10.8.12

A Pobra: prosegue a precampaña, agora inaugurando arranxos en paseos marítimos

Pobra_areal

  • A delegada territorial da Xunta e o alcalde da Pobra do Caramiñal inauguran o renovado paseo do Areal

  • Os traballos consistiron na mellora do alumeado, o pintado da estrada e o acondicionamento das zonas axardinadas por 40.000 euros

  • A Pobra é un dos concellos de Barbanza máis endebedados e tivo que ir a axuste. Segundo o Ministerio de Economía e Facenda, debía a 31 de decembro de 2011 2.589.000 euros, o que supón o 34% do orzamento municipal, que ascendía a 7.599.900 euros o ano pasado. Ademais agóchalle as contas á oposición

A Pobra, 10 de agosto de 2012.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, realizou hoxe unha visita de precampaña electoral ao concello da Pobra do Caramiñal, onde acompañada polo alcalde do PP, Isaac Maceiras, inaugurou o remozado paseo do Areal. Nos últimos meses leváronse a cabo traballos de acondicionamento e remodelación deste espazo, co fin de mellorar a súa imaxe e adaptalo ás necesidades dos seus usuarios.

A actuación, que contou cun investimento de máis de 40.000 euros, realizouse a través da colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, a Deputación provincial e o propio Concello. O proxecto contou con tres niveis da actuación. En primeiro lugar, pintáronse de cor azul todos os bancos e papeleiras e renovouse o alumeado para mellorar a imaxe daqueles farois máis deteriorados e incorporar luces de baixo consumo.

Ademais, procedeuse ao pintado da estrada que discorre ao longo do paseo, o que sen dúbida repercutirá nun incremento da seguridade viaria. Por último, acondicionáronse todas as zonas axardinadas, a través da poda das palmeiras, o arranxo do céspede e a plantación de novas especies ornamentais.

Con esta actuación, indicou Do Campo, “engádeselle máis valor ao que de por si xa tiña o paseo do Areal, unha das zonas máis transitadas tanto polos pobrenses como polos que nos visitan grazas á súa privilexiada situación ao borde da praia do mesmo nome”. A delegada territorial tamén destacou a cooperación mantida entre as diferentes administracións para sacar adiante o proxecto e, neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao concello “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.

Onte, en Boiro:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Comisión pola recuperación da memoria histórica da Barbanza constitúese este luns 13

Reunión da Constitución.pdf Download this file


Casa do Mar de Ribeira

Ribeira, 10 de agosto de 2012. O que desexe pode asistir á constitución da Comisión pola recuperación da memoria histórica da Barbanza que terá lugar o vindeiro luns 13 de agosto ás 19:00 na biblioteca da casa do mar de Ribeira.

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng comeza unha campaña a prol do comercio e hostalería local ante os recortes de Rajoy

Noia, 10 de agosto de 2012. Na última hora da tarde do xoves, 9 de agosto, membros do grupo municipal e militantes do BNG percorreron as rúas da vila facendo un reparto de material informativo sobre a campaña de apoio ao comercio e hostalería local e contra das últimas medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy.

 

A campaña consiste na entrega ao comercio e hostalaría dunha carta do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, onde se explican as consecuencias que se van derivar da entrada en vigor dos últimos acordos  aprobados polo Goberno central, así como as distintas iniciativas que a nivel institucional están os nacionalistas a poñer en marcha (presentación dunha proposición non de lei, a fin de que o Parlamento Galego, inste á Xunta de Galicia a formalizar o correspondente recurso de inconstitucionalidade por invasión de competencias en materia de comercio interior por parte do Goberno do Estado ao promulgar os reais decretos-lei 19/2012 e 20/2012).

 

Lembran dende o Bng que os reais decretos-lei conteñen medidas, como a liberación do horario durante os días laborais co seu incremento, ou a eliminación do período determinado para as rebaixas, todo conducente a introducir, "aínda máis, o caos no sector e beneficiar de xeito directo ás grandes corporacións comerciais".


Necesidade de mercar en Noia

 

A campaña -tamén con marcado carácter preelectoral- comprende asemade o reparto dun cartaz onde se pide á cidadanía que merque en Noia, consumindo no comercio local, así como nos bares e restaurantes do municipio; chamando ao consumo de produtos do país convencidos de que en BLOQUE, podemos saír da críse. A campaña continuará esta fin de semana.






Antes, en Certo:


San Bartolomeu 2012: do xoves 23 ao domingo 26 de agosto


Fotografía: "De Sanxenxo ao Sáhara", no claustro en agosto



Cartaz_noia_1

Carta comerciantes Portavoz Nacional 310712(1).pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: ximcana de inglés polas rúas dentro do Verán Cultural

 

 

Ribeira, 10 de agosto de 2012. – Unha quincena de establecementos situados nas rúas peonís de Ribeira foron escenario esta mañá dunha exótica Ximcana de Inglés na que participaron 30 nenos e nenas con idades de 8 a 12 que están a asistir a este obradoiro inserido no Verán Cultural.

 

A actividade, titulada "The Present Of My Granny" (Os Agasallos Da Miña Avoiña), consistiu en que os rapaces foron por unha serie de establecementos comerciais nos que, co obxecto de aprender o idioma, tiveron que recoller distintos encargos da súa avoa dirixíndose aos empregados en inglés: lingua en que tamén estes tamén se dirixen aos pequenos, axudados por unhas tarxetas coas conversas que antes lle facilitaron as monitoras do obradoiro, que ademais acompañarán aos nenos.


Pode que tamén lle interese:







 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: alcalde e primeiro tenente alcalde destinarán a súa paga extra de Nadal a financiar programas sociais

  • Trátase dunha renuncia voluntaria, xa que non están obrigados pola lei do Goberno central
  • Aproveitan, tanto Adolfo Muíños como Carlos Gey, para amosar o seu "rexeitamento profundo a este inxusto ataque aos salarios do persoal funcionario e laboral, porque causará moitos prexuízos ao comercio local"


Rianxo, 10 de agosto de 2012. O equipo de goberno de Rianxo, nun comunicado que fixo oficial hoxe,  decidiu ser solidario co conxunto do persoal municipal afectado polas medidas de Rajoy de supresión das pagas extras e vai aplicar a redución correspondente no mes de Nadal.

"Ao respecto comunicamos que, ao non estar dispostos a que esta rebaixa no salario vaia caer nas mans dos bancos causantes da crise nin sirva para maquillar as cifras do déficit do Estado, Alcalde e Primeiro Tenente de Alcalde destinarán a súa paga extra íntegra a financiar directamente programas sociais do Concello de Rianxo en atención de familias ou colectivos desfavorecidos", sinalan.


Renuncia voluntaria por solidaridade

Matizan, ademais, "que esta é unha renuncia voluntaria, á que non estamos obrigados pola lei do PP que afecta ao conxunto dos traballadores, mais queremos ser solidarios con eles desta minoración salarial así como cuestionar as rebaixas ás coidadoras e coidadores dos dependentes, aos desempregados aos que lle queren retirar os catrocentos euros, ás prestacións sanitarias ou as medidas involucionistas das reformas laborais que desprotexen máis aos traballadores deste país", apuntan dende o equipo de goberno rianxeiro composto por Bng e Psoe.

Rexeitamento profundo a este inxusto ataque

"Non obstante manifestamos tamén o rexeitamento profundo a este inxusto ataque aos salarios do persoal funcionario e laboral, porque causará moitos prexuízos ao comercio local.  A crise inducida pola banca, os mercados e a burbulla inmobiliaria vaina pagar a clase traballadora que non foi a culpábel dela. O rescate europeo á banca sae do lombo dos traballadores, desempregados e pensionistas deste país, mentres os culpábeis seguen sen castigo, amparados por paraísos fiscais ou con retiros millonarios. Con estas e outras medidas tomadas desde o goberno de Rajoy en Madrid e o de Feijoo en Galicia, o Partido Popular, incapaz de impulsar a creación de emprego, parece que ten como único obxectivo o desprestixio dos traballadores públicos logrando coa súa incapacidade que máis de 400.000 galegos xa estean por debaixo do umbral da pobreza", finalizan.







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

9.8.12

Boiro: Feijóo aproveita a visita a Cabo de Cruz para lanzar un mitin de precampaña na presenza dos alcaldes do PP

  • Di que Galicia é a comunidade máis solvente de España porque permitiu poñer "neste mes" a disposición dos galegos infraestruturas portuarias por valor de 36 millóns de euros

  • Resalta que o primeiro Plan Estratéxico da Náutica recreativa de Galicia, presentado fai uns días, establecerá prioridades, concretará os proxectos de náutica viables na comunidade autónoma, as directrices ambientais, os modelos de explotación e os valores engadidos que conleva a náutica recreativa

Fotos da Xunta. Autora: Ana Varela


Boiro, 9 de agosto de 2012.- O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe, nun desacomplexado mitin de precampaña electoral, que Galicia segue a ser a comunidade máis solvente de España o que permitiu poñer, durante este mes, a disposición dos galegos infraestruturas portuarias por valor de 36 millóns de euros. “Estes días puxemos a disposición do mar 4 grandes infraestruturas: puxemos a disposición a ampliación, o dobre de superficie de dique e de atraque, no porto de Ribadeo; puxemos a disposición outro porto importantísimo de mercadorías, o porto de Brens, en Cee, para toda a Costa da Morte; puxemos a disposición un porto pesqueiro, unha vella demanda dos pescadores do Sardiñeiro, en Fisterra; e, hoxe, entregamos esta obra no porto de Cabo de Cruz, en Boiro, con 12 millóns de euros de investimento”.

Como se observa nas imaxes, Alberto Núñez Feijóo adicoulle o seu mitin a unha parroquia xa convencida, pois estaban os alcaldes do PP de toda a bisbarra, así como a súa conselleira de Mar e o senador do PP Torres Colomer. Tampouco evitou facerse a típica foto electoral con nenos, desta volta dun curso de vela, que estaban alí para a ocasión. 

Feijóo, que inda segue a manter no misterio a data das eleccións, resaltou na súa alocución que “mentres outras comunidades teñen, hoxe, dificultades para pagar as súas nóminas, Galicia é a comunidade autónoma máis solvente; e iso non é como consecuencia dun Goberno senón como consecuencia da determinación dun pobo”. “Vamos a seguir traballando, e a seguir traballando nos portos pesqueiros e facéndoo compatible coa náutica porque entendemos que iso tamén é economía”, sentenciou.

Durante a visita ao porto de Cabo de Cruz, Feijóo subliñou que a importante mellora que se ten acometido permite cumprir dúas finalidades: prestar servizo a aqueles que viven do mar e facelo compatible cunha náutica ordenada; facer posible a convivencia entre o sector extractivo e o sector da náutica. E incidiu en que este obxectivo se conseguiu neste porto dunha forma exemplar; “e é unha honra escoitar –engadiu- como se pode facer investimento desde a iniciativa privada, sen subvencións, sen avais, sen ningún tipo de impostos dos cidadáns, é dicir, a través dunha iniciativa responsable que busca o investimento, que fai ese investimento e que paga conforme ás cotas dos socios”.

Resgardar diñeiro público, disque

Neste sentido, o responsable do Goberno autonómico explicou que o obxectivo de resgardar o diñeiro público para utilizalo en beneficio dos profesionais do mar e conquerir iniciativa privada para a náutica deportiva en Galicia está dentro do primeiro Plan Estratéxico da Náutica recreativa de Galicia, presentado fai uns días. “Trátase de establecer prioridades, de concretar os proxectos de náutica viables na comunidade autónoma, pero se trata tamén de concretar as directrices ambientais, os modelos de explotación e os valores engadidos que conleva a náutica recreativa. E isto, con diñeiro privado para dedicar o diñeiro público á pesca, ao marisqueo e ao cultivo do mexillón”.

O titular da Xunta garantiu que o Goberno galego seguirá traballando polo sector da pesca, un sector fundamental na nosa economía; “e iso –aseverou- é compatible co sector do turismo, un sector que supón 100.000 postos de traballo e o 11% do PIB. E a náutica produce emprego; cada 100 amarres hai unha media de 13 postos de traballo entre emprego directo e indirecto”.

Así mesmo, e en relación ao porto de Cabo de Cruz, o responsable autonómico avanzou que neste mesmo ano 2012 a Xunta encargará o proxecto para a instalación dos pantaláns dos bateeiros e acometer así, nos anos sucesivos, esa ambiciosa infraestrutura: ordenar a lámina de auga para que convivan os bateeiros, a pesca de baixura, o marisqueo e a náutica.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Xunta anda a estragar o litoral protexido con desbroces en Corrubedo coa escusa do turismo

  • Así o denuncia Adega, que tamén denuncia os mesmos feitos noutras zonas de Galicia especialmente protexidas, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Ribeira, 09 de agosto de 2012. Segundo denuncia hoxe Adega nun comunicado, "coa chegada do verán a administración quere poñer o litoral "bonito" para os bañistas. E para iso, Xunta e Costas do Estado non dubidan en pasar a desbrozadora polos espazos costeiros máis valiosos e protexidos arramplando con hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción. Todo para que a costa quede como a campiña inglesa. Dende o Parque Nacional das Ilas Atlánticas, pasando polo LIC de Corrubedo, Costa da Morte, Costa Ártabra... practicamente non queda litoral protexido sen rozar. Curiosamente, estas practicas contradín as recomendacións do Plano Director da Rede Natura, contribúen a degradar a nosa biodiversidade máis fráxil e mesmo favorecen a introdución de especies exóticas e invasoras. Para mostra a lagoa da Frouxeira: 5 figuras de protección ambiental non impediron que a Xunta pasara as máquinas sobre hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción. A Xunta xustifica estas prácticas (perpetradas sen informe técnico algún) por razón de "seguridade e salubridade" e di descoñecer a existencia dos hábitats e especies afectadas, malia a figuraren nos seus catálogos".

ADEGA leva anos denunciando desbroces reiterados de hábitats de interese comunitario e especies catalogadas en espazos protexidos. O último, no LIC Costa Ártabra, na área da Lagoa de A Frouxeira (Concello de Valdoviño). Esta lagoa, alén de facer parte da RN2000 (zona LIC e ZEPA), posúe outras 3 figuras de protección: Humidal de Importancia internacional - Ramsar, Humidal Protexido e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.


Neste espazo, ao igual que noutros moitos da costa, as rozas mecánicas afectaron de forma significativa e moi negativamente á composición, estrutura e funcionamento dos hábitats, tanto de interese europeo como prioritarios (Lei 42/2007 e Directiva 92/43/CEE).

Máis falsidades da Xunta

Como resposta ás denuncias dos ecoloxistas de Adega, a Consellaría de Medio Ambiente informa da non existenza de hábitats de interese comunitario nas áreas rozadas. "Tal afirmación resulta totalmente falsa. E a falsidade ponse en evidencia contrastando cos datos oficiais da propia Xunta de Galiza. Así no servidor cartográfico de información ambiental (SITEB) aparecen cartografados nas áreas obxecto da denuncia distintos tipos de hábitats: 2130* Dunas costeiras fixas (prioritario) e outros de augas permanentes e medios higrófilos sobre os que as rozas realizáronse de  forma reiterada (códigos 1150* -prioritario-, 1330 e 3130)", advirte Adega.

No seu escrito, a Consellería indica tamén a inexistencia de especies protexidas. "Esta afirmación é de novo falsa: Así no Atlas e Libro Vermello da Flora Vascular de España  inclúese unha información básica sobre unha especie endémica do NW Ibérico, Antirrhinun majus subsp linkanum, e recollida no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza (Decreto 88/2007) na categoría de "En perigo de extinción". No Libro Vermello indícase que Antirrhinun majus subsp linkanum só vive en sistemas dunares e acantilados vexetados, sendo as principais poboacións as da Frouxeira (Concello de Valdoviño) e Ponzos-Santa Camba (Ferrol). A área de distribución inclúe a zona afectada polas rozas e obxecto da denuncia de ADEGA, que tamén coincide coa recollida no SITEB da Xunta de Galiza. Indica tamén que a principal ameaza para as poboacións desta planta rara son os labores de artificialización (rozas, curtas, plantacións, etc.), efectuadas nas áreas dunares e acantilados próximas ás praias: Xusto o que a Xunta e Costas veñen de facer", indican os ecoloxistas galegos.

Demencial resposta que denota incompetencia

Adega cualifica como "demencial resposta", a da Consellería de Medio Ambiente, a cal evidencia, "alén de ignorancia e desleixo sobre o patrimonio polo que debe velar, un total descoñecemento da normativa de protección do patrimonio natural e da biodiversidade. Alude a razóns de "seguridade e salubridade" non demostradas, pero de existiren non serían unha xustificación para saltarse as medidas de protección legal que teñen determinados compoñentes da biodiversidade (hábitats prioritarios, especies protexidas) dentro dun espazo natural. A Xunta tería que xustificar con razóns imperiosas de interese público de primeira orde para actuar sobre os hábitats e especies prioritarias consonte á Lei 42/2007, á Directiva 92/43/CEE, e ao Decreto 88/2007). Debería tere seguido os procedementos establecidos nestas normas e non intervir con actuacións descontroladas e sen xustificación técnico-científica algunha. Máis unha vez, as administracións que deben velar pola conservación do noso patrimonio, en especal do máis ameazado, son as primeiras en degradalo e vulnerar as leis".

ADEGA asegura que poñerá estes feitos en coñecento dos organismos europeos e internacionais competentes (Comisión Eurpoea, Parlamento e Secretariado de RAMSAR), habida conta da manifesta incompetencia, ignorancia e desleixo da Xunta e Ministerio na xestión dos nosos espazos protexidos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado 11, 19ª Travesía a Nado e Campionato de Acuatlón en Coroso

  •  Máis de 200 inscritos en cada competición
  • Trátase do primeiro campionato de acuatlón en Ribeira

 

Ribeira, 9 de agosto de 2012. – A praia de Coroso recibirá este sábado aos mellores nadadores de resistencia grazas ás dúas competicións que se levarán a cabo nas súas augas: a 19ª edición da Travesía a Nado “Praia de Coroso” e o Primeiro Campionato de Acuatlón Riveira.

 

Para falar de ambas iniciativas déronse cita hoxe na casa consistorial a voceira de Goberno, Herminia Pouso; o presidente do Club Natación Riveira, José Antonio Prada e o triatleta ribeirense Javier Fontao, quen leva catro anos seguidos subindo ao podio do Campionato Galego de Acuatlón.

 

Polo que respecta á Travesía a Nado: A cita terá lugar o sábado 11 de agosto ás 11 horas e constará de 5 categorías: nacidos entre 1995 e 1997; entre 1998 e 1999; en 2000 e posteriores; nos anos 70 e anteriores (máster) e categoría absoluta (sen límite de idade).

 

Segundo informou o presidente do Club Natación Riveira (entidade organizadora da proba) haberá dous percorridos, un de 1.250 metros para todas as categorías excepto a absoluta e, neste último, un circuíto de 2.500 metros consistente en dar dúas voltas a un triángulo olímpico no que as balizas sempre deberán ser deixadas á súa esquerda polos nadadores.


Selección portuguesa de Natación

 

Xa hai apuntados arredor de 200 participantes, entre os cales se contan cos mellores nadadores especialistas en augas abertas como, por exemplo, a selección portuguesa de natación practicamente ao completo e nadadores procedentes de Asturias, Castela e León e Cataluña.

 

Os tres primeiros gañadores de cada categoría, masculina e feminino recibirán un premio en metálico e un trofeo.

 

A travesía absoluta é puntuable para o Circuíto Galego de Augas Abertas.

 

Iº Campionato de Acuatlón

En canto ao Iº Campionato de Acuatlón de Ribeira terá lugar no mesmo día e lugar que a travesía pero comezará  ás 16.30 horas.

 

A competición divídese en tres segmentos, comeza cunha carreira a pé, despois unha de natación e rematan volvendo a correr a mesma distancia do primeiro tramo.

 

Os recorridos serán para os benxamíns e alevíns de 1000 m de carreira a pé e 200 m de natación, en infantil 1000 m de carreira a pe e 400 m de natación, cadete 1.500 m de carreira a pé e 500 m de natación e absoluta de 2.500 m de carreira a pé e 1.000 de natación.

 

Nestes momentos hai máis de 200 inscritos. Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e todos aqueles que rematen a proba recibirán un agasallo conmemorativo.


Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: solicitan maior seguridade na zona de San Lázaro e Poza de Moraña

Pobra_socialistas

A Pobra do Caramiñal, 9 de agosto de 2012. A concelleira socialista, Teresa García, apoia aos veciños de San Lázaro e Poza de Moraña xa que teñen un grave problema de seguridade no tráfico e solicitan circulación en sentido único.

 

A Poza de Moraña soporta circulación intensa debido a que moitos vehículos, para evitar as caravanas no semáforo do centro da vila, desvíanse polo lugar. A circulación é en dobre sentido ademais cando hai coches aparcados nun lado faise perigoso, tanto para os peóns como para os propios vehículos.

 

Precisamente as vivendas situadas na AC-305 ao paso por San Lázaro carecen dun lugar para aparcar, de igual maneira que os veciños que viven na rúa que conecta a AC-305 coa Poza de Moraña.

 

A solicitude para que se mellore a seguridade viaria nesta zona vén avalada por sesenta veciños que mediante as súas sinaturas solicitan o sentido único e que se lles facilite o aparcamento para mellorar tódolos aspectos da circulación rodada e dar respostas ao problema de aparcamentos que existe na zona.

 

Os vehículos que veñen da Ponte Barbanza ou Virxe do Monte non poden incorporarse a AC-305 con dirección a Boiro por ter esta estrada liña continua, infracción habitual que se comete neste lugar e que se evitaría co sentido único.

 

Solicitan, sinalan os socialistas, en nome dos veciños, "unha pequena actuación, coa fin de afianzar a seguridade e a fluidez do tráfico rodado, e en prevención de que ocorran accidentes, ademais de recordarlle ao alcalde que debe facilitar a convivencia entre veciños, deixar que aproveiten tódolos recunchos para o aparcamento e non primar a unhas persoas en detrimento da maioría".


Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: esta fin de semana, sábado 11 e domingo 12 de agosto, Festa do Mexillón

Festa_mexilln


SÁBADO 11 - 20.30h

- Degustación de balde de paté de mexillóns

- Paella xigante

- 4 pratos elaborados con Mexillón de Galicia Denominación de Orixe Protexida : ó vapor , fritos , á vinagreta e en empanada


- Actuación do grupo folk "Fol de veneno"

• DOMINGO 12 - 12.00h

- Xantar mexilloeiro . 6 preparacións : ó vapor , fritos , á vinagreta , en empanada , con salsa de vieira e Menú degustación . Elaborado con Mexillón de Galicia e amenizado con música da terra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical