7.1.11

Ribeira: as mellores raquetas de tenis de Galicia participan no máster desta fin de semana

Esta fin de semana, nos pavillóns polideportivos de Sirves e Artes 

Ribeira, 7 de xaneiro de 2011- Os pavillónn polideportivos de Sirves e Artes van ser escenario mañá e pasado mañá dunha nova edición do Máster Galego de Tenis, no que competirán os 16 mellores xogadores masculinos do ránking galego máis un convidado da organización. 

Este evento foi presentado hoxe na casa consistorial de Ribeira polo concelleiro de Deportes, Miguel Ángel Vidal Tomé, e por Blas Sobrido, secretario do Club de Tenis Punta Salera, de A Pobra, entidade colaboradora no campionato.

Como convidado da organización, participará Marcos García, de Lousame, recente vencedor do Máster Provincial. Outros participantes da zona son os ribeirenses Pablo Lijó, Marcos García e Alberto García, o boirense Pepe Ageitos e Óscar Vázquez, do Club de Tenis Punta Salera.


Miguel Casal leva varios anos ganando este máster. Na imaxe, en 2006

O gran favorito para levarse o torneo será, un ano máis, o vigués Miguel Casal, que ocupa o 38º posto de España e o primeiro de Galicia e é o vixente campión galego. 

Os partidos comezarán mañá no pavillón de Sirves a partir das 10 da mañá. O duelo máis interesante da primeira rolda terá a Pablo Lijó e a Cristian González como competidores. Ambos foron os finalistas que caeron ante Miguel Casal nas dúas últimas edicións do torneo. 

As semifinais terán lugar o domingo a partir das 11 da mañá, mentres que a final está prevista para as 17.30 horas. Estes partidos disputaranse no pavillón de Sirves. 

A organización confía en reunir a grande afluencia de público da última edición, na que para contemplar a final acudiron máis de 200 persoas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

5.1.11

Porto do Son: o concerto de Reis será este xoves 6 de xaneiro na igrexa de Noal ás doce e media da mañá

O violinista ruso Moriatov Incluirá pezas de sabor galego como A saia da Carolina ou Negra Sombra.

Quen é Mijail Moriatov?
Segundo a súa web:
 
É un dos violinistas de maior proxección e prestixo residentes actualmente en España. Naceu en Rusia e aos cinco anos empezou a súa carreira de violín, despois de estudar cos mestres máis ilustres e eminentes de San Petersburgo (Rusia). En 1986 superou as probas de acceso á Escola Superior do Conservatorio de San Petersburgo, que rematou coas máis altas calificacións en 1994. Porén, dous anos antes, en 1992 aprobou as oposicións para a Orquestra Sinfónica de Galicia con tan só 17 anos de idade, o que o convertiu no membro máis novo de dita formación. Dende esta data ata a actual reside e traballa en Galicia. Nos anos 1994-1996 foi profesor superior de violín no Conservatorio de Ferrol, así mesmo ao longo dos once anos que leva en Galicia desarrollou un importante labor docente por toda a Comunidade Autónoma Galega. É compoñente dende a súa creación (ano 1988) do Cuarteto Moriatov, un conxunto único en toda Europa, dado que está formado polos membros dunha soa familia. Con este grupo durante os 18 años da súa existencia realizou máis de 200 actuacións por toda Rusia e España.

Mijail MoriatovMijail Moriatov é ganador e finalista dos prestixiosos concursos internacionais de violín celebrados en España nos anos 1996 e 1997. En 1997 aproba as oposicións para a Orquestra Real Filarmonía de Galicia e vixentemente é un dos poucos músicos residentes en Galicia que lograron acceder por oposición ás dúas grandes orquestras galegas.

Mijail Moriatov é creador e director único da Orquestra Solistas de Galicia, así como doutros destacados conxuntos de música clásica como Lira, Cantábile, Noite na auga e Fantasía, entre outros, cos que realiza unhas 40 actuacións anuais por toda España. Así mesmo executou concertos como violín-solista por todo o país, realizou numerosas xiras e interveu en diferentes programas de televisión e radio. En 2001 saíu o seu primeiro disco compacto como violín solista que se titula Aire Fresco e consta de 16 temas populares de diferentes lugares do mundo e en 2006 sacou o seu segundo CD chamado Galicia no meu corazón con 18 temas galegos na súas propias versións, neste caso acompañado por tres músicos máis. Este CD xa foi presentado en máis de trinta localidades de toda Galicia.

Mijail Moriatov nestes momentos leva realizadas máis de 2.500 actuacións nos 17 anos que reside e traballa en Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: as imaxes da xornada de rafting organizada polo Concello de Ribeira en decembro, xa no Facebook

Ribeira, 5 de xaneiro de 2011. O pasado 26 de decembro, en Carcacía (Padrón), tivo lugar unha xornada de rafting que organizou a Concellería de Deportes de Ribeira. Todos aqueles que teñan Facebook poden ver o álbum completo non perfil Xuventude Riveira, da concellería citada, aquí.

A xornada fora anunciada en:


Nadal cultural e deportivo: temos toda a programación

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: xa non quedan escusas para non practicar deporte nas parroquias

O Concello completou o seu proxecto para instalar parques biosaudables nas nove parroquias. Investíronse 84.000 euros en todos os aparatos colocados. Os últimos foron postos en Artes, Carreira, Castiñeiras, Oleiros e Olveira

Barbanza está a inzarse destes parques. Algúns, como este de Boiro, teñen ata xogos de mesa. Iso si, hai que levar as pezas

Ribeira, 5 de xaneiro de 2011.- O Concello acaba de completar o seu proxecto de que as súas nove parroquias conten con cadanseu parque biosaudable, na procura de propiciar hábitos máis saudables entre os adultos do municipio e moi especialmente nas persoas maiores, permitíndolles exercitarse ao aire libre a través de distintos aparatos específicos para mellorar a psicomotricidade, a flexibilidade, a forza e o sistema cardiovascular.

Isto foi posible tras a instalación estes días de novos equipos de ximnasia en Artes, Carreira, Castiñeiras, Oleiros e Olveira, que se veñen a sumar aos parques xa existentes nos núcleos de Aguiño, Corrubedo e Palmeira, así como na cidade de Santa Uxía, que conta con dúas instalacións: unha situada na praza de Pedra Pateira e outra no paseo de Coroso.

Os cinco novos parques están localizados fronte ao Centro Recreativo de Artes (ten catro aparatos), xunto á Capela da Guía en Carreira (cinco aparatos), en Fonterramil en Castiñeiras (seis aparatos), na zona dos Muíños en Oleiros (tres aparatos), e diante da Igrexa de Bretal en Olveira (tres aparatos).

Máis aparatos noutros parques ribeirenses

Ademais, a actuación incluíu a instalación de novos aparatos noutros parques biosaudables existentes. Concretamente, no parque de Corrubedo instalouse un aparato máis (e con este incluído xa conta con cinco), en Palmeira un máis (tamén ten cinco) e en Aguiño outros dous (ata sumar sete aparatos).

Esta nova actuación contou cun orzamento de 28.000 euros, que, sumados aos 56.000 euros xa desembolsados, ascenden a un total de 84.000 euros investidos polo Concello de Riveira nos dez parques biosaudables que hai no municipio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: autoridades da vila comezan hoxe en Santiago actos de homenaxe a Valle Inclán no seu 75 cabodano


Acto floral na tumba de Valle en 2010. Imaxe de Alberto Besada García

A Pobra do Caramiñal, 5 de xaneiro de 2011.Co gallo do 75 cabodano do escritor Ramón María del Valle-Inclán ten lugar esta mañá, no cemiterio onde repousan os seus restos mortais, en Boisaca (Santiago de Compostela) un acto de homenaxe que supón o comezo dos moitos que terán lugar ao longo deste 2011.
Na homenaxe floral estarán, entre outras autoridades e en representación da alcaldía de A Pobra, a concelleira de Cultura de A Pobra do Caramiñal, Encarnación González Montemuiño, e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González Millán. Tamén se conta con integrantes da asociación Amigos do Museo Valle-Inclán e o escritor Xoán Xosé Fernández Abella.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Concello informa das actividades sobre prevención de drogodependencias para este 2011


Noia, 5 de xaneiro de 2011. O Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias, cuxa xestión administrativa recae no Concello de Noia e que no seu ámbito de actuación engloba os Concellos de Noia, Lousame, Porto do Son, Outes e Muros, dará continuidade durante 2011 aos seguintes programas de prevención de drogodependencias, que xa comezaron a principio do curso escolar:

O SEGREDO DA BOA VIDA

Repartirase un caderno editado polo Ministerio de Sanidade con actividades sobre hábitos saudables entre o alumnado de 5º e 6º de primaria, con consellos sobre alternativas de ocio saudables e prevención de hábitos nocivos (prevención do consumo de tabaco e alcohol fundamentalmente).

CAMPAÑA DE PREVENCIÓN DO CONSUMO DE COCAÍNA

Repartirase material informativo e de sensibilización para previr o consumo de cocaína en espazos de ocio e entre a poboación xuvenil. O devandito material co lema: "COA COCA, NON TE RAIES" ten como finalidade fomentar a reflexión acerca dos riscos que o consumo de cocaína implica así como formar os mediadores para que interveñan coa poboación consumidora co fin de transmitir información sobre os recursos asistenciais para tratar a dependencia a esta substancia.

INFORMACIÓN SOBRE AS NOVAS NORMATIVAS:


LEY 42/2010, DE 30 DE DICIEMBRE, POR LA QUE SE MODIFICA LA LEY 28/2005, DE 26 DE DICIEMBRE, DE MEDIDAS SANITARIAS FRENTE AL TABAQUISMO Y REGULADORA DE LA VENTA, EL SUMINISTRO, EL CONSUMO Y LA PUBLICIDAD DE LOS PRODUCTOS DEL TABACO. (Ámbito estatal).

LEI 11/2010, do 17 DE DECEMBRO, DE PREVENCIÓN DO CONSUMO DE BEBIDAS ALCOHÓLICAS EN MENORES DE IDADE. (Ámbito autonómico).

Para o cal, todas aquelas persoas e entidades que queiran se poderán informar sobre o contido das citadas leis na oficina do Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias, situada na Rúa do Curro, 4. 2º andar, os xoves de 10:00 a 12:00 h., no teléfono: 609.82.31.34 ou no email: infodrogas@gmail.com.

REPARTO DE GUÍAS SOBRE DROGAS ENTRE AS FAMILIAS

Co obxectivo de informar as familias sobre os riscos do consumo das diferentes drogas, así como dar pautas de actuación a estas, enviarase a cada domicilio un exemplar da GUÍA SOBRE DROGAS, editada polo Plan Nacional sobre Drogas. 

XORNADAS DE INFORMACIÓN

Tamén se realizarán xornadas de información sobre a prevención do consumo das diferentes drogas, en especial, debaterase sobre o cánnabis e a cocaína. Así como sobre adiccións comportamentales: ludopatías e xogo on-line.

AULA DE SAÚDE

Tamén e con carácter periódico (1 ao mes) tense previsto realizar charlas sobre temas de saúde e de medicina. Sobre temas de actualidade como a modificación da lei do tabaco ou a de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.

PASAPORTE FORMATIVO

Co obxectivo de recoñecer a asistencia ás actividades informativas e formativas que polo seu carácter puntual non excedan de 10 horas continuadas de formación (co formato de charlas ou conferencias) crearase un pasaporte formativo no cal se irán acumulando horas para a expedición dun certificado de asistencia co número de horas de formación.

MES DO SEXO SEGURO


Durante o mes de febreiro celebrarase o mes do sexo seguro con debates, conferencias, talleres, diferentes actividades así como realizaranse probas rápidas de detección do VIH a cargo da Asociación Antisida Lazos, repartiranse preservativos e información sobre como previr a infección polo VIH.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

4.1.11

Ribeira: o Ateneo Valle-Inclán acolle este venres 7 unha charla informativa para previr e tratar accidentes cerebrovasculares

Presentan a charla os directivos do Ateneo Dr. Gutiérrez e Jandro Ayaso.

Que é un ictus? Tamén coñecida como embolia cerebral ou apoplexía, ten un cadro característico que pode mirar na  Wikipedia.

De que van falar na charla? De como previlo e tratalo, que en resumo é o seguinte:

1.- O principal é controlar tensión arterial, colesterol e diabetes (factores de risco asociados a estes accidentes)
2.- Fóra tabaco e alcol.
3.- Hai que facer exercicio, pero evitar deportes de contacto ou sobreesforzos.
4.- Comer verduras e froitas, e comidas con pouco sal. Tamén deben evitarse azucres e grasas saturadas.
5.- Evitar o sobrepeso
6.- Ser guiadiño e facerlle caso ao médico cando nos vexa propensos a estes accidentes.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Casa da Xuventude sofre outra inundación e "Flor de Toxo" reclama que se arranxe ou se habilite alternativa


Casa da Xuventude ribeirense. Imaxe de setembro de 2009

Ribeira, 4 de xaneiro de 2011. "O día 3 de xaneiro do presente ano, a Casa da Xuventude de Ribeira sufriu unha nova inundación debido aos defectos na construción do edificio, é por iso polo que nos vemos na obriga de reclamar o inmediato amaño e apertura do citado edificio", reivindica a asociación cultural ribeirense Flor de Toxo.

Para este colectivo, "non é tolerable que despois dun ano de ser inaugurada siga pechada ao público. O concello non pode excusarse eternamente na empresa construtora, no arquitecto, nas filtracións, nos actos vandálicos…  É certo e comprendemos que houbo unha serie de imprevistos que fixeron que se demorase esta obra, pero o concello mostra unha actitude de falta de interese e pasotismo polas infraestruturas e política xuvenil en xeral".

Flor de Toxo sinala que "a día de hoxe a mocidade deste municipio non dispón dun lugar onde reunirse, onde levar a cabo ideas, onde darlle forma a proxectos.  É unha vergoña que se inaugure un edificio e un ano despois siga sen funcionar, que se faga en febreiro de 2010 unha reunión con entidades do municipio e se nos prometese unha segunda reunión no prazo de 15 días e a día de hoxe seguimos agardando por ese segundo encontro. Hai que ter en conta que é  unha instalación que o goberno municipal se empeñou en facer ao seu xeito, sen ter en conta recomendacións de colectivos culturais e xuvenís ou grupos políticos da oposición, polo tanto agora deben roer co que hai".

Mobilizacións se continúa a desidia

"Se non vemos avances e segue a falta de interese pola Casa da Xuventude verémonos na obriga de convocar protestas e manifestacións para presionar ao goberno do concello. Aproveitamos a ocasión para reclamar que se debe crear un Consello Local da Xuventude, para que o concello saiba o que a mocidade quer e como o quer", rematan os integrantes de Flor de Toxo.

Máis información en Certo sobre a Casa da Xuventude, aquí e aquí

Relacionada:


Viaxe á neve: "Flor de Toxo" organiza un. Anótate! Prazo ata 10 de xaneiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Eva Moreno expón no centro social durante este mes cadros sobre a figura humana

Boiro, 4 de xaneiro de 2011. A primeira exposición deste ano no Centro Social boirense reflicte a figura humana segundo as técnicas da artista Eva Moreno Herrera, licenciada en Belas Artes, nada en Suiza e residente en Noia. Na vila do Tambre dirixe a súa propia galería, Hoxeartestudios, que fai de estudo-obradoiro, onde practica a súa arte e apréndelle aos interesados. Tamén é profesora de Secundaria no colexio María Assumpta.

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Ana Bugallo e Francisco Dieste, convocados pola Selección Galega de Voleibol


Ana Bugallo, a do centro, foi convocada para a Selección Galega Infantil


Francisco Dieste, o da dereita, convocado para a Selección Galega Cadete

Boiro, 4 de xaneiro de 2011. A xogadora Ana Bugallo e o xogador Francisco Dieste están concentrados ata o 5 de xaneiro no albergue de Gandarío en Sada, convocados pola Selección Galega de Voleibol. Ambos pertencen á nutrida canteira dos clubs de voleibol de Boiro.
 
Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical