, restauración e ocio, aseguran.

O horario destes campus será, os xoves, de 10:30 a 23:00, e os venres, de 10:30 a 14:30. O xoves e venres 28 e 29 de outubro chegarán os árabes, e para o xoves 4 e venres 5 de novembro agárdase aos norteamericanos e xaponeses.

Os estranxeiros realizarán unha visita teatralizada ao museo de Valle-Inclán

Entre as actividades que realizarán haberá un obradoiro gastronómico, percorrer a ruta do mexillón, facer unha visita teatralizada e unha xinkana literaria con contacontos. Participan nestes campus como acolledores, a vivenda vacacional Os Ballotes 1, a Terraza de Chicolino, o Museo Valle-Inclán e Xarelo Actividades.

A Mancomunidade "está decidida a potenciar esta iniciativa e asinaremos o próximo luns 25 de outubro  un convenio con Cursos Internacionais da USC para financiar as actividades de dúas experiencias piloto. Participarán arredor de 16 turistas dun grupo de árabes, xaponeses e norteamericanos.

Mediante este convenio, Cursos Internacionais comprométese a facer promoción e divulgación deste produto turístico entre os seus alumnos, ademais de financiar o custe dos próximos campus vivenciais idiomáticos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

20.10.10

Rianxo: Marisa Irimia volta cunha nova sesión de contacontos na mañá do sábado 23 de outubro

Ribeira: Jabon Blue adicará o vídeoclip "Flores en la carretera" a sensibilizar aos mozos na condución responsable

O actor Manuel Manquiña participará na gravación esta fin de semana na bisbarra de Barbanza, con localizacións no faro e cemiterio de Corrubedo, na autovía AG-11 e no mirador da Curota, entre outras

Ribeira, 20 de outubro de 2010.- O grupo de rock ribeirense Jabon Blue vai gravar esta fin de semana en distintas localizacións da comarca de Barbanza un vídeoclip do seu tema “Flores en la carretera” (pertencente ao álbum homónimo desta formación liderada por Javi Maneiro, ex vocalista de Heredeiros da Crus) con fin de concienciar á xuventude sobre a condución segura e libre de alcohol. A gravación é posible grazas ao interese espertado na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, institución que empregará este vídeoclip para a súa campaña 2011 sobre o fomento dunha condución responsable “Libre de alcohol, libre de preocupacións”, que xa se pode ver en Internet en http://www.condutoralternativo.org

O propio Javi Maneiro e o edil municipal de Xuventude e Turismo de Ribeira, Vicente García, foron os encargados de ofrecer detalles da gravación nunha rolda de prensa celebrada na Casa Consistorial. Javi Maneiro explicou que o vídeoclip narrará como un mozo contempla a súa propia morte e o seu funeral despois de ser convencido polos seus amigos de que tomase unhas copas nun pub, a pesares de que el era a persoa á que non lle tocaba beber aquela noite. Para a escenificación do sinistro automobilístico empregarase un scalextrix, e o momento máis emotivo terá lugar co funeral, que será gravado o domingo no faro de Corrubedo coincidindo coa posta de sol.

Manuel Manquiña e Luis Cobos

A gravación, a cargo da produtora Casa de Tolos, SL, contará coa participación dalgúns artistas de renome, como é o caso do actor Manuel Manquiña, quen encarnará á Morte, ou do diretor de orquestra Luis Cobos, quen xa participou na propia gravación da canción (as súas imaxes no vídeo xa están tomadas). Ademais, a actriz ribeirense Susana Rodríguez Sampedro será encargada de interpretar á Tentación.

O edil Vicente García destacou a aposta realizada pola dirección xeral de Turismo e manifestou que supón non só un grande espaldarazo para a banda ribeirense, que xa vai polo seu terceiro disco, senón tamén unha magnífica oportunidade para a proxección turística de Ribeira, dado que moitas das localizacións pertencen ao municipio, como é o caso do cemiterio e o faro de Corrubedo ou a rotonda de Xarás. No vídeo tamén aparecerán outros puntos da comarca, como o monte Curota, a autovía da Barbanza ou o pub Horse, da Pobra do Caramiñal (véxase plan de rodaxe).

Por outra parte, Vicente García adiantou que o videoclip será presentado oficialmente o 31 de outubro en Cambados nunha gala que pon o colofón a campaña 2010 “Libre de alcol, libre de preocupacións” e que contará coa actuación das orquestras Panorama, Olympus e Filadelfia. Ao longo de 2011, o videoclip será emitido en pubs e establecementos hostaleiros das zonas da movida de Galicia, do mesmo xeito que fan as liñas aéreas coas normas de seguridade antes de cada despegue.

Chamamento a moteiros e afeccionados ao scalextrix

Tanto Vicente García como Javi Maneiro quixeron facer un chamamento aos moteiros que queiran participar na gravación, para que acudan  o domingo a partir das 18.30 horas á reta do Faro de Corrubedo para a filmación do enterro. Os interesados poden poñerse en contacto con Amalia, da produtora Casa de Tolos SL, a través do número telefónico 629 531 410. Tamén os amantes do scalextrix terán a oportunidade de implicarse na gravación acudindo ao restaurante Balieiros, en Corrubedo, o sábado ás 10.15 horas.

Queres escoitar a canción para irte ambientando?
http://www.myspace.com/jabonblue

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Bng esixe medidas á Xunta para a viabilidade da planta de reciclaxe, creando unha empresa pública

Download now or preview on posterous
52876-asinado.pdf (118 KB)

Ana Pontón presenta unha proposición non de lei propoñendo a creación dunha empresa pública que xestione a planta, con participación do 49% da Xunta e do 51% a Mancomunidade 

Lousame, 20 de outubro de 2010.- O grupo parlamentario do BNG, a través da súa deputada Ana Pontón, ven de instar á Xunta "a que deixe de mirar para outro lado e asuma as súas responsabilidades perante a situación da Planta de Tratamento de Residuos da Mancomunidade do Barbanza, adoptando todas as medidas precisas para garantir a súa viabilidade e os postos de traballo da mesma". 

Ana Pontón busca sumarse así, dende o Parlamento, ao traballo que os nacionalistas xa están realizando a nivel municipal e na mancomunidade, pois é un conflito "de enorme gravidade", afirma, "ao estar en xogo 150 empregos e un modelo de xestión de residuos “excelente que ten demostrado ser máis barato que outras opcións, nomeadamente Sogama, e que funciona con total normalidade". 

Neste sentido, a deputada nacionalista cualifica de case “temerario” o desleixo que está a amosar até o de agora o goberno da Xunta perante este conflicto, toda vez que a situación de Sogama é a que é no que atinxe á súa capacidade, o que fai supoñer que non podería asumir os residuos desta zona en caso de peche da Planta do Barbanza. 

Para a deputada nacionalista, a intervención da Xunta pasa por garantir, a través do convenio que está negociando con Ecoembes, que esta empresa manteña as condicións de recollida dos materiais que ten na actualidade coa planta de Lousame e tamén por realizar as xestións oportunas para facilitar a amortización da débeda que varios concellos da comarca manteñen coa mancomunidade, pois foron os impagos destes concellos os que provocaron que a empresa que xestiona a planta solicitara a rescisión do contrato por incumprimento. 

A parlamentaria nacionalista propón igualmente que se inicien conversacións coa Mancomunidade a fin de constituir unha empresa pública que xestione a Planta de Lousame, na que a Xunta participe cun 49 por cento do capital e a mancomunidade co 51.

Antes publicamos:


Planta de reciclaxe: os traballadores marcharon ata Santiago, con parada en Ames


Planta de reciclaxe: o Psoe pide á Xunta que se molle


Planta de reciclaxe: o Bng urxe medidas para que non peche


Planta de reciclaxe: Adega denuncia sabotaxe de Ecoembes e Xunta


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: cociñeiros e bloggers gastronómicos de sona nacional danse cita o 24 e 25 de outubro arredor do mexillón


Boiro, 20 de outubro de 2010. Dentro do plan de desestacionalización turística do Mexillón de Boiro, que está a levar a cabo o Concello de Boiro, inclúese a iniciativa que se vai desenvolver os vindeiros días 24 e 25 de Outubro. O proxecto contará coa participación activa dun grupo de cociñeiros de referencia no panorama nacional como Pedro e Marcos Morán (Casa Gerardo, Prendes, Asturias), Juanjo Pérez (Cocinandos, León), Pepe Solla (Solla, Poio, Pontevedra) ou Xosé T. Cannas (Pepe Vieira Camiño da Serpe, Poio, Pontevedra), todos eles recoñecidos cunha estrela na Guía Michelin,;Antonio Botana (Pandemonium, Cambados. Presidente do Grupo Nove), Nacho Vázquez (La Ereta, Alicante) ou Javier Olleros (Culler de Pau, O Grove), ademais dun grupo de xornalistas e blogger de publicacións tamén nacionais: El Mundo, Cocina Futuro, Excelente, Diario Expansión, Vanity Fair, Onda Cero, El Correo de Andalucía, http://www.7canibales.com/ Guia Repsol, Diario Información (Alicante), Radio Galega, Punto Radio, Gourmets, http://elcocinerofiel.com, , http://www.thegluttonclub.com, entre outros .

Estela de Rianxo no CAB

Todos eles poderán coñecer in situ todo o relacionado coa produción de mexillón de Boiro, Desde a vertente histórica, cunha visita ao complexo arqueolóxico dos Castros do Neixón ou  coa explicación da construción artesanal  de bateas ou barcos bateeiros da man dun antigo carpinteiro de ribeira, ata a propia produción e comercialización da materia prima na actualidade. Durante día e medio, tamén coñecerán Boiro e outras zonas de Arousa Norte como enclave turístico de importancia en Galicia e terán ocasión de probar os mexillóns tanto nas tapas ofrecidas por locais do concello como en elaboracións tanto tradicionais como máis actuais, a cargo dos cociñeiros da Casa do Prado (Abanqueiro, Boiro) e do compostelán Abastos 2.0, que prepararán menús específicos para a ocasión.   

   Esta iniciativa pecharase na última semana de outubro con dúas novas convocatorias. Por unha banda, o  ultimo dos Obradoiros Gastronómicos programados neste conxunto de accións e nos que teñen participado os cociñeiros dos restaurantes Acio (Santiago de Compostela, 13 de setembro) e Pepe Vieira Camiño da Serpe (Poio, Pontevedra, 4 de outubro). Este último obradoiro será impartido o luns 25 de outubro ás 19:30 h no Centro Social de Abanqueiro por  Anna Mayer, italiana afincada en Sevilla á fronte do proxecto “Pannepanna”, especializado en docencia culinaria, que nos ofrecerá unha perspectiva sobre a cociña tradicional italiana con mexillón. Finalmente, entre o 28 e o 30 de outubro terán lugar o Concurso de Tapas con Mexillón de Boiro, nas que están convidados a participar tódolos bares, restaurantes e cafeterías do concello.   

   O Plan de desestacionalización Turística do Mexillón de Boiro, é unha iniciativa da Concellería de Turismo do  Concello de Boiro, financiada con Fondos da Unión Europea a través dos Grupos de Acción Costeira. Conta ademais coa colaboración de entidades e empresas locais como a Asociación da Exaltación do Mexillón de Galicia de Cabo de Cruz, Casa do Prado ou Casa da Posta de Valmaior,  ademais de Viña Costeira, Chicolino Restauración, María Fechoría ou Empatía Comunicación.

PROGRAMA

DOMINGO 24 
 
Chegada dos invitados e xantar pola súa conta (a cargo de organización) ao longo da mañá. Na visita estarán acompañados polo Alcalde de Boiro, Xosé  Deira Triñanes, e a Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó.
 
16:00- Saída en autobús 
16:40- Curota  
17:45- Centro Arqueolóxico e castro do Neixón 
19:00- Saída de Neixón 
19:30- Tapa en A Batea de Juan 
20:15- Saída cara os aloxamentos 
21:30- Cea en A Casa do Prado 
Final da xornada

 
LUNS 25 
 
- 08:30- Saída do aloxamento 
- 09:00- Chegada ao porto (Cabo de Cruz) e saída en barco 
- 09:45- Chegada a batea 
- 11:00- Regreso a porto 
- 11:45- Visita carpinteiro de ribeira en Mañóns 
- 12:45- Visita estaleiros Triñanes 
- 14:30- Comida en Casa do Prado 
- 16:30- Final de programa oficial e regreso de visitantes 
 
Posteriormente aqueles que se queden, poderán optar por asistir ao obradoiro de Anna Mayer (19:30h) ou ir ao  centro a probar un par de tapas máis.

Páxina web de referencia:

http://mejillondeboiro.wordpress.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.10.10

Ribeira: a casa de cultura de Carreira acolle unha charla este venres 22 sobre os perigos de Internet

Ribeira, 19 de outubro de 2010. O venres 22 de outubro, ás nove da noite, a psicóloga Rebeca Sevilla, a xurista Lorena Vila, o mestre e pedagogo Álex Pérez, o informático Eduardo Iglesias e o pai e usuario Manuel Calviño estarán facendo de ponentes nunha charla-coloquio que organiza a asociación de veciños de Carreira. O lugar: casa da cultura. Hora: 9 da noite.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: os traballadores da ecoplanta advirten que os concellos que non paguen terán o lixo acumulándose nas rúas

Os traballadores e o comité de empresa, indignados co alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, "quen lonxe de disipar as dúbidas sobre o seu futuro sementou aínda máis indignación ao anunciar que non se compromete nin co plan de viabilidade presentado pola Mancomunidade do Barbanza nin coa planta de tratamento de residuos sólidos urbanos (RSU). En xogo están 150 postos de traballo". Saíron ás seis da mañá para facer unha marcha de protesta ata Compostela.

Lousame, 19 de outubro de 2010. A marcha, que coincidía cunha xornada de folga que foi secundada polo 100% do cadro de persoal, entrou en Compostela a mediodía e percorreu as rúas da cidade para rematar cunha concentración diante da consellaría de medioambiente. Alí e de forma simbólica, os traballadores depositaron paquetes de plásticos, papeis e outros materiais reciclados coa lenda “Isto é o que facemos nós”. Ao seu carón, dentro dun bidón, depositaron todo tipo de materiais que queimaron ante un cartel no que se lía “Isto é o que facedes vós”.Esta mobilización convócase logo de que os representantes dos traballadores mantiveran reunións cos grupos parlamentarios (agás o PP), coa Mancomunidade -que se comprometeu a presentar diante da empresa un plan para saldar a débeda acumulada, a 31 de decembro de 2012- e coa Dirección Xeral de Calidade e Desenvolvemento Industrial.

Porén as dúbidas mantéñense ao estar pendentes de solventar os problemas con ECOEMBES, unha sociedade sen ánimo de lucro constituída por fabricantes de envases que pagan un cánon anual destinado á recuperación dos envases que producen.

O financiamento da pranta, a diferencia dos contratos “típicos” de concesionario público, poderíase entender como semipúblico con respecto aos ingresos, xa que se factura en torno dun 60% á Mancomunidade e un 40% a recuperadores (ECOEMBES, ECOVIDRIO, etc.). O 40% que se factura aos recuperadores depende do mercado e dos convenios autonómicos (de feito, o máis importante deles, o de ECOEMBES, estase a negociar entre dito organismo e a Xunta; ECOEMBES intenta levalo á baixa).

ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film (envase lixeiro) recuperado na planta argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% através dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medioambiental ao acumularse este material na planta sen saída.

Con esta mobilización esixíanlle á Xunta a súa implicación, para que a través da Consellaría de Facenda se implique e garanta que a aquel concello que non pague se lle retirarán as cantidades adebedadas á Mancomunidade para facer fronte aos pagos. Alén diso, demandan que desde a Consellaría de Medio Ambiente se solvente o problema con ECOEMBES e se vele pola viabilidade do modelo de tratamento de RSU do Barbanza, sobre todo cando é o que mellor funciona no noso país.

Cómpre lembrar que o pasado 29 de xullo Fomento de Construcións e Contratas, FCC, empresa que xestiona desde o seu inicio a pranta de tratamento de RSU de Lousame presentaba a solicitude de resolución do contrato actualmente en vigor por impago da Mancomunidade. A débeda recoñecida por impago do cánon mensual ascende na actualidade aproximadamente a 2.700.000 €. Os concellos máis endebedados son os de Ames, Carnota e Noia, aínda que hai concellos que están ao día no pago.

Alén disto, aínda está sen resolver definitivamente o conflito existente co polvorín situado nas inmediacións da planta que por sentenza do TSXG obriga ao derrube da mesma. Todo un cúmulo de circunstancias que poñen en perigo o futuro e a viabilidade da Planta de Lousame. posible.

Mancomunidade do Barbanza

A Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza está integrada polos concellos de Pontecesures, Ames, Lousame, Brión, Noia, Muros, Porto do Son, Carnota e Rois, cunha poboación global de 85000 habitantes. En 2003 decidiu establecer un sistema de recollida e tratamento dos Residuos Sólidos Urbanos destes concellos, de xeito autónomo e diferenciado. O lixo recollido é tratado na Planta de Servia (concello de Lousame), cun sistema de tratamento húmido-seco, con separación de catro fraccións de residuos : fracción inorgánica (inclúe os envases), fracción orgánica (para a elaboración de compost), papel-cartón e vidro.

Desde ese ano, a planta de Lousame funciona con total normalidade, acadando uns excelentes resultados como modelo de xestión de RSU, e cuns niveis de reciclaxe que a sitúan á cabeza do estado español como a mellor planta de reciclaxe. A propia Xunta recoñece o éxito do proxecto do Barbanza, coa planta de reciclaxe e compostaxe de Lousame, que acada unha valorización material total (VTM) do 66,2%, fronte ao 34,1% de Nostián e ao 8,1% de SOGAMA.

Igualmente, o modelo de Lousame sigue todos os criterios medioambientais establecidos na Unión Europea, fronte a enorme problemática que representa o modelo de SOGAMA.

Para Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos, o problema estaría solucionado se a administración xestionara directamente a planta “asumindo o seu carácter de servizo público, no canto de outorgarlle a concesión a unha empresa privada, que ten como único obxectivo é obter beneficios”.

Vía GalizaCig
Galería con máis imaxes da marcha (CC) aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o vicepresidente da Deputación asesorou a patróns maiores sobre aforro enerxético

Pablo Villamar presentou aos patróns maiores da zona os servizos da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña

Boiro, 19 de outubro de 2010. O Vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Pablo Villamar Díaz, desprazouse esta tarde a Boiro, ao Centro Social, onde mantivo unha xuntanza de traballo con patróns maiores da bisbarra, a fin de presentar ás Confrarías os servizos que ofrece a “Axencia Enerxética Provincial da Coruña”, entidade impulsada polo organismo provincial co obxectivo de “implicar a tódolos axentes públicos e privados na promoción das enerxías renovables e na aplicación das accións de aforro e eficiencia enerxética”.

Acompañado polo Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, o Vicepresidente explicou que a Deputación decidiu levar a cabo charlas dirixidas a este sector en distintas zonas da provincia por ter detectado que “unha das facturas máis importantes das Confrarías é a do consumo eléctrico”. Aínda que son moi distintas en dimensión e servizos, trátase de organizacións que xestionan instalacións como depuradoras, fábricas de xeo, etc., nos que existe a posibilidade de optimizar e reducir o consumo enerxético. Por outra banda, engadiu Pablo Villamar, “se está a producir a liberalización do mercado da electricidade”, situación que as Confrarías, que na súa maioría teñen contratada unha potencia superior aos 10 Quilovatios, poden aproveitar para rebaixar a súa factura eléctrica.
Igualmente, aludiu a que a mellora das infraestruturas das Confrarías tamén axudarían ao aforro enerxético, e neste senso, “tamén ofrecemos asesoramento na busca de subvencións para amortizar ese gasto que suporían as melloras en instalacións”. Por iso, o Vicepresidente puxo a Axencia Enerxética Provincial á disposición dos patróns maiores que, de xeito individual, desexen facer un estudio sobre a situación da súa Confraría.
Na charla tamén se ofreceu información sobre o escenario actual, co proceso de liberalización do mercado, no que aparece a figura do comercializador de enerxía, e de posibilidades que ofrece a nova normativa, como a de contratar unha tarifa plana.
O Alcalde de Boiro, Xosé Deira Triñanes, agradeceu á Deputación o seu esforzo por difundir este servizo e axudar ás confrarías na racionalización dos recursos enerxéticos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical