25.10.10

Banda deseñada: o brionense e medio boirense Brais Rodríguez Verde, gañador do VI premio "Castelao" de banda deseñada con "A man do diaño"


O premio, convocado pola Deputación da Coruña, está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora

Boiro, 25 de outubro de 2010. O debuxante Brais Rodríguez Verde (Brión, 1980), é o gañador da VI edición do premio de banda deseñada “Castelao”, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. O fallo foi feito público esta mañá polo presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, durante unha rolda de prensa que contou tamén coa asistencia do comisario do certame, Miguelanxo Prado, da deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño, e dos integrantes do xurado, que seleccionou por unanimidade a obra A man do diaño, de Brais Rodríguez, da que destacou que “a partir dunha anécdota sinxela constrúe, nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”.

Brais Rodríguez , nado en 1980 en Brión e criado en Boiro, Brais Rodríguez Verde é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e conta xa, pese á súa xuventude, cunha dilatada traxectoria de premios entre os que se conta o primeiro premio de banda deseñada do certame GZ-Crea en 2009, ou o primeiro premio do certame de banda deseñada de Cangas do Morrazo (2005).

Salvador Fernández Moreda afirmou que, coa convocatoria deste galardón, a Deputación da Coruña quere “promover a aparición de novos valores no ámbito da banda deseñada, xente que nun futuro poida ser para o cómic galego o que hoxe é Miguelanxo Prado”, e destacou que os gañadores deste premio en anteriores edicións como David Rubín, Antonio Seijas, Jacobo Fernández Serrano ou Mariano Casas, contan hoxe cunha importante proxección no ámbito do cómic galego.

Pola súa banda, Miguelanxo Prado subscribiu as verbas de Fernández Moreda e apuntou que o gañador da anterior edición do certame, Daniel Montero Coira, participará o vindeiro mes de xuño no I salón de banda deseñada de Munich, motivo polo que expresou a súa satisfacción, xa que o premio Castelao “non busca só o efecto directo de premiar a una obra e un autor concreto, senón que se produza como efecto secundario promover a banda deseñada galega en xeral”.

Segundo explicou o comisario do certame, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”.

Autorretrato de Brais Rodríguez Verde

Cofundador do fanzine "Carne líquida", Brais Rodríguez é un dos autores fixos da revista "Barsowia" desde o seu primeiro número e o autor individual con maior volume de obra presente no tomo colectivo "Barsowia en llamas". Tamén foi un dos nomes ineludibles do "Fanzine Enfermo", e contribuíu á revista "Dos veces breve" (especial underground), ao álbum colectivo "H2Oil", así como ao web www.chapapote.org do Colectivo Chapapote. Historietas súas viron a luz nos compilatorios do principal concurso galego de BD nos anos 1999 e 2003. Ademais, ten sido merecedor de recoñecementos como pintor, participando en diversos certames. É membro do colectivo Leña Verde, de Boiro, dende a súa fundación.

En Certo non somos alleos ás súas andanzas, e levamos seguíndoo dende a nosa fundación. Hai unha entrevista del aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o novo obradoiro de emprego, que levará o nome de "Airoas", acaba de ser concedido pola Xunta


O último obradoiro de emprego chamábase "Illote Noro II"

Ribeira, 25 de outubro de 2010. A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vén de informar favorablemente sobre a celebración en Ribeira dun novo obradoiro de emprego, destinado á formación teórico-práctica de persoas maiores de 25 anos con dificultades de inserción laboral. 

Nesta ocasión (e proseguindo coa política de adoptar nomes relacionados coa toponimia náutica riveirense), denominarase “Airoas” ao obradoiro (os anteriores chamáronse “Illa de Sagres”, “Illote Noro” e “Illote Noro 2”). A escola formará a un total de 35 persoas nalgunha destas tres especialidades: carpintería, xardinería ou pavimentación con lastros. 


Melloras en San Roque

O Concello pretende seguir aproveitando a oportunidade desta iniciativa para seguir facendo melloras no municipio e, unha vez máis, incidirase especialmente na adecuación do Parque Periurbano de San Roque.  

Así, entre as actuacións que se contemplan figuran o adoquinado da zona de acceso a San Roque dende a estrada de Frións, a execución da segunda fase da pavimentación do camiño que enlaza o parque coa cidade riveirense dende a zona dos Xulgados e a realización dun aparcamento e dunha zona axardinada no recinto, ademais doutros traballos como a confección de mobiliario urbano e de equipamento municipal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Literatura: a terceira edición do certame de novela curta "Cidade Centenaria de Ribeira" está a ser divulgada de xeito masivo

O prazo de admisión de orixinais remata o 23 de marzo de 2011
Ribeira, 25 de outubro de 2010. A Concellería de Cultura e Festexos convocou en xuño deste ano e xa está divulgando a terceira edición do Concurso Internacional de Novela Curta “Cidade Centenaria de Ribeira 2010-2012”. Trátase dun certame de frecuencia bienal co que se pretende potenciar e apoiar a literatura en lingua galega co gallo de conmemorar a concesión do título de Cidade a Santa Uxía o 23 de marzo de 1906. 

Así, a Área Municipal de Cultura efectuou este mes un envío de carteis e dípticos a máis de 300 lugares de Galicia e do exterior, ademais dun mailing masivo, co obxectivo de informar sobre as bases do certame, que nas súas dúas anteriores edicións foi gañado por Begoña Paz Rey, con “As mellores intencións”, e por Ignacio Silva con “Vertixes”. Ambas obras están publicadas pola editorial Xerais. 

Poderán concorrer ao concurso todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, cun único traballo en lingua galega normativa de temática libre, orixinal e inédito. A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 120.000 caracteres, presentarase por quintuplicado en exemplares separados. 

O prazo de admisión de orixinais rematará o 23 de marzo de 2011, aniversario da concesión do título de Cidade. 

Premio único de 3.000 euros

Establécese un primeiro e único premio de 3.000 euros, diploma conmemorativo da obra e publicación que será realizada por Edicións Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. 

Máis información no Auditorio Municipal (teléfono: 981 835 650, e-mail: culturaefestexos@riveira.com)

Antes publicamos:

Convocada a terceira edición do premio de novela de Ribeira

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o mago Cayetano Lledó estivo actuando na Paxareira para un cento de persoas

</object>

Dodro, 25 de outubro de 2010. O pasado sábado, 23 de outubro, tivo lugar  a presentación do espectáculo "Máxico Circus Cabaret", do mago Cayetano Lledó. Arredor dun cento de persoas acudiron a contemplalo no local da Paxareira. O departamento encargado da organización do acto foi a Concellería de Cultura, e o seu novo responsable, Abel Tarrío,  tamén asistiu.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng lamenta que o Museo do Mar volte a pechar nos horarios máis turísticos

Rianxo, 25 de outubro de 2010. Os nacionalistas de Rianxo emitiron unha nota de prensa na que se laian de que o Museo do Mar de Rianxo (o único destas características aínda en Barbanza e Noia) volte a reducir os seus horarios nos momentos en que máis afluencia de turistas pode haber. "Cando se poñen en marcha as estancias literarias promovidas pola mancomunidade Arousa Norte onde un mariñeiro das ilustracións de Castelao acompaña aos turistas pola vila os domingos o Museo do Mar permanece pechado", explican. "Supoñemos que finalizada alguha subvención o executivo de Rianxo é incapaz de manter uns horarios axeitados para manter aberto o que alcumaron de buque insignia do proxecto "Rianxo, o mar feito tradición" e que semella ter numerosas fendas no seu casco, entre eles a falta de persoal para atendelo e a falta de vontade política para constituír un Padroado que nunca se reuniu e botar abaixo a cacarexada e publicitada entente co Museo do Pobo Galego", apuntan.


O Bng xa denunciara os horarios de apertura en 2008

Progresivamente, despois da súa apertura, o Museo do Mar foi reducindo o horario de apertura axustándose ao das oficinas municipais en horario de mañá.  "Evidentemente atraer o turismo pechando polas tardes, fins de semana e festivos non semella ser o camiño máis acertado para potencialo", salientan dende o Bng.

"Cando se proclama o turismo como un dos motores económicos desta bisbarra e deste concello en particular, é cando menos cuestionábel que un dos atractivos nos que se investiron notábeis recursos económicos estea nunha situación de atención baixo mínimos, atendido unicamente en horario de oficina polos técnicos de turismo pero pechado cando o turista ou o veciño de Rianxo dispón de tempo libre para acudir", engaden.

Proposta: voluntariado entre os mariñeiros e mariscadoras xubiladas

O BNG de Rianxo proporá se abra unha liña de voluntariado entre os xubilados do mar rianxeiros para que complementen os horarios dos traballadores e ofrezan a súa experiencia mariñeira para a mellor guía dos visitantes do Museo do Mar. "Que mellor explicación dos contidos que escoitar in situ a algún mariñeiro ou mariscadora dar conta da súa vida de traballos no mar e presentarnos os seus trebellos! Pero de ningún xeito isto pode ir en detrimento da necesidade primaria de dotar de persoal suficiente ao Museo do Mar. Cada quen ten o seu papel e eles, os xubilados ou o voluntariado non van solucionar a falta de xestión en temas de persoal do executivo rianxeiro", conclúe o Bng.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

24.10.10

Pesca: os socialistas critican o escaso orzamento da Xunta para o sector pesqueiro galego

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira afirmou que os recursos destinados á pesca galega perden un 26% con respecto os de 2009,  e case un 18% en relación cos de 2010, e asegura que as prioridades do Goberno non están na neste sector productivo 

Barbanza-Noia, 24 de outubro de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, fixo unha valoración das cifras autonómicas para o sector pesqueiro galego. Denunciou que con estes orzamentos "a Xunta de Galicia acaba de certifica a súa falla de compromiso coa pesca de Galicia e o nulo peso político que Rosa Quintana ten no conxunto do executivo galego".

A portavoz de Pesca advirte, coa súa interpretación das cifras na man, que "a Consellería do Mar engana ao conxunto do sector cando, de maneira demagóxica, anima a recuperar a ilusión polo mar e a retornar a unha profesión con futuro mentres se constata unha perda do 26% con respecto a 2009, e de case o 18% en relación cos orzamentos de 2010".

Goleta histórica como "investimento suntuoso"

A maiores denuncia tamén unha reducción dos orzamentos de Portos de Galicia en infraestructuras vitais para o desenvolvemento da flota e dos servizos portuarios, nunha porcentaxe do 51%. Pero sen embargo advirte que a Consellería do Mar acomete a construcción dunha goleta histórica que vai a supoñer mais de 1,8 millóns de euros e un gasto de mantemento anual de mais de medio millón mais. Así as cousas a deputada socialista cualificou como un “insulto a intelixencia” xustificar este investimento suntuoso cando se acometen recortes vitais para o conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro en aras a austeridade. Neste mesmo sentido lembrou que a austeridade non existiu, tampouco, para mercar un vehículo novo para uso da propia conselleira.

Divulgación de tecnoloxía pesqueira, un 56% menos

Soneira asevera que con estes orzamentos desmantélanse programas vitais para o futuro do sector. E puxo exemplos de partidas como a investigación que se reduce nun 28,73%, a divulgación da tecnoloxía pesqueira que baixa un 56,44%, o fomento da acuicultura que se reduce nun 11,55%, ou a promoción das nosas produccións pesqueiras que se reduce o programa un 9,23%.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a casa de cultura de Portosín acolle unha mostra de cestería ata o 14 de novembro


A mostra procede do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo

Porto do Son, 24 de outubro de 2010. O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo, organiza unha mostra sobre cestería de Galicia na casa da cultura de Portosín. Nela pódense admirar 22 pezas exclusivas, froito do traballo de investigación que está a levar a cabo a entidade dependente daquel organismo provincial en prol da recuperación e do fomento dos oficios artesanais de Galicia.

A exposición, que se poderá visitar ata o 14 de novembro, inclúe pezas representativas das catro provincias de Galicia elaboradas, todas elas, por profesionais exclusivamente da comunidade, e recuperadas pola Deputación. Deste xeito, pódense ver os cabazos, -traxes que empregaban os agricultores de Ourense para gardarse da choiva-; as patelas, -cestos dos pescadores das Rías Baixas-; os medio ferrados, -pezas de medición nas vendimas de Chantada-; sombreiros de Noia; ou cestos de pequenas dimensións, con asa e tapa onde antigamente, principalmente na zona de Outeiro de Rei, se almacenaban os produtos caseiros.

Os traballos expostos foron realizados con cinco tipos de fibras naturais, segundo as técnicas da espanada, palla, xunco, madeira rachada, corres ou mixta entre outras. Precisamente, o CENTRAD ensina esta arte na súa programación oficial de obradoiros que este ano inclúe 65 variadas xornadas convertendo á entidade dependente da Deputación de Lugo no centro de maior oferta formativa nesta materia de Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.10.10

Rianxo: inaugurado o campo de fútbol de herba artificial da Lomba e presentado o libro "Rianxo na súa historia"

O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, acudiu aos dous actos

Rianxo, 23 de outubro de 2010. O presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida, inauguraron onte o novo campo de fútbol de herba artificial de A Lomba e a área recreativa anexa, nos que a institución provincial investiu máis de 850.000 euros.

No discurso inaugural, Pedro Piñeiro louvou a colaboración económica da Deputación de A Coruña para facer realidade varios proxectos en Rianxo. “Se colocáramos nun plano de Rianxo unha bandeiriña en cada actuación que fai aquí a Deputación, cubriríamos o plano de bandeiras ondeando”, dixo o alcalde rianxeiro, quen foi enumerando as principais inversións deportivas da institución provincial nos últimos anos (sete pistas descubertas, dous pavillóns polideportivos, piscina municipal e campo de fútbol de Asados, recentemente inaugurado). Pedro Piñeiro sinalou que todas estas inversións “son feitos, non promesas, que falan do interese da Deputación pola promoción do deporte”.

Fernández Moreda agradeceu a benvida dos veciños e representantes dos clubs alí presentes e afirmou que a súa visita responde a que “gústame ver que os cartos foron ben empregados e que as obras que facemos contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas”.

O presidente da Deputación lembrou a súa condición de concelleiro honorario de Rianxo, repasou as inversións que, en materia de deportes, fixo a Deputación na localidade. “O que facemos aquí en Rianxo, facémolo nos 94 concellos da provincia, porque nós non facemos distincións políticas”, subliñou Fernández Moreda. Presidente da Deputación e alcalde visitaron tamén a área recreativa anexa ao campo de fútbol, que costou 352.000 euros e conta con cancha de baloncesto, pista de skate, circuito de footing, mobiliario urbano (bancos, papeleiras, fontes), e unha zona de barbacoas, e na que proximamente se instalará un parque biosaludable para que as personas maiores poidan realizar exercicio físico.

Rianxo na súa historia
Fernández Moreda e Pedro Piñeiro asistiron, no Auditorio de Rianxo, á presentación pública do libro "Rianxo na súa historia", dos autores rianxeiros Xosé Comoxo e Xesús Santos, tamén presentes no acto. Ante un auditorio repleto de veciños da localidade, entre os que tamén había alcaldes da comarca, Fernández Moreda lembrou que cando Pedro Piñeiro lle propuxo que a institución provincial editara este libro “non o dubidei nin un segundo, porque esta obra servirá para poñer na historia feitos que ocorreron e que foron ocultados durante moitos anos”.

Louvou aos autores por un traballo “serio e ben documentado, que non é doado de escribir, porque case non hai fontes documentais. As fontes son as propias persoas e as que viviron aquela época van desaparecendo”. Segundo Salvador Fernández Moreda, no libro “non se cualifican conductas, se describen os feitos, e sen pon na historia a persoas de Rianxo e familias enteiras que foron vítimas da represión” durante a Guerra Civil. “Un libro como éste faría falta en todos os concellos de Galicia. Non para buscar venganzas ou revanchas, senón para coñecer a nosa propia historia e para evitar que feitos como éstes volvan a suceder”, sentenciou.

Os autores agradeceron o apoio e financiación da Deputación para editar esta obra de investigación histórica e dos veciños de Rianxo, “moitos dos cales xa non están”, pola súa colaboración e testemuñas arredor duns feitos “moitas veces difíciles de lembrar”, xa que a maioría dos documentos da época desapareceron dos arquivos municipais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o conselleiro de Cultura asiste este domingo á presentación de "Retornos" na Seminci de Valladolid

O conselleiro de Cultura e Turismo xa asiste hoxe á gala inaugural da ‘LV Semana Internacional de Cine de Valladolid’ e á proxección do filme ‘También la Lluvia’, protagonizado polo actor galego Luis Tosar. Mañá estará na presentación da película do director noiés, que produce Vaca Films

Roberto Varela nunha visita ao Museo Valle-Inclán da Pobra

Noia, 23 de outubro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asistirá hoxe á gala inaugural da LV Semana Internacional de Cine de Valladolid e á proxección da película También la Lluvia, un filme dirixido por Iciar Bollaín e protagonizado polo actor galego Luis Tosar, elexida candidata por España aos premios Oscar da Academia de Hollywood. Dentro das accións de apoio ao audiovisual galego, Roberto Varela tamén acudirá mañá á presentación e proxección da longametraxe Retornos, da produtora galega Vaca Films, dirixida polo noiés Luís Avilés.

Escea de "Retornos" rodada en Pontenafonso

O Teatro Zorrilla acollerá mañá dentro da sección Punto de encontro o pase oficial da película Retornos, da produtora galega Vaca Films en coproducción con Zed Filmes e Patagonik Film Group e dirixida polo realizador e guionista de Noia Luis Avilés. Retornos chega á Seminci unha semana antes da súa estrea en salas de cine de toda España, programado para o 29 de outubro. A presentación de Retornos contará coa presenza de parte do equipo da película, desde o director Luis Avilés ata os produtores Emma Lustres e Borja Pena, pasando polos actores protagonistas, Xavier Estévez (Padre Casares), Manuela Vellés (Caótica Ana, Camino), Emilio Gutiérrez Caba (Gran Reserva), Xosé Manuel Olveira “Pico” (Padre Casares, Pratos Combinados) e María Bouzas (Una mujer invisible, Heroína).

Á proxección da longametraxe Retornos na Seminci únese a presentación do filme La tropa de trapo en el país donde siempre brilla el sol, primeira película de animación en 3D estereoscópico feita en España dirixida por Alex Colls e producida por Anera Films, Continental Animación e Abano Producións.

Antes publicamos:

Retornos: a película do noiés Luís Avilés compite na Seminci de Valladolid e estréase o 29 de outubro en toda España. Máis

Noia: a primeira longametraxe de Luís Avilés Baquero, "Retornos", seleccionada para o Festival Internacional de Cine de Montreal. Máis

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: concerto solidario este domingo 24 de outubro no Coliseo Noela a prol do pobo Yutupis, na Amazonia peruana

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical