29.10.10

Noia: rematadas as obras de acondicionamento do entorno da Cova da Moura, en Argalo


O cemiterio do Páramo está uns metros arriba da Cova da Moura

Noia, 29 de outubro de 2010. Segundo informou o alcalde, Rafael García Guerrero, as obras de acondicionamento do entorno do dolmen de Cova da Moura, en Argalo, remataron onte. Logo de meses, estes traballos están listos para a data prevista, que era antes do Día de Defuntos (ao pé deste lugar está o cemiterio do Páramo). Os traballos fixéronse con fondos do Plan E, por un montante de 143.000 euros. Traballou no deseño destas obras 2es+ arquitectura, a quen corresponde a imaxe que ilustra esta noticia.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o poeta noiés Xoán Leiceaga e outros membros da tertulia literaria de Noia asistiron ás xornadas "Camiño ao andar"

Noia, 29 de outubro de 2010. O escritor italiano Erri du Luca e o premio Cervantes Antonio Gamoneda clausuraron onte á tarde as xornadas de reflexión e diálogo "Camiño ao andar", celebradas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela.

Sen lugar a dúbidas, o final da conferencia impartida polo poeta Gamoneda baixo o título "Creación estética de e sobre o Camiño: forma, iconografía, escritura", foi unha das partes máis reconfortantes para os membros da tertulia literaria de Noia, alcumada “Noia, porto de Compostela”. O poeta noiés Xoán Leiceaga B., autor de “Amores soñados, inalcanzables”, “Letras minúsculas”, “De temblores y grietas”, entre outras, formuloulle ao premio Cervantes unha serie de preguntas orientadas á explicación dos aspectos da súa obra que despertaron moito interese aos tertulianos ao longo da celebración das diferentes sesións literarias centradas na figura e obra de Antonio Gamoneda.

Centro Galego de Arte Contemporánea

A tertulia literaria noiesa é un clube de letura formado por un grupo heteroxéneo de letores: escritores, artistas, amas de casa ou filólogos que semanalmente se reúnen nun bar para comentar e analizar libros e artigos xornalísticos, sen pasar desapercibido o contexto social, cultural, económico e político do pobo a través dunha visión crítica do pasado, presente e futuro da vila de Noia.

Vía Isabel Veiras Manteiga en Facebook

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o músico Antón Alcalde gaña e recunca no III Concurso de Composición da Federación Galega de Bandas

Rianxo, 29 de outubro de 2010. Onte fallouse o III Concurso de Composición,organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Consellería de Cultura, nas Sección de Banda Sinfónica e Banda de Concerto. O rianxeiro Antón Alcalde Rodríguez, membro da Bandada Escola de Música de Rianxo e profesor de percusión, foi o gañador na Sección de Banda de Concerto.


O xurado explica na web da Federación Galega de Bandas:

"Dicíamos, cando se presentaba o I Concurso de Composición, que nacía coa intención de encher un baleiro que existía na cultura galega. A iniciativa pretendía incentivar a produción musical en Galiza e motivar ás novas promesas galegas co fin de que amosasen as súas composicións. E o resultado non podía ser mellor. Grazas á creación do Concurso, o repertorio musical galego estase a enriquecer con pezas de gran valor que son interpretadas polas moitas agrupacións do país. Pero o que é máis importante aínda, é que descubrimos a presenza de numerosos talentos interesados en preservar este noso patrimonio da música de banda galega, que cada vez ten máis que dicir dentro e fóra das nosas fronteiras.

Esta mesma tarde tivo lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a deliberación do xurado do que xa é o III Concurso de Composición. O xurado, presidido por Rubén Souto Santos, presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e no que actuo como secretario Tito Castaño Conde, secretario da FGBMP; ámbolos dous con voz pero sen voto, estivo formado polos seguintes profesionais:

  • José Bugallo Senra, compositor.
  • Juan Durán Alonso, compositor.
  • Xosé Carlos Seráns Olveira, compositor e director da Banda Sinfónica da FGBMP.

Unha vez reunido, e estudadas as nove partituras presentadas e distribuídas entre a sección Banda de Música e a Sección Sinfónica, o xurado emitíu o seguinte veredicto:

Para a sección Banda de Música outórganse os seguintes premios:

  • Primeiro Premio, con 3000€ e obra obrigada para a Sección Segunda do V Certame Galego de Bandas: Dolmen de Antón Alcalde Rodríguez.
  • Finalista, con 500€ e obra obrigada para a Sección Terceira do V Certame Galego de Bandas: Monte Medulio de Andrés Álvarez Hernández.

Para a Sección Sinfónica outórganse os seguintes premios:

  • Finalista: Mare Tenebrosum de José Ignacio Blesa Lull. Esta obra quedou descalificada ao non cumplir a base terceira do III Concurso de Composición.
As obras premiadas serán editadas e estreadas pola Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Cabe resaltar desta III edición que os dous premiados xa o foron tamén en edicións pasadas: Andrés Álvarez resulto finalista no I Concurso de Composición con Terra de Oestrimnios e Antón Alcalde foi premiado na II edición polas súas obras Pórtico e Marea Negra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o instituto A Cachada convoca concursos de relato, poesía e banda deseñada para os seus alumnos


O prazo para presentarse remata o 1 de febreiro

Boiro, 29 de outubro de 2010. O Departamento de Galego e o Equipo de Dinamización da Linga Galega convocan concursos de relato curto, poesía e banda deseñada. Nas bases de todos eles figuran como elementos comúns: todos os traballos teñen que ser orixinais, escritos en galego normativo, a presentación dos mesmos será antes do 1 de febreiro e que haberá premios en dous niveis: 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO.

Dende o blog do instituto, Xanela Cachada, animan a que todos os alumnos/as participen polo menos nunha das modalidades convocadas. As bases das modalidades específicas de cada un deles están ligadas a continuación:

Ver-poesía
Ver. relato curto
Ver. cómic

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o pazo de Goiáns xa é público, logo de pagarllo a Eroski e asinar a escritura


Vía

Boiro, 28 de outubro de 2010. O Concello de Boiro formalizou onte pola tarde a adquisición do Pazo de Goiáns, un ben patrimonial con orixes nunha fortaleza medieval, ubicado nas proximidades da vila, en dirección a Escarabote. Deste xeito, ponse punto e final a unha década de negociacións, controversias e polémicas sobre os usos e as propostas de urbanización da enorme finca da propiedade. O arquitecto Emilio Piña avanzou os primeiros planos para a rehabilitación da finca e agora deberán decidirse os usos deste importante ben vinculado á historia deste concello do Barbanza.

O alcalde de Boiro, o nacionalista Xosé Deira Triñanes, pronunciou este discurso no acto de escritura pública que tivo lugar onte:

"Neste momento diría un clásico: “QUIA PLENA”, que non quere dicir “porque xa estaba chea, porque xa estaba farta” e ó mellor alguén podía pensar que viña ó caso, pero esta expresión non é un feminino singular senón un neutro plural e significa “porque xa todo está  cumprido, porque o que se tiña que facer se fixo, porque hai pleno, é dicir, porque cumpríronse tódolos tramites para poder chegar a esta sinatura, Así é o sentido, e non é que esteamos fartos, senón “pletóricos” co noso deber cumprido; sen embargo sabemos que nos queda aínda un gran camiño por andar , e sabemos tamén que  non é fácil.
         Nas mandas testamentarias hai dúas clases de fincas e de casas, por un lado  “fincas” a secas e “fincas raíces”; “casas” e “casas matrices”, unhas “téñense” ou posúense e outras “son da familia”, unhas posúas unha familia e outras están ligadas a  unha familia, a un Nome, a un linaxe ou a un pobo; o Pazo de Goiáns, posuíra quen o posuíra, é de Boiro e representa unha parte importante da historia do noso pobo, é polo tanto unha “finca raíz” e unha “casa matriz” .
         Esta parte da ría de Arousa, non é un lugar calquera, ou un anaco de terra mais da ría, senón que é unha terra ligada a un pobo, que a traballou, que a cultivou, que fixo dela a súa Patria pequena, a súa pequena Vila , e “a Vila dun non é unha Vila calquera”, senón que forma parte da nosa forma de ser e de pensar “o boi é de onde pace, pero o home é de onde nace. Vaiamos a onde vaiamos, sempre seremos boirenses e, de verdade, aquelas viaxes e camiños que nos alonxan do que somos, non levan a ningunha parte, só os camiños que nos axudan a encontrarnos a nós mesmos como persoas e como pobo, valen a pena e teñen posibilidade de futuro.
         O pobo de Boiro, que humanizou estas terras, que formou parte da súa paisaxe e fraguou o seu destino, “golpe a golpe , paso a paso”, como di a canción, agora quere facerse cargo tamén  de aqueles símbolos que ao longo da súa historia  forxaron a nosa forma de ser. Utilizo as palabras fragua e forxa, precisamente porque non foi unha historia fácil senón dura, e o resultado foi un pobo con vontade de ferro que non ten medo ao porvir nin aos problemas, e o resultado aí está: un dos pobos máis puxantes da Ría de Arousa.
         A nosa historia non é peor nin mellor que outra historia, pero é a nosa, na que nos configuramos como somos, e a adquisición deste Pazo non nos fai nin máis importantes nin máis mesquiños, senón simplemente “BOIRENSES” que queremos ser mellores como pobo e como persoas. Que este Pazo sexa un punto de encontro entre tódolos boirenses e que entre todos sexamos capaces de crear e recrear un futuro mellor.
         Antes de rematar é de obrigado cumprimento  pedir perdón por tódolos erros cometidos, e dar a grazas a Eroski e ós seus representantes pola paciencia demostrada, porque souberon comprendernos e prestaron a axuda suficiente para chegar a este momento; só  pedirlle un favor: que parte deste capital o invistan en Boiro, é un pobo que non defrauda.
         A partir de hoxe este Pazo e de tódolos boirenses, coidémolo como se fose de cada un nós, porque o é. Cando o visitedes, se escoitades algún canto especial, de paxaro ou do vento, pensade que, ó mellor, é de Xavier Cortés, que hoxe estaría moi contento de estar neste acto".

Antes publicamos:
O xoves 28 de outubro asínase a escritura pública do pazo de Goiáns

Relacionadas:
Novos usos do Pazo de Goiáns, aquí

O que van ter que restaurar, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: xa se pode reservar praza para expoñer flores para a exposición na "VII edición da Exposición de Camelia Sasanqua e outras"

Boiro, 29 de outubro de 2010. O Concello informa de que os interesados en achegar flores para a exposición de camelias, que este ano chega á súa sétima edición, xa poden facelo. A mostra terá lugar os días venres 11 e sábado 12 de decembro, pero os expositores deberán estar rexistrados antes do 8 de decembro (inclusive). Como indica o nome da exposición, nela admítense as camelias Sasanqua e outras desta especie vexetal orixinaria de Xapón.

En 2008, Dani Gestoso cedeu estas imaxes da exposición:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Costas reparará un tramo dos colectores de Praia Xardín, que retomará a súa actividade o 18 de novembro

Boiro, 29 de outubro de 2010. O Concello de Boiro vén de solicitar a Costas do Estado en Galicia e á empresa Vías e Obras o arranxo de parte do colector recentemente instalado, concretamente un tramo duns 200 metros de lonxitude en Praia Xardín, xa que se detectaron problemas no mesmo.

O Concelleiro de Obras, Vías e Servizos, Juan Jesús Ares González, explicou que é preciso levantar o colector de saneamento neste tramo xa que, previo á posta en funcionamento, fixéronse unhas probas nas que se comprobaron que a inestabilidade do terreo nesta zona provocou un asentamento do mesmo, co cal as tuberías afundiron, quedan fóra de nivel.

Esta deficiencia pode provocar atascos no funcionamento da rede de saneamento, polo que se optou por levantar este tramo e adoptar as medidas correctoras para que isto non suceda. “Hai un tempo que coñecemos o problema, pero o goberno optou por deixar pasar a época estival para proceder a solucionalo, xa que mentres duren as obras hai que eliminar estacionamentos”, apuntou o Concelleiro. O goberno lamenta as molestias que poidan provocar estas obras, “pero o que non podemos facer é recepcionar unha obra defectuosa”, concluíu Juan Jesús Ares.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.10.10

Outes: o 1 de novembro inaugúrase a II Mostra de Fotos Antigas

Outes, 28 de outubro de 2010. O vindeiro 1 de novembro, luns, ás sete da tarde, terá lugar a inauguración da exposición de fotos antigas que organiza Terra de Outes. Será na Casa da cultura da Serra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe denuncia a "falsa austeridade de Feijóo" coa retirada de seis millóns de euros do fondo incondicional dos concellos e

Lage Tuñas denuncia o recorte de seis millóns de euros no Fondo Incondicional para os concellos nos orzamentos Acusa ao Goberno de Feijóo de falsa austeridade, ao incrementar en 2 millóns de euros (un 8,59% máis que o ano pasado) o gasto corrente do conxunto da administración xeral da Xunta de Galicia mentres reducen as partidas en sanidade, educación, dependencia ou investigación e desenvolvemento

Barbanza-Noia, 28 de outubro de 2010. O Viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, José Manuel Lage Tuñas interveu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento, trala comparecencia do Conselleiro de Presidencia na que explicou as partidas orzamentarias da súa área. Alí o deputado do PSdeG denunciou que “con estes orzamentos hoxe caeulle a careta e o eslogan da falsa austeridade ao Goberno de Feijóo, ao incrementar en 2 millóns de euros (nun 8,59% mais que o ano pasado) o gasto corrente do conxunto da administración xeral da Xunta de Galicia mentres reducen as partidas en sanidade, educación, dependencia ou investigación e desenvolvemento”.

Lage Tuñas sinalou que Alfonso Rueda aproveitou esta comparecencia “para lanzar soflamas contra o Goberno de España, co fin de evitar asumir as súas responsabilidades, renunciando ao exercicio do autogoberno”.

“Deixen de buscar responsables externos e explíquenos como baixan os fondos adicados á sanidade, á educación, ao gasto social e nembargantes para o ano 2011 sube o gasto corrente do conxunto da administración xeral da Xunta de Galicia en 2 millóns de euros respecto do orzamento do ano 2010” espetou.

O portavoz socialista relata que 9 de cada 10 euros da Consellería da Presidencia adícanse ao gasto corrente. Mais polo miúdo indica que o gasto corrente aumenta un 8.59% entre 20010 e 2011 no referido o conxunto da administración xeral.

Lage Tuñas replicou que “nesta partida é onde debería haber reducción de gasto corrente, por iso é falsa a austeridade da que viñeron presumindo. Cáelles a careta porque os números cantan”.E advirte que o Partido Popular prefire facer recortes no profesorado, no persoal sanitario e na dependencia “prefiren meter a tixeira alí onde máis se necesita”.

Asevera que colgarse medallas sobre a supresión das Fundacións Comarcais “ é ter moita cara”, e cualificouno “coma unha neglixente xestión xa que durante 18 meses non procederon a disolucións dunhas Fundacións, que quedaron definidas nun proxecto impulsado polo anterior Goberno autonómico”.

Promesas incumpridas de racionalización dos chiringuitos administrativos


Lage Tuñas aludiu ás promesas incumpridas de racionalización da administración paralela e recordoulle a Alfonso Rueda que “levan 18 meses gobernando e foron incapaces de disolver as fundacións comarcais” . Neste punto atacou duramente ao conselleiro da Presidencia ao recordarlle que “cústalles disolvelas porque foron vostedes quen as crearon, vostedes son os responsables da súa existencia e son os responsables do fracaso do modelo de comarcalización de Galicia”.

“A ver se en vez de anunciala (disolución das fundacións), fan algo e gobernan, porque o goberno anterior xa lles deixou todo preparado para consumar a disolución e agora veñen vostedes a intentar colgarse medallas”, proclamou. Nese senso lembra que o PSdeG-PSOE fíxolle propostas parlamentarias para evitar duplicidades na administración paralela e facer unha reducción real da administración institucional “pero o Partido Popular votou en contra”, insistiu.

O deputado do PSdeG recordou que o seu grupo xa propuxera evitar duplicidades e volveu a propoñer “fusionar as catro Xestures nun único organismo, a fusión de Augas de Galicia e a Empresa de Obras e Servizos Hidráulicos ou concentrar nun Instituto Galego de Finanzas, os actuais IGAPE, BIC Galicia ou Xesgalicia”.

O viceportavoz socialista di que o Conselleiro “meteulle unha navallada ao gasto social, sen novos equipamentos sociais, reducindo 300 ciclos formativos, diminuíndo o persoal docente, reducindo as becas universitarias e presumindo que non van a pagar o gasto da dependencia”.  E prosegue “ e mentres non disolven fundacións e incrementan un 8.59 % o Capitulo II do orzamento, o que supón case 2 millóns mais do gasto corrente”, insistiu Lage.

Coas cifras na man o portavoz de Presidencia e Administración Autonómica do PSdeG-PSOE explica que as contas autonómicas esquecen novos equipamentos sociais ou inversións en comunicacións terrestres e portuarias. Denuncia que recortan gasto social, a inversión productiva, esquecen a aposta polo I+D e manteñen o gasto improductivo. “Por diante din unha cousa e por debaixo da mesa coa man fan outra”, advertiu.

Retiran 6 millóns do Fondo para os concellos

Lage Tuñas tamén fixo fincapé na ”reducción” dos fondos incondicionais para os concellos galego e explicou que “o Fondo de Cooperación para os Concellos “ten 6 millóns de euros menos que no ano anterior, pasando de 120 millóns a 114”.

O ano pasado destinaban 120 millóns de euros a fondos incondicionais para os concellos galegos, este ano só 114 millóns; os socialistas propoñemos que se corrixan os orzamentos e se incrementen os fondos destinados aos concellos galegos” explicou o deputado do PSdeG.

Neste punto reclamou a modificación dos orzamentos “para que os concellos non sufran esa merma”, e ademais “ que se fagan as liquidacións con caracter mensual”, como demanda a FEGAMP “xa que os concellos teñen que facer pagos con carácter mensual, como é no caso das nóminas dos empregados públicos”.

O deputado do PSdeG recordou que nos orzamentos para o ano 2011 existe un total de 356 millóns de euros, dos cales 114 son incondicionais para os concellos e 242 millóns son condicionadas, é decir transfírense a través a través de subvencións ou convenios.

Lage Tuñas propuxo que “se modifique o orzamento para incrementar os fondos incondicionais do Fondo de Cooperación cos concellos e mellorar así as aportacións fixas aos concellos galegos” e nese punto pide que “se transformen en incondicionais parte dos 242 millóns de euros destinados a corporacións locais pero que son fondos condicionados. Solicita tamén que se destine unha parte importante ao Fondo de Cooperación cos concellos e pasen a ser fondos incondicionais, o que melloraría as finanzas das administracións locais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: programación cultural para outono e inverno

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical