30.3.12

Ribeira: un cento de kaiakistas de mar de seis países participarán nunhas xornadas do 4 ao 8 de abril

 

  • Haberá dous expertos mundiais en kaiakismo extremo e cursos en mar e terra, travesías, conferencias, obradoiros e documentais

 

 

Ribeira, 30 de marzo de 2012.- Entre os días 4 e 8 de abril, un centro de kaiakistas chegados de seis países van recalar neste municipio para participar nunhas xornadas técnicas organizadas pola Asociación Galega de Kaiak de Mar, o colectivo referente neste deporte non só a nivel autonómico e estatal senón en toda Europa e Norteamérica pola calidade das súas iniciativas.

 

O presidente da entidade, Roberto García, acompañado dos concelleiros de Deportes e de Seguridade, Juan Luis Martínez e Víctor Reiriz, e do presidente da Asociación Sálvora José Antonio Sobrado (tanto o Concello como este colectivo colaboran na acción), foi o encargado de explicar o programa destas xornadas que teñen carácter bienal e que xa van pola terceira edición (as anteriores foron en Ortigueira no 2008 e en Muxía no 2010) e que cada vez contan cun número crecente de participantes.

 

O centro de kaiakistas desta convocatoria proveñen de Canadá, Alemaña, Holanda, Francia, Portugal e de toda a xeografía española, incluíndo as Canarias. Ao longo dos 5 días de programa terán oportunidade de participar en multitude de actividades, que están distribuídas en cursos en mar (bautismos, surf, técnicas de paleo, rescates, desembarcos, esquimotaxes, navegación en correntes e kaiak para nenos), cursos en terra (ioga, comunicacións, primeiros auxilios), rutas-travesías (Coroso/Illa de Rúa/Illa Irós, Illa de Sálvora, Illa de Arousa e Illa de Ons) e talleres (reparación en fibra, tuiliks).

 

Un dos acontecementos máis relevantes é a participación de dous dos maiores expertos mundiais en kaiakismo extremo: os canadenses Marty Perry e Rowan Glog, fundadores dos Hurricane Riders, un grupo de practicantes deste deporte que actúa ao oeste do Canadá, no territorio da Columbia Británica. Ambos non só participarán como instrutores nas travesías, senón que ademais impartirán unha conferencia sobre o seu labor e proxectarán o documental “The Night Squad”, ademais de aproveitar a súa visita para gravar imaxes para os seus próximos filmes.

 

A charla e a emisión do filme dos Hurricane Riders terá lugar o sábado pola tarde no Hotel Rio Azor, emprazamento en que nos días previos (xoves e venres) haberá outras conferencias sobre temas tales como o Parque Nacional Illas Atlánticas  (a cargo de Vicente Piorno, técnico deste espazo protexido), sobre o Manuel de Boas Prácticas que se está a elaborar (con Benito Lourido como relator) e sobre a Bretaña Francesa (cun documental que presentará Manolo Pastoriza). Tamén haberá un simulacro de rescate coa participación de Salvamento Marítimo, faranse uns Xogos Esquimais e se realizarán actividades para nenos e acompañantes: barranquismo, rafting, sendeirismo, contacontos...

 

Razóns para escoller Ribeira


Sobre as razóns polas que a asociación escolleu este municipio por enriba doutros, Roberto García resaltou a idoneidade de Ribeira por reunir unhas condicións “inigualables” para a práctica do kaiak de mar, na entrada da ría máis grande de Galicia; por estar inmersa no corazón do Parque Nacional das Illas Atlánticas e por ser o concello máis importante da comarca, con servizos suficientes para aloxar aos participantes.

 

O edil Juan Luis Martínez destacou a idoneidade de albergar estas xornadas para cumprir cun dos obxectivos do Concello, que é o fomento das actividades no medio natural.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: escolares de Frións tiveron como guía ao alcalde nunha visita ao Concello

 

Ribeira, 30 de marzo de 2012.- Dezaseis alumnos de 4º de Primaria do CEIP de Frións efectuaron esta mañá unha visita a Casa do Concello. Os rapaces, de catro nacionalidades distintas, estiveron acompañados dos seus profesores e do director do centro, Luís Teira -ata hai nada concelleiro do Bng na Corporación-.

 

No transcurso da súa visita tiveron oportunidade de coñecer as distintas dependencias en que se distribúe o inmoble, tales como as oficinas xerais, a área de urbanismo ou a parte reservada ao arquivo. A responsable do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín, exerceu de cicerone durante o percorrido polas distintas estancias, no que tamén estivo a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya.

 

Como corolario da súa visita coñeceron o despacho do alcalde, no que foron recibidos polo propio Manuel Ruiz, e a continuación, acudiron ao salón de plenos do Consistorio, onde o rexedor se someteu ás preguntas que lle quixeron facer os nenos en torno a cuestións como a de como é o día día dun alcalde ou ás dificultades de conciliar a vida persoal coa laboral.





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o xoguete será o eixo de actividades no centro social de Cabo de Cruz

  • Cruz Vermella organiza tamén un obradoiro de prevención entre o 2 e o 4 de abril en Abanqueiro e Escarabote

Máis info:cabodecruz.org
centrosocialdecabo.blogspot.com/
www.boiro.org


Máis que facer en Boiro en vindeiras datas:


Semana Santa: ludoteca para rapaces (6-11) do 2 ao 4 de abril


Sendeirismo: o 7 de abril, de Río Grande a Río Beluso


14 de abril: curso sobre independentismo galego en Aturuxo



Cartel A4 xoguetes 2008-2012 PDF CERTO 29 03 12.pdf Download this file

Boiro_cartel_prevencin

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: abertas as oficinas de turismo e a sala museo municipal durante a Semana Santa

Turismo_semana_santa

  • As praias estarán limpas e vixiadas xa nestas datas


Ribeira, 30 de marzo de 2012.- A diferenza de anos anteriores en que, pola Semana Santa, as Oficinas de Turismo de Ribeira adoitaban abrir o sábado véspera de domingo de Ramos, en 2012 están abertas xa a partir de hoxe, venres 30. Así o anunciou onte o concelleiro de Turismo, Anxo Orellán, quen informou de que as dependencias radicadas en Xarás e na avenida do Malecón estarán abertas ata o domingo de Pascua, 8 de abril.

 

O horario de funcionamento das mesmas será de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, todos os días dende mañá ata o día 8; en tanto que a oficina permanente radicada no Centro de Interpretación de San Roque continuará co seu horario habitual ata o mércores (de 9 a 13.30 e de 16 a 19 horas), mentres que en xoves santo, venres santo e sábado santo ampliarase o mesmo, abrindo de 10 a 14 e de 16 a 20.

 

Dende a Área Municipal de Turismo espérase incrementar as 650 consultas rexistradas o ano pasado. Lembran que nas datas festivas de 2011 o parque de San Roque estaba en obras, co cal agora que está totalmente acondicionado agardan incrementar os 233 visitantes que acudiron ao Centro de Interpretación en demanda de información (183 deles eran de Galicia, 46 de Península e 4 estranxeiros).

 

Polo que respecta á oficina de Xarás, rexistrou 157 visitas, das cales 90 proviñeron de Galicia, 59 da península e 8 do exterior; mentres que na do Malecón foron 230 os visitantes: 85 galegos, 135 do resto de España e 10 estranxeiros.

 

O parque natural, o parque periurbano, os miradoiros e -de persistir o sol- praias como as do Vilar ou A Ladeira, espérase que sexan unha vez máis os puntos de maior interese para os turistas, aínda que se está a detectar unha atención crecente por museos e rutas de sendeirismo.

 

Praias limpas e vixiadas

De calquera xeito, estes días estívose a traballar na limpeza e posta a punto dos areais do municipio e entre o xoves santo e o domingo de pascua haberá servizo de socorrismo e vixilancia de praias a través de voluntarios de Protección Civil: concretamente, serán dez as persoas que se encargarán de velar pola seguridade nas praias de Coroso, O Vilar e A Ladeira, en horario de 12 a 19 horas.

 

Sala museo aberta

O Concello tamén informa de que a Sala Museo Municipal, situada na rúa peonil de Galicia de Santa Uxía, vai estar aberta durante a festividade de Semana Santa, coincidindo cuns días nos que o municipio adoita contar cun gran movemento de visitantes.

 

Concretamente, a instalación cultural permanecerá aberta o xoves e o venres santo (días 5 e 6 de abril) en horario de 11 a 13 e de 17 a 19 horas, en tanto que o sábado 7 estará a disposición do público de 11 a 13.30 horas.


Na mesma pódese ver estes días a fachada engalanada para conmemorar os dez anos da Festa da Chuvia (pagana totalmente).


Relacionadas:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: programación relixiosa da Semana Santa 2012

29.3.12

Música: convocan o V Concurso Galego de Composición para Bandas de Música e Sección Sinfónica

  • Data límite para presentar obras: 28 de setembro de 2012
  • O rianxeiro Antón Alcalde gañou varios anos a categoría para banda de música: recuncará?


Barbanza-Noia, 30 de marzo de 2012. A Xunta de Galicia a través de AGADIC e a Federación Galega de Bandas de Música Populares convocan o V Concurso Galego de Composición para Bandas de Música e Sección Sinfónica, sendo a data límite de presentación de obras o 28 de setembro de 2012.

O éxito acadado nestes catro anos pode verse nas obras premiadas para banda sinfónica:

  • O Soñ de Breogán de Juan Durán
  • Irmandiños de Juan Fernández Gúzman
  • Marea Negra de Antón Alcalde
  • A Pedra da Serpe de José L. Represas
  • A lenda da Santa Compaña de David Cuevas
  • O misterio do Castelo de Pambre de Víctor Enguídanos Royo
  • Na Galiza de Paulino Pereiro Martínez

ou para banda de música:

  • A Revolta Irmandiña de Raúl Martín Niñerola
  • Terra de Oestrimnios e Monte Medulio de Andrés Álvarez
  • Pórtico, Dolmen, Camiños da Fin da Terra e Noite de defuntos de Antón Alcalde
  • Auga levada de Juan M. Eiras
  • Espírito Galego de Santiago Quinto Serna
  • A Batalla de Elviña de Manuel A. López Pérez

O concurso consta de tres categorías ás que poder presentarse:

    * 1ª categoría: sección Sinfónica (a partir de 71 músicos)
    * 2ª categoría (até 70 músicos)
    * 3ª categoría (até 50 músicos)

Máis info: http://fgbmp.net

Relacionada:


V-concurso-composicion

Bandas_Bases_Concurso_2012-1.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: a Festa da Chuvia cumpre 10 anos e celébrao ata o mércores 4 de abril

  • Música, ghastronomía e algho de movemento -non todo vai ser empinar no bar- compoñen a oferta do décimo aniversario

Cartel-chuvia_2012

programachuvia2012.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.3.12

Boiro: o venres 3o, Curota Sound e o sábado 31, vídeo con fotos de Bealo

Cartel_proxec_bealo_b

Boiro, 28 de marzo de 2012. Como cada venres, e ata xuño, na Pousada das Ánimas celebrarase unha nova actuación do certame Curota Sound. Este venres, 30 de marzo, ás 23 horas actuarán os grupos: Dr.Quack e Da Ría Mafia

O sábado 31 marzo ás 18 horas realizarase no Centro Social de Bealo a proxección das fotografías realizadas na ruta fotográfica pola parroquia de Bealo o pasado 11 de febreiro.

Antes, en Certo:


Recital Leñaverde: este xoves 29 de marzo


Semana Santa: ludoteca para rapaces (6-11) do 2 ao 4 de abril



Sendeirismo: o 7 de abril, de Río Grande a Río Beluso


14 de abril: curso sobre independentismo galego en Aturuxo


  Semana Santa 2012: programación relixiosa


Certame "Ramón Martínez López": prazo ata o venres 4 de maio

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: celebran o Día do Libro Infantil o 2 de abril cunha solta de libros ou bookcrossing

Cartel_bookcrossing_2_abril_co

Rianxo, 28 de marzo de 2012. O vindeiro dous de abril, que cadra en luns, conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e, para celebralo, a Biblioteca Pública Castelao suxire unha proposta de "bookcrossing" (solta de libros para que outras persoas os recollan e os lean) que comezará ese mesmo luns ás 18.00 horas.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o sábado 31 de marzo, Burromaquia

Burromaquia

Rianxo, 28 de marzo de 2012. O próximo sábado 31 de marzo, ás 12.00 horas, terá lugar na Biblioteca Pública Municipal a proposta "Burromaquia inacio contacontos".


Neste espectáculo de narración oral encontrámonos cunha selección de contos, fábulas, poemas e cancións na que se fala con simpatía dese animal tan entrañable que é o burro. A través da súa participación, os rapaces e rapazas van descubrindo a historia do burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas.

Mesa redonda suspendida

A proposta da Mesa Redonda: novos retos da muller na sociedade queda suspendida.

Antes, en Certo:







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: orde do día do pleno do venres 30 de marzo

Media_httpfarm5static_iyimh

1 .- Aprobación da acta da sesión de data 24/02/2012.

2 .- Dación de conta das resolucións da número 470/2012 á número 876/2012 e actas da Xunta de Goberno Local de datas 14/02/2012, 21/02/2012, 28/02/2012, 06/03/2012, 13/03/2012 e 20/03/2012.

3.- Dación de conta dos informes de Intervención Municipal sobre a estabilidade orzamentaria dos meses de febreiro e marzo de 2012.

4.- Dación de conta do informe de Intervención sobre relación certificada do artigo 3 do Real Decreto-Lei 4/2012, de 24 de febreiro, polo que se determinan as obrigas de información e os procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiamento para o pago dos provedores das entidades locais.

5.- Modificación número 7 da Ordenanza número 25, Reguladora da taxa pola prestación do servizo da piscina municipal.

6.- Modificación número 7 da Ordenanza número 31, Reguladora do prezo público pola prestación de servizos nas instalacións deportivas da piscina municipal.

7.- Ordenanza número 39, Reguladora da taxa por aproveitamento especial do dominio público municipal a través da instalación de postos durante a Feira Medieval con acceso directo desde a vía pública.

8.- Aprobación do crédito extraordinario número 1/2012.

9.- Aprobación do Regulamento da Feira Medieval do Concello de Noia.

10.- Solicitude de compatibilidade de don Ramón Fernández Couso.

11.- Rogos e Preguntas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este venres 30 de marzo preséntase o novo partido Máis Galiza

Final

Noia, 28 de marzo de 2012. Este venres, 30 de marzo, ás 20:30, no novo edificio
administrativo do Espírito Santo preséntase o novo partido Máis Galiza, un dos escindidos do Bng.
Será a primeira localidade da comarca no que se constitúa publicamente. Intervirán no acto a responsable comarcal, Lola Caramés; Manolo González como membro da executiva nacional de + Galiza; José Manuel Barreiro, responsable local de Máis Galiza na localidade de Noia e Xoán Bascuas, secretario xeral de Máis Galiza.

Media_httpfarm7static_hfpng

"Queremos facer un chamamento á cidadanía para que nos veña a coñecer e lle poidamos transmitir o nosos compromisos coa localidade e o traballo que vamos desenvolver a curto-medio prazo. Na última xuntanza na que se deseñou o acto, a militancia da localidade mostra neste novo proxecto unha ilusión enorme e moitas gañas de traballar", explican os organizadores.

Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: charla sobre alimentación para enfermos de Alzhéimer, o venres 12 de abril

Cartel-charla-alimentacion-alz

A Pobra, 28 de marzo de 2012. O Centro Sociocomunitario do Benestar da Pobra do Caramiñal, coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, exerce como promotor dunha charla informativa aberta a todas as persoas que poidan estar interesadas en asistir, que leva por título: "Alimentación  específica para persoas con alzhéimer e demencia senil".

O acto terá lugar na primeira planta do Centro Sociocomunitario pobrense da rúa Castelao, na sala de televisión, o vindeiro xoves 12 de abril ás 19:00 h., e contará coa nutricionista Raquel Pozo Goberna como conferenciante.

Trátase, con esta exposición, de sensibilizarnos a todos cos afectados por unhas doenzas que cada vez parecen máis arraigadas na sociedade e de facilitarlles unha situación que xa de por si resulta tan difícil.

Desde o departamento de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, convidan e animan a asistir ás persoas que poidan estar interesadas. Se alguén precisa máis información, pode requerila no número de teléfono 981832753.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Solidariedade: a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas acode ás microachegas en Internet ante os recortes en subvencións

Fegerec_maraton


Barbanza-Noia, 28 de marzo de 2012. Segundo explica a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC), "coa crise e os recortes actuais, as ONG estamos sufrindo moito e as persoas ás que atendemos, moito máis, producíndose un deterioro na súa calidade de vida engadido á falta de saúde".

Esta asociación de asociacións organiza a próxima maratón Coruña 42 -que se celebra o domingo 15 de abril- e quere xuntar o espírito deportivo e sacrificio que esixe unha maratón, coa solidariedade e as ganas de loitar que cada un dos afectados por unha enfermidade rara e/ou crónica ten. Ultimamente están surxindo moitos proxectos de crowdfundingé dicir, financiación colectiva ou micromecenado. Trátase, a través de microdoacións de moita xente, conseguir apoiar un proxecto moito maior. Neste caso o proxecto sería FEGEREC a través da capacidade de mobilización doutras entidades, como poderían ser os medios de comunicación.

Hai moitas páxinas para xestionar este tipo de iniciativas. FEGEREC deuse de alta en www.migranodearena.org, onde xestionan os donativos recibidos.  A idea que teñen é, aproveitando a maratón, "1 kilómetro, 100 euros" por ver de conseguir 4.200 euros, que foi aproximadamente o recorte total en subvencións que tiveron este ano.

A ligazón da páxina onde poder realizar os donativos é esta: http://www.migranodearena.org/fegerecfederacion-galega-de-enfermidades-raras-e-cronicas1

"É unha idea un tanto utópica, posto que queda menos dun mes ata a maratón e aínda así temos postas moitas esperanzas nesta idea, sería un grande éxito conseguilo e precisariamos da axuda dos medios de comunicación para dala a coñecer á poboación en xeral", explícannos dende FEGEREC. Dende Certo non podemos facer caso omiso a unha iniciativa deste tipo e solicitamos, dentro da medida que as nosas lectoras e lectores poidan, que colaboren con esta causa, non só facendo microachegas na páxina indicada, senón espallando a iniciativa nos seus perfís nas redes sociais (Cabozo, Facebook, Twitter, Pinterest ou calquera outra) ou, no caso de que tiveran, nos seus blogs ou páxinas web.

"O obxectivo é darlle a maior difusión posible en internet, por ver de chegar a moita xente que se solidarice coa causa, e parécenos que sería un aliciente extra para os corredores saber que o seu esforzo vai ser seguido por todos os nosos socios con moito entusiasmo", finalizan dende FEGEREC. 

Hai creado un evento no Facebook con este motivo, para que os que teñan perfil na rede de Zuckerberg fagan por partillalo: https://www.facebook.com/events/403000436395261/

Que é Fegerec

FEGEREC é unha entidade sen ánimo de lucro destinada a mellorar a situación socio-sanitaria das persoas afectadas por unha enfermidade rara e/ou crónica na Comunidade Autónoma de Galicia. Está formada por 7 asociacións de ámbito galego e unha coruñesa (lupus, esclerose lateral amiotrófica, ataxia, fibrosis quística, linfedema, retinose pigmentaria, Arnold-Chiari e esclerose múltiple), algunhas delas membros de  COGAMI. A súa sede está en Coruña, onde prestan servizos, ademais de en Pontedeume, Narón, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, con idea de continuar dando asistencia proximamente en Sada e Ourense. En total, FEGEREC ten arredor de 1300 socios afectados.


FEDERACIÓN GALEGA DE ENFERMIDADES RARAS E CRÓNICAS-FEGEREC

Pza. Esteban Lareo, Bloque 17, Sótano

15008 A Coruña

Tfno: 981 234 651

fegerec@cofc.es

fegerec.blogspot.com

twitter.com/FEGEREC

Facebook FEGEREC

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: cursos para mulleres en abril, maio e xuño

Rianxo cartaz.pdf Download this file

Rianxo, 28 de marzo de 2012. O Concello de Rianxo vai realizar cursos de novas tecnoloxías para a busca e mellora de emprego nos vindeiros meses de abril, maio e xuño.

Estes cursos están subvencionados pola Deputación da Coruña e son dirixidos só a mulleres.

1. Iniciación á informática e a internet. 20h

2. Ofimática. 40h.

3.Redes Sociais para a busca de emprego e desenvolvemento profesional. 24h.
4.  Iniciación de guía turística. 24 h.

Os cursos 1 e 2 van dirixidos concretamente a mulleres de entre 30 e 55 anos, o resto dos cursos non ten límite de idade.
Máis información e inscrición:

-Concello (Praza castelao s/n) Tlfn: 981860075

-Servizos Sociais Comunitarios (crta. de tanxil, 12) Tlfn: 981860061
Correo-e: igualdade@concelloderianxo.es



Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical