15.1.13

Outes: o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, insiste coas fusións "voluntarias"

http://multimedia.xunta.es//portal-web/Videos/2012/Xaneiro/20130115_Presidenc...

  • Rueda visitou esta mañá os investimentos feitos no concello de Outes co fondo de compensación ambiental
  • Os fondos procedentes do canon contribuíron á ampliación de redes de abastecemento e saneamento de auga no concello

Outes, 15 de xaneiro de 2013.- Logo do parto dos montes feito con Oza e Cesuras, a Xunta segue a insistir co das fusións voluntarias. Así se pronunciou hoxe o vicepresidente do ente autonómico, Alfonso Rueda, como se observa no vídeo desta información, no das fusións como futuro, parece que tirándolle indirectas a Outes, un pequeno concello que vai perdendo poboación cada ano (o seu índice de envellecemento é dun brutal 267%: namentres a taxa bruta de natalidade só chega ao 5'6% a taxa de mortandade é do triplo, cun 15'3).

Rueda realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Outes, onde comprobou in situ as obras levadas a cabo neste municipio grazas ao Fondo de Compensación Ambiental. Estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do alcalde da localidade, Carlos López Crespo; e aproveitou a visita para anunciar que, por cuarto ano consecutivo, o Executivo galego volverá a poñer a disposición dos concellos galegos este fondo, que estará dotado con 11,5 millóns de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, procedente do canon eólico, e permitiu -segundo a nota da Xunta- que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. "A medida, ademais dun forte compromiso coas facendas locais e o medio ambiente, é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia", segundo a Xunta.

Así, o FCA está permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos da explotacións do vento, a través das actuacións que están poñendo en marcha os seus concellos. Este é o caso de Outes, no que se levou a cabo a ampliación da rede de abastecemento e saneamento de auga cun orzamento de preto de 67.000 euros, dos cales 19.000 euros son para gastos de funcionamento. Precisamente, Rueda destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios do fondo para que puidesen dispoñer del para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos concellos. Ademais, como novidade para este ano o FCA poderá tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Datos_de_Outes.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a asociación cultural Borobó organiza viaxe á neve do 15 ao 17 de febreiro

  • Á estación leonesa de San Isidro
  • Data límite de inscrición o 2 de febreiro

San_isidro2013

Boiro, 15 de xaneiro de 2013. Baixo o lema “Borobó vaise á neve”, a entidade cultural presenta a organización da xa cuarta viaxe á estación invernal de San Isidro, coa finalidade de facilitar que os mozos e mozas, principalmente da comarca, teñan a posibilidade de disfrutar da práctica dos deportes de inverno coma o esquí ou o snowboard.

A saída está prevista o venres día quince de febreiro, sobre as once da noite, diante da Casa da Cultura de Boiro e voltarase ao redor das dez da noite do domingo dezasete. A viaxe, que ten un prezo de cento cinco euros, inclúe o transporte de ida e volta en autobús, o aloxamento na noite do sábado no Albergue Bustiello, a cea do sábado e o almorzo do domingo e o forfait do fin de semana. Non está incluido o aluguer do equipo, xa sexa de esquí ou de snowboard, pero dende a asociación realizan a xestión do arrendamento.


Para inscribirse e facer o pago dase de prazo ata o día dous de febrero e pode
facerse a través do correo electrónico de Borobó (asociacionborobo@gmail.com) ou no teléfono 620970072.

Noutros concellos:



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

14.1.13

Ribeira: obras para todas as parroquias, aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario de hoxe

  • Son oito actuacións en sete parroquias e a maiores das obras, hai unha partida para rematar o centro social de Carreira que vai iniciar o actual obradoiro de emprego "Vionta"

Media_httpfarm9static_eosdj

Docentes e alumnos do recén creado obradoiro "Vionta"


Ribeira, 14 de xaneiro de 2013.- A Corporación celebrou hoxe un pleno extrordinario e urxente no que se aprobou por unanimidade á realización de oito novas actuacións que están enmarcadas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación (comunmente coñecido como POS) e que servirán para seguir adecuando e humanizando as distintas parroquias que conforman o concello.

O POS 2013 ascende a un total de 449.236,85 euros financiados integramente pola Deputación. Dos mesmos, 386.237,55 euros están destinados a seis obras incluídas dentro do denominado POS principal e que benefician a outras tantas parroquias: en Aguiño, a pavimentación das rúas Lagarto, Manuel Murguía e Mestre Sans Ortega; en Artes, a pavimentación do entorno da Igrexa Parroquial; en Castiñeiras, a pavimento, auga potable e pluviais na rúa Alto da Fonte; en Corrubedo, a pavimentación, saneamento e pluviais nos accesos á praia do Prado; en Olveira, a pavimentación, saneamento e pluviais nunha praza en Sirves; e en Palmeira, a pavimentación da explanada do porto.

Os 62.999,30 euros restantes destínanse a gastos correntes, se ben o fin último desta contía é, segundo informou o alcalde, completar a construción do novo Centro Social de Carreira cuxa construción van iniciar os alumnos-traballadores do obradoiro Vionta.

Como POS complementario prevense outras dúas actuacións: en Olveira, a pavimentación de camiños no lugar de Bouza; e en Santa Uxía, a pavimentación do entorno do Cruceiro dos Remedios en Deán.

Aguiño

Media_httpfarm4static_ccgte

As rúas Lagarto, Manuel Murguía e Mestre Sans Ortega están situadas no centro da parroquia e son moi transitadas. As súas calzadas, feitas en aglomerado asfáltico, están bastante deterioradas polo uso e o paso do tempo. O obxectivo que se persegue reside en pavimentar a calzada cunha mestura bituminosa co fin de mellorar a seguridade viaria. Ademais, ampliaranse as arquetas existentes para aumentar a súa capacidade de desaugue, procederase ao enrasado das tapas á cota do novo pavimento e pintaranse as pertinentes marcas viarias. O orzamento é de 50.694,93 euros e o prazo de execución dun mes.

Artes

Media_httpfarm3static_jgclo

Igrexa de Artes

A actuación localizarase na rúa que parte dende a estrada Artes-Corrubedo, á altura de Outeiro, ata a igrexa parroquial: vía que sirve de acceso a este recinto e ao cemiterio e que é moi frecuentado ao longo de todo o ano.

A intención do Concello é substituír o pavimento existente (de aglomerado asfáltico e que está moi deteriorado nalgúns puntos) por outro de pedra acorde co entorno. Concretamente, disporase un novo pavimento a base de lousas de granito de 60x40x8 centímetros, con franxas de adoquín, tamén de pedra, de 33x16x8 centímetros, sobre 5 centímetros de mortero de cemento.

A actuación ten un importe de 79.728,41 euros e un prazo de execución de dous meses.

Castiñeiras

A acción planteada céntrase nunha das principais arterias do núcleo urbano de Castiñeiras, que hoxe en día presenta pavimentos de formigón e tramos de terra apisonada, en ocasións con maleza. Ademais de desbrozar a área de actuación, construiranse redes de pluviais e de auga potable e estenderase un pavimento de formigón en masa, combinado con franxas de adoquín de formigón recto. O orzamento da obra é de 35.915,14 euros e o prazo de execución, dous meses.

Corrubedo

As rúas obxecto da actuación serven de comunicación entre o porto e a praia do Prado, especialmente no período estival. O seu firme está  formado por pavimento de formigón, bastante deteriorado nalgúns puntos. Non existe rede separativa de alcantarillado, descorrendo augas fecais e pluviais por un único colector.

A efectos de mellorar a zona, instalaranse colectores de PVC compacto para saneamento de fecais e de PVC corrugado para pluviais. Ademais, pavimentarase a zona con distintos tipos de pedras co fin de lograr un debuxo semellante ao de áreas próximas recentemente pavimentadas: lousas de granito de 60x40x8 centímetros combinadas con adoquíns de granito de 20x10x8 centímetros. O importe é de 73.212,83 euros e o prazo de execución de tres meses.

Olveira

A praza obxecto da actuación está localizada en Sirves, que alberga a Capela dos Dolores, edificación de certa importancia e que serve de centro neurálxico para os veciños do lugar. A intención do Concello é instalar redes de saneamento e pluviais e pavimentar a zona con lousas de granito tipo perpiaño, ademais de dispor diversos elementos de mobiliario urbano.

A obra ten un orzamento de 35.879,30 euros e un prazo de execución de dous meses.

Palmeira

A esplanada do porto de Palmeira é unha zona moi transitada que na actualidade está deteriorada nalgúns puntos. Plantéxase a súa pavimentación con adoquín de formigón prefabricado en tonalidades gris e verde, que se colocarán sobre unha capa de morteiro de cemento estendida enriba dunha soleira de formigón.

O orzamento da obra ascende a 110.806,94 euros e o prazo de execución  é de dous meses.

POS complementario

Polo que respecta as actuacións enmarcadas no POS complementario, a pavimentación de camiños no lugar de Bouza (en Olveira) céntrase en dous vías que teñen distintas características, xa que unha delas conta con aglomerado asfáltico (que presenta algunhas irregularidades) e a outra un firme de zahorra e terra vexetal que en ocasións resulta intransitable na tempada de inverno por mor das chuvias.

Ambos camiños serán pavimentados para permitir a circulación de vehículos en condicións axeitadas. O primeiro cunha mestura bituminosa en quente e o segundo con tratamento superficial formado por un triple rego asfáltico estendido sobre unha capa de grava.

Esta actuación ten un orzamento de 35.103,83 euros e un prazo de execución dun mes.

Por último, actuarase nas zona na que se sitúa o Cruceiro dos Remedios, en Deán (Santa Uxía), que a día de hoxe rexistra uns pavimentos de aglomerado asfáltico, formigón ou lousas de baldosa hidráulica moi deteriorados polo continuado tránsito de peóns e vehículos.

Co obxecto de mellorar a zona, as rúas adxacentes ao Cruceiro serán pavimentadas con lousas de granito abuxardado de 20x10x8 centímetros e adoquíns de granito de 60x40x4 centímetros; e o entorno do propio Cruceiro, con lousas de 60x40x4 centímetros.

O importe da obra é de 61.419,31 euros e o prazo de execución, dous meses.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: Ramón Sampedro, o maior activista galego pro-eutanasia, voltou ser homenaxeado

Vídeos e tweets de Paco do Martelo







Foi o 12 de xaneiro de 1998 cando Ramón Sampedro, mariñeiro de Xuño tetrapléxico, farto da xustiza lenta e dos políticos inmisericordes deste país, decidiu deixar este mundo. Como reza o noso refraneiro, "entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro", e en calquera das súas homenaxes, sempre arredor da data do seu pasamento, o frío e a chuvia están presentes. Iso non arreda aos seus amigos, familia e admiradores, que xa levan con este 14 homenaxes. Notouse que non había eleccións á vista, pois a presenza de autoridades foi case nula: só se presentou o ex alcalde socialista Pastor Rodríguez, aínda edil na corporación sonense.

Os que nunca fallan e promoven con máis forza este homenaxe son os de Dereito a Morrer Dignamente e a súa familia e amigos. O seu anceio é que o legado de Ramón Sampedro non morra e que se consiga o que pediu ata que non puido máis: a eutanasia. Os políticos deste país, gravemente acomplexados pola moral católica que considera isto un pecado mortal, inda nin sequera abriron o debate. En países máis avanzados -Holanda, Bélxica ou Suíza, entre outros- xa é algo que a sociedade asumiu, pois foi explicado e debatido nas cámaras de representación cidadá.

O XIV homenaxe a Ramón Sampedro fixo de novo protagonistas á natureza -ese mar que el tanto amaba inda que nel quedara baldado e eses caraveis vermellos que se arroxaron no seu leito- e á poesía. O mesmo Sampedro deixou en "Cartas desde el infierno" un feixe de versos nos que este activista da eutanasia pediu, séndolle negado, unha morte digna a uns tribunais, os españois, que son tan lixeiriños en darlle cadea aos pobres e inda máis en zafar aos ricos e poderosos.

Media_httpfarm3static_nfcag

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: homenaxearán ao intelectual Celestino García Romero o venres 25 na súa aldea natal de Comoxo

Quen era Celestino García Romero?

Media_httpfarm4static_dbbkb

Celestino García Romero, nado en Comoxo, Boiro, foi xesuíta e escribía en galego cando aínda non se estilaba demasiado (1855-1929). Publicou obras de teatro e estudos etnográficos sobre diversas cuestións. Tamén se interesou pola arqueoloxía (o castro do Coto de A Moreira, por exemplo).

Media_httpfarm6static_obcjr

Tíñalle medo a unha nova desamortización (a máis famosa, a de Mendizábal, fora en 1836 e a de Madoz, en 1855, ano do nacemento de García Romero) e procurou que, no caso de que así fora, os bens da Igrexa quedasen na súa familia. Na súa casa natal hai un sombreiro de clérigo na entrada na súa memoria.



Cartel Celestino García Romero.pdf Download this file

Invitación Celestino García Romero.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Poesía: Silvia Penas súmase aos finalistas que recitarán na final do Slam Arousa

Silvia_penas


Silvia Penas nun instituto recitando

Vilagarcía, 14 de xaneiro de 2013. A poeta Silvia Penas, que foi gañadora tamén o pasado ano do primeiro Slam Poetry Vigo gañou este pasado sábado, 12 de xaneiro, en Vilagarcía de Arousa a cuarta convocatoria de Slam Arousa (poesía recitada dende a ría) que dende o pasado ano leva percorrendo localidades da Ría de Arousa.

Unha poeta máis que se suma á festa da poesía que se celebrará en marzo na Illa de Arousa. A súa voz atrapou aos asistentes dende o primeiro poema e saíu victoriosa tamén na final, á que chegaron tamén Mauricia Ces Quintáns e Hadriana Ordóñez (concelleira de Cultura de Rianxo). No acto, recitáronse poemas dos anteriores finalistas, Celia Parrra, Ramón Blanco e Pedro Campos, que estivo presente no acto e decidiu deleitar ao público con algúns poemas musicados en directo coa súa guitarra eléctrica tocada de xeito particular e masterizada tamén ao vivo. No acto houbo poesía, música, humor e unha ducia de participantes que quixeron recitar os seus propios versos para os que decidiron achegarse á cervexería Gael.

O vindeiro mes, o Slam Arousa vaise trasladar a Cambados.

Biografía da gañadora


Realizou estudos de Filoloxía galega na Universidade de Vigo, cidade onde mora a día de hoxe. Exerce como profesora de lingua e literatura galega, ademais de dedicarse a outras tarefas profesionais. Os seus textos foron galardoados en diferentes certames de poesía e narrativa, entre os que cómpre mencionar o Premio de poesía da Universidade de Vigo 2005, co poema en cinco partes Neste Bosque. Cun conxunto de poemas intitulado A tiranía do des foi premiada en 2007 no Certame Galego de Creadores Novos GZcrea. En 2009 publica Biografía da multitude en coautoría con Elvira Riveiro Tobío, este poemario acadou o premio de poesía Victorano Taibo en 2009. Ten participado en numerosos recitais como membro do colectivo Redes Escarlata. A imaxe desta biografía é do blog As escollas electivas

Pode que tamén lle interese:





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

13.1.13

Mar: o Bng pide á Unión Europea que se pronuncie sobre as gaiolas de salmón da Ría de Muros e Noia

  • A formación frentista defende que proxectos de acuicultura industrial non deben perxudicar a pesca e marisqueo artesanais


Media_httpfarm6static_yzvwf

A instalación das gaiolas de salmón provocou mobilizacións de afectados na ría de Muros e Noia   

Barbanza-Noia, 13 de xaneiro de 2013. O BNG demanda que a Comisión Europea se pronuncie sobre a posible instalación de 20 gaiolas para a cría industrial de salmón na Ría de Muros-Noia, a través dun proxecto que pretende levar a cabo a multinacional North West Food, cunha produción estimada superior ás 5.000 toneladas anuais e que, a día de hoxe, xa posúe dúas gaiolas experimentais no medio deste ecosistema mariño.

Tras un encontro coas asociacións ecoloxistas e do sector pesqueiro que se opoñen a este proxecto, -Asoar-Armega, Adega, Verdegaia, Greenpeace, Oceana, Salva a Selva, Salvemos Montefero e Ecoloxistas en acción-, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, considera necesario que o Executivo da UE se pronuncie sobre se un proxecto destas características cumpre a normativa comunitaria e os principios que rexen a Política Pesqueira Común (PPC).

“Considerando que as dúas gaiolas experimentais de cría de alevíns de salmón xa instaladas rexistraron unha mortaldade do 82% fronte ao 6% estimado como razoable, segundo os datos da propia empresa, non se cumpre o principio da PPC que defende unha explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura”, salienta Miranda.

Neste sentido, o BNG concorda cos colectivos críticos na “opacidade” da Xunta, “que agocha aspectos clave como o impacto medioambiental, a afectación do fondo e das augas mariñas e o perigo que a cría de salmón pode ter nas especies autóctonas, todo isto sumado ao inasumible nivel de mortaldade”, explica a eurodeputada.

Media_httpfarm8static_zcsif

As gaiolas experimentais poden verse enfronte á praia de San Francisco en Muros

“Un proxecto destas características non pode aprobarse de costas ao sector da pesca artesanal, sen exposición pública de toda a información para que os interesados podan alegar e, desde logo, non pode aprobarse sen a realización do correspondente estudo de impacto ambiental, cando todo indica que sería negativo”, recalca Miranda.

A eurodeputada nacionalista tamén avanzou que, como membro titular da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, vai propor que unha delegación dos colectivos pesqueiros e ecoloxistas que denunciaron este proxecto acudan a Eurocámara para explicar directamente os feitos e as consecuencias da cría intensiva de salmón na Ría de Muros-Noia, tanto en termos de preservación deste ecosistema mariño, como en termos socioeconómicos, tendo en conta que a Ría de Muros-Noia alberga catro polígonos de bateas de produción de mexillón e dunha importante frota adicada a pesca artesanal e ao marisqueo tradicional.

“Pensamos que este proxecto non é sustentable nin desde a perspectiva medioambiental, nin económica, xa que incluso pode destruír emprego nos sectores da pesca artesanal e do marisqueo da zona”, conclúe Miranda.

En agosto de 2008, a Xunta aprobou a instalación de dúas gaiolas experimentais para a cría industrial de salmón atlántico, especie allea as Rías galegas, que se instalaron inicialmente na Ría de Arousa. En 2011, as gaiolas foron trasladadas a súa ubicación actual na Ría de Muros-Noia. Ao longo do ano pasado diversos temporais arrastraron restos de gaiolas ata portos e praias, que houbo que retirar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

11.1.13

Rianxo: a editora Axóuxere terá, de xeito excepcional, a tres escritores na súa residencia entre febreiro e abril

  • É unha decisión motivada pola "alta concorrencia e a calidade das propostas presentadas"
  • A casa de Axóuxere en Xens configúrase como un espazo creativo "aberto para o despregue persoal e comunitario"

Media_httpfarm9static_xfiab

A última escritora que pasou pola residencia de Axóuxere foi Nerea Pallares

Rianxo, 11 de xaneiro de 2013. A iniciativa cultural de Nora Viéitez, Rafael Xaneiro, Roberto Abuín e Xosé Manuel Tubío, Axóuxere Editora, está a ter un éxito enorme nas súas convocatorias. O boca a orella para ocupar un dos cuartos na casa da aldea rianxeira espallouse como o centeo nun día de vento e tamén as redes sociais (http://axouxerestream.com) contribuíron a que a convocatoria para a Residencia de Inverno 2013 recibise un número alto de propostas, "a maior parte delas interesantes", aseguran. Mais iso implica unha gran responsabilidade e explican que "coñecendo que a nosa tarefa como xestores culturais debe ser a de dinamizar e facer medrar o espectro contemporáneo na arte, na literatura e no pensamento, finalmente decidimos seleccionar non só unha proposta senón tres. A excepcionalidade desta decisión débese, como xa dixemos, á alta concorrencia, e á calidade das propostas presentadas. Deste xeito, lamentando ter que deixar outras -tan válidas ou tan interesantes como as elixidas- á marxe, presentamos as candidaturas que seleccionamos. Estas candidaturas concorrerán entre o mes de Febreiro e o de Abril (tres meses, polo tanto), mantendo a editora contacto cos elixidos a fin de determinar o tempo da súa estancia".

As candidaturas elixidas son:

Media_http4bpblogspot_ygnci

Amilcar Bettega Barbosa (escritor e tradutor de Brasil)

Chiara Bertin (artista visual de Italia, agora en USA)

Elisa Iglesias Gil (Galiza)

Un espazo aberto e de benvida


Segundo argumentan os responsables de Axóuxere, "a intención da Residencia de Escritores é a de permitir o desenvolvemento dun espazo e tempos propicios para o despregue persoal, comunitario e creador. É por iso que, malia ter que seleccionar unha ou unhas poucas propostas de cada Convocatoria, a idea é que o espazo de Axóuxere estea aberto á convivencia comunal. É deste xeito un espazo ao que quen quixera coñecernos e compartillar con nós pode achegarse; a este noso pequeno, pero confortable lar. Océano-Universo".

Relacionada:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: remataron as obras nas escolas unitarias de Chenlo, Bexo e Vigo

Media_httpfarm4static_hrtiw

Imaxe dunha unitaria reconvertida en centro social. A arquitectura das unitarias galegas é semellante en todas

Dodro, 11 de xaneiro de 2013. Nestes últimos días o Concello de Dodro rematou pequenas obras de acondicionamento nas escolas unitarias de Chenlo, Bexo e Vigo. Nas escolas de Bexo e Vigo instaláronse dúas bombas de calor co fin de sustituir as estufas eléctricas tradicionais e que supoñían un alto consumo polo elevado número de horas que debían estar acesas sobre todo no inverno. Ao mesmo tempo, e no tempo máis caluroso, o uso destas bombas permitirá manter un mellor ambiente nas aulas.

    Na escola de Chenlo foi sustituido o chan por un novo, xa que o anterior facía prácticamente impracticable o seu uso para as actividades dos máis cativos. O importe total destas obras foi de 2.400 euros, ao que se sumaron 940 euros que o CRA de Dodro asumeu para poder completar xa neste ano a reforma do chan nas dúas aulas da Escola de Chenlo, en lugar dunha, tal e como estaba previsto nun inicio.

    O estado no que se atopan as escolas unitarias de Dodro esixe continuas reparacións dado que nos derradeiros anos as inversións de mantenemento foron moi escasas, provocando o seu deterioro, e encarecendo agora as reformas necesarias. "Nembargantes, o goberno do Concello de Dodro mantén o seu compromiso, dentro das súas posibilidades económicas, de atender as demandas no eido educativo", asegurou Marisol Boga, tenente de alcalde polo Partido Popular.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a confraría relixiosa "Irmandade da Paixón de Cristo" pide axuda para restaurar imaxes

Procesion_irmandade_de_cristo

Rianxo, 11 de xaneiro de 2013. A IRMANDADE DA PAIXÓN DE CRISTO de Rianxo vén de emitir un comunicado no que pide colaboración veciñal para o arranxo e restauración das imaxes de Semana Santa.

Poden facerse donativos na conta de La Caixa nº 2100 4694 97 0100221227
ou informarse nos teléfonos 981860611 e 662070579.

"A IRMANDADE DA PAIXÓN DE CRISTO agradece de antemán a xenerosidade e esforzo para mellorar estas imaxes tan queridas por todos", remata.

Creada en 2011

A organización ou confraría "Irmandade da Paixón de Cristo" é unha iniciativa popular tan importante e mesmo diría transcendental para que a Semana Santa se celebre co esplendor e devoción populares que se ven celebrando que, sen ela, case seguro que iriía esmorecendo algo tan esencial na tridición relixiosa de Rianxo. Recordo tempos nos que toda a Comarca da Barabanza, desde Padrón ata Ribeira, incluídas xentes da montaña (Vilar, Campelo Bustelo, Teao, etc. vilña á Semana Santa de Rianxo lucindo as súas mellores vestimentas para vela a Semana Santa de Rianxo para ver escoita os cantos relixiosos interpretados, como masa coral tres voces polo pobo de Rianxo. Grazas a esta irmadade, continúa. Parabéns, pois, e perdure.

Escrito no seu día por Manuel Dourado Deira, recén finado.
Vía http://semanasanta.galiciadigital.com

Facebook desta confraría relixiosa:
http://www.facebook.com/pages/Irmandade-Da-Paixon-De-Cristo/279917485395441

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical