31.5.11

Mar: este domingo, 5 de xuño, nova mobilización contra as gaiolas de salmón na ría de Muros e Noia

Media_httpfarm4static_jajfk

Muros-Noia, 31 de maio de 2011. Este vindeiro 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, a Coordenadora en defensa da ría de Muros e Noia contra o cultivo intensivo de salmón nas súas augas, integrada por máis de 40 colectivos entre confrarías, organización de produtores/as, ecoloxistas, sindicatos, etc. convoca unha manifestación en Muros baixo o lema "Coas nosas rías non se xoga".
Media_httpwwwverdegai_hcljo

O percorrido reivindicativo partirá ás doce do mediodía dende do porto de Muros e rematará tras a lectura do manifesto cunha xornada de convivio e lecer. Fan un chamado a todas as organizacións sociais sensibilizadas coa problemática do mar e do litoral para acudir a Muros este vindeiro domingo e reivindicar conxuntamente un futuro sustentábel para as nosas rías.

A polémica xa está a atraer a atención de medios nacionais:

Máis información en Galicia Confidencial

Antes, en Certo:


Gaiolas de salmón: manifestación espontánea na Ría contra elas


Gaiolas de salmón na Ría: o Bng tamén se opón no Parlamento

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o alcalde en funcións recolleu os distintivos de calidade "Q" para Carragueiros, A Retorta e Mañóns

Boiro, 31 de maio de 2011. Esta mañá, en Madrid, o actual alcalde en funcións, Xosé Deira, recolleu os distintivos "Q" que acadaron as praias de Mañóns, A Retorta e Carragueiros. O acto de entrega destas bandeiras turísticas tivo lugar na sede do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, en Madrid.

 

O Concello de Boiro manifestara, a través do Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e da Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó, a súa satisfacción pola concesión, un ano máis, de cinco bandeiras azuis para as praias do municipio, concretamente as de Barraña, Carragueiros, Mañóns, A Retorta e Saltiño-Barraña-Esquerda. Esta enseña garante -segundo eles, pero cada vez está menos claro- non só a calidade das augas, a area e a limpeza dos areais, senón tamén outros servizos como poden ser duchas, baños ou servizos de salvamento e socorrismo.

O Concello de Boiro leva feito un importante esforzo para incrementar os servizos nas súas praias, sendo unha das actuacións máis destacables a dotación de  “puntos accesibles” para persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida nas praias de Carragueiros, A Retorta e Mañóns, e este ano estrearán outros dous puntos na praia de Barraña; un situado en Praia Xardín (fronte ao restaurante Galeón) e outro a carón do área deportiva de Barraña.

Estes puntos contan, entre outras cousas, con aparcadoiro, duchas e aseos adaptados, unha pérgola que constitúe unha zona de sombra, así como cadeiras anfibias e muletas. O persoal de socorrismo tamén está dispoñible para axudar a estas persoas e atender as súas necesidades.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: o Psoe esixe a comparecencia da Conselleira por beneficiar ás empresas acuícolas "amigas"

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira subliñou dende o PSdeG “non cuestionamos a declaración da utilidade pública da acuicultura de Galicia senón a finalidade coa que se fai”. Sobre a decisión da Xunta de vender aos dous helicópteros de salvamento asegura que “non se aforra, hai perda de patrimonio e hai precarización nun servicio vital para Galicia e enteiramente público”

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira anunciou hoxe, en rolda de prensa, que rexistrou diversas iniciativas parlamentarias nas que reclama que se tramita a comparecencia en Pleno da Conselleira do Mar para que dea conta do acordo da Xunta polo que se declara de interese público de primeira orde a acuicultura de Galicia. Soneira replica que esta decisión pretende saltarse a Directiva Hábitat, e denuncia que pretende “pagar determinados favores políticos a Pescanova”. Neste punto citou a participación dun Director Xeral desta empresa no mitin de fin de campaña nas pasadas eleccións municipais do Partido Popular en Muxía, no que pediu o voto para esta formación política. 

Afirma que a Xunta renuncia a utilizar ubicacións que non teñen ningún tipo de protección, e que mesmo están destinados a esta finalidade nos planeamentos municipais, para pagar favores políticos. E insistiu nas súas criticas “algunhas empresas teñen en nómina a algúns gobernos, e neste caso se apoian mutuamente”, espetou. Por iso subliñou dende o PSdeG “non cuestionamos a utilidade publica da acuicultura de Galicia senón a finalidade coa que se fai”.

Regalar os dous helicópteros

Sobre a decisión da Xunta de vender aos dous helicópteros de salvamento anunciou que rexistrou unha interpelación, unha pregunta en pleno e outra comisión para reclamar explicacións por este asunto. Na súa intervención lembrou que os dous helicópteros foron adquiridos pola Xunta de Galicia cando Enrique López Veiga era Conselleiro e foron pagados polo sistema de leasing na pasada lexislatura, e están valorados nuns 30 millóns de euros, coa única finalidade de ser de titularidade pública. Ademais sinala que “sempre se considerou que os medios de salvamento deberan ser propiedade da administración”. Dixo que as explicacións verquidas pola Xunta nas que aseguran que co aluguer destas naves vanse aforrar 2.700.000 euros/anuais, replica que "vamos pagar menos pero imos regalar os helicópteros a esta empresa". Asegura que con esta decisión “non se aforra, hai perda de patrimonio e hai precarización nun servicio vital para Galicia e enteiramente público”. 

Seguro de Accidentes para que actúe de xeito inmediato

E por último tamén anunciou que rexistrou unha proposición no Parlamento para reclamar á Xunta subscribir un Seguro Colectivo de Accidentes para todos os galegos e galegas que desempeñen a súa actividade na pesca, no marisqueo ou en accións de rescate de accidentados no mar. Ademais puntualiza que o seguro debera ter as seguintes coberturas: falecemento, invalidez parcial, total, absoluta e gran invalidez.

Reclama tamén axudas para escolarización e estudos dos orfos, gastos de traslado de familiares, repatriación e enterro  dos falecidos no exterior. Solicita as mesmas garantías para accidentes “en itínere”, e que os desaparecidos teñan a consideración de falecidos nun período non superior a tres meses, e tamén a adaptación do fogar no caso de que o accidentado se vise obrigado a utilizar unha cadeira de rodas como consecuencia do accidente.

Imagen_008

iniciativas pesca.PDF Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este domingo, 5 de xuño, festival de danza clásica a cargo da escola de ballet

Unha adaptación da canción “Flores en la Carretera” servirá de particular homenaxe á Campaña Libre polos alumnos da escola


Ribeira, 31 de maio de 2011.- O Auditorio Municipal acubillará este domingo, día 5 de xuño, a partir das 20.30 horas dun Festival de Danza Clásica para poñer o broche final ao curso 2010-2011 da Escola Municipal de Ballet.

A directora da escola, Cristina Riveiro, e o concelleiro en funcións de Cultura e Festexos do Concello, Luciano Fernández, foron os encargados de falar do programa do evento, no que participarán un total de 45 alumnas e alumnos, repartidos en catro grupos e con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos.

Á hora de confeccionar o repertorio do festival pretendeuse, en palabras da propia directora, darlle un aire fresco á musica que soará no evento. Por tal motivo, ademais de composicións orixinais de Leroy Anderson (“El gato valseador”, Césare Pugni (“La vivandière, pas de six”), Orchester Kindersinfonie (“Sinfonía), Johan Strauss (“Marcha”), e Dulce Pontes e Andrea Bocelli (“O mar e tu”), o programa garda unha sorpresa final: a posta en escena do tema “Flores en la Carretera”, dos ribeirenses Jabon Blue na súa versión arranxada por Luis Cobos, con coreografía realizada expresamente da propia Crisina Riveiro.

Con esta adaptación, a Escola Municipal de Ballet quere aportar o seu particular grao de area á Campaña Libre de Alcol, Libre de Preocupacións, promovida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude. A este respecto, o edil Luciano Fernández destacou o feito de que, logo de que no pasado 13 de maio Jabon Blue e Luis Cobos mesturaron música rock e clásica para tocar esta canción na Praza de España, agora vense a sumar a danza a esta combinación.

Así mesmo, o concelleiro Fernández Martínez puxo de relevo a traxectoria da Escola Municipal de Ballet, fundada fai 13 anos, á hora de introducir o mundo da danza en Ribeira, así como a máis recente posta en marcha dunha segunda escola especializada en Danza Contemporánea. Tamén salientou o valioso aporte de Cristina Riveiro, que leva 8 anos ao fronte da Escola de Ballet.

Pola súa parte, a directora agradeceu a confianza recibida ao longo destes anos por parte do edil municipal.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado 4, concerto de folk de Loaira no auditorio

Cartel_concerto_loaira_riveira

Ribeira, 31 de maio de 2011. A Concellería de Cultura e Festexos da Corporación Municipal en funcións informa do concerto que este sábado terá lugar no Auditorio Municipal de Riveira a cargo do grupo folk Loaira

A actuación, que é  de balde, terá lugar ás 22.30 horas e as entradas poderanse retirar media hora antes do inicio da mesma. 

Clara Pino (arpa celta e voz), Rubén Abel (guitarra) e Roi Adrio (percusión) compoñen este grupo de recente formación, que é herdeiro de anteriores combos vinculadas á música tradicional galega, como Covalblú ou Sete Saias

Dende a Concellería quérese convidar a todos os afeccionados á musica folk a que non deixen de acudir a este concerto, no que está confirmada a asistencia da delegación italiana que procedente da rexión de Bari vai pasar esta semana no municipio con motivo do programa Comenius Regio sobre mediación educativa.

O mesmo día, en Ribeira:
A derradeira andaina da tempada, o 4 de xuño a Ons
Este sábado 4 de xuño, Muiñada de Amendo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: veciños peregrinaron ao San Campio (Tomiño, Pontevedra) o pasado sábado 28 de maio

Ribeira, 31 de maio de 2011. Un nutrido grupo de ribeirenses acudiron, o pasado sábado, á localidade pontevedresa de Tomiño para asistir a unha misa na honra de San Campio de Lonxe e recibir as beizóns do párroco, José Luis Portela. Logo do xantar, aproveitaron a ocasión para ir de compras na localidade portuguesa de Vilanova da Cerveira, onde ese día se celebra un concorrido mercadiño. 
  
 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Festival Antrospinos convoca certame para elaborar o cartel da cuarta edición

Media_httpfarm5static_gebjh

O cartel da III Edición era así

Rianxo, 31 de maio de 2011. A asociación cultural AntrosPinos, que organiza o festival do mesmo nome en Taragoña, vén de convocar un certame para deseñar o cartel da vindeira edición, que será a cuarta.

O cartel será de estilo libre e poderá vincularse con música, ecoloxía, cultura galega, verán, mar, natureza ou Rianxo. Estes termos só pretenden ser orientativos, afirman os organizadores. Unha vez realizada a obra, deberá enviarse ao enderezo electrónico festivalantrospinos@gmail.com en formato PDF, xunto co nome completo do autor, un número de contacto e enderezo-e. A participación é aberta a todas as persoas que o desexen. O prazo para enviar os traballos está aberto ata o luns 20 de xuño.

Requisito: O deseño debe conter o seguinte texto: "Festival Antrospinos 2011. Capítulo 4. 29 e 30 de xullo. Taragoña, Rianxo". Na orde, colocación e forma que se considere.

PREMIO: O deseño elixido pasará ser o CARTEL DO FAP 2011. Distribuirase por unha ampla zona da xeografía galega, figurando nel o nome do seu autor ou autora. Ademais faráselle un recoñecemento o sábado 30 de xullo, coincidindo co Festival, con entrega de agasallo.
 
O Festival Antrospinos é un acontecemento musical que se celebra cada última fin de semana de xullo en Taragoña, Concello de Rianxo, desde hai catro anos. Nel xúntanse diferentes estilos musicais que van desde o folk ao ska, pasando pola música de fusión ou o rock galego. Enxebrismo e modernidade van da man neste evento organizado pola asociación do mesmo nome, sen ánimo de lucro, cuxos obxectivos son tamén outras actividades a realizar durante o ano de carácter cultural, ecolóxico e de recuperación das tradicións.

Para saber máis do Festival Antrospinos consulte a páxina web www.festivalantrospinos.es ou búsquenos en Facebook http://www.facebook.com/#!/asociacionFAP
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: os veciños de Carreira fixeron unha excursión cultural a León

Cimg0332

Ribeira, 31 de maio de 2011. A Asociación de Veciños de Carreira vén de organizar, esta pasada fin de semana, unha excursión cultural á provincia de León. Durante dous días, cincoenta viaxeiros carreirenses puideron coñecer e disfrutar das covas kársticas de Valporquero, das que saíron impresionados coa grandiosidade do lugar, cheo de estalactitas e estalagmitas. Tamén visitaron as fouces Vegacervera, as catedrais góticas de León e Astorga e o peculiar Palacio Episcopal gaudiniano da antiga Asturica Augusta; así como pasear polo espectular paraxe, Patrimonio da Humanidade desde 1997, das Médulas.

Imaxe das Médulas, antigo asentamento mineiro do Imperio Romano

O bo tempo contribuíu a que a actividade organizada pola entidade presidida por Ana Gómez Hermo, gozase do unánime beneplácito dos asistentes que demandaron novas actividades que lles permitan ter a oportunidade de coñecer e disfrutar da beleza da xeografía nacional. 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o grupo de teatro da Apa Loureda renovou o tradicional conto de Carapuchiña Vermella nunha obra

Boiro, 31 de maio de 2011. Onte, o grupo de Teatro da APA Loureda do Centro STª Mª do Castro estreou unha versión moi orixinal de Carapuchiña Vermella. O grupo de teatro, integrado polos alumnos/actores  Miguel Lomba, Samuel Places, Pablo Ozores, Marta Ozores, Clara Muñiz, Antía Vidal, Marta Armental, Salomé Iglesias, Adriana Diéguez e Tania Vidal e dirixida pola actriz boirense, Marta Ríos, amosaron as súas dotes escénicas ante o público asistente. A sala estaba ateigada, e os pequenos, a pesares dos nervios, non defraudaron o seu público dado que ao remate da representación os aplausos e os bravos foron unánimes entre todos os presentes, co que houbo que repetir a obra.

     A representación é o resultado final do programa de actividades extraescolares que a APA Loureda  puxo en marcha a principios de curso co fin de conciliar a vida familiar e laboral. A APA intenta incluír esta actividade dado que, á vez que é divertida para os cativos, amósase unha parte pedagóxica que os alumnos poñen en práctica sen se dar conta. Así trabállase a dicción, as relacións sociais e a perda de medo a falar ou a ler en público, a expresión corporal, etc., cualidades, actitudes ou aptitudes que nun futuro lle poderán ser moi útiles os nosos pequenos.

     Á parte de teatro, a APA vai organizar obradoiros de informática, debuxo e pintura, que escolleron os alumnos preferentemente.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: máis dun cento de escolares de Infantil e Primaria pechan este mércores, 1 de maio, as xuntanzas da Axenda21

O obxectivo fundamental destas reunións é o intercambio de experiencias educativas arredor da sostibilidade que os alumnos desenvolveron nos proxectos de Axenda 21 nos seus centros. Nos obradoiros, trataranse diferentes temáticas: auga, enerxía, residuos, lectura da paisaxe, mobilidade sostible, técnicas de mediación de conflitos ou dinámicas de sensabilización medioambiental. Participaron de preto de 1.000 alumnos de 53 centros educativos das catro provincias galegas

Media_httpfarm4static_ukqnk

A Pobra, 31 de maio de 2011.- A Axenda 21 Escolar de Galicia (A21EG) pechará mañá o seu ciclo de xornadas nos colexios de primaria na localidade de Pobra do Caramiñal. No evento, que terá lugar no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Pilar Maestu, participarán máis de 100 alumnos dos concellos de Santiago de Compostela, Pobra do Caramiñal, Catoira e Muros. Este ano o lema das xornadas é O alumnado é o protagonista.

Os asistentes participarán nunha xincana interactiva na que a través de varias probas irán descubrindo e reflexionando sobre actitudes e comportamentos ata descifrar o lema “o reto é a acción para o cambio”. Celebraranse unha serie de obradoiros, nos que se tratarán diferentes temáticas: auga, enerxía, residuos, lectura da paisaxe, mobilidade sostible, técnicas de mediación de conflito ou dinámicas de sensibilización medioambiental.

O obxectivo fundamental destas reunións é o intercambio de experiencias educativas en torno á sostibilidade que os alumnos desenvolveron nos proxectos de Axenda 21 nos seus centros.

Posteriormente, celebrarase un xantar onde, ademais, se aproveitará para divulgar os beneficios dunha dieta saudable nos rapaces coa campaña de alimentación saudable Ponlle as pilas ao teu bocata, promovida pola Consellería do Mar.

Axenda 21
A Axenda 21 Escolar de Galicia pretende integrarse paulatinamente no programa de centros educativos, fomentando a participación activa e responsables do alumnado e o desenvolvemento curricular das competencias básicas, especialmente as relacionadas coas iniciativas e autonomía persoal e a competencia social e cidadá, abordando temáticas diversas dende a perspectiva sa Sostibilidade.

Cómpre destacar que este programa pecha este curso 2010/2011 cunha participación de preto de 1.000 alumnos de 53 centros educativos das catro provincias galegas.A Axenda 21 vincula os coñecementos do currículo escolar con situacións cercanas, desenvolvendo desta forma as competencias do alumnado para aplicar e buscar de forma autónoma as competencias para comprender o seu entorno.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

30.5.11

Ribeira: unha delegación de Bari (Italia) chega á cidade dentro do programa Comenius de mediación educativa

Alcaldes, directores de ensino, mestres e ONGs forman a comitiva

Ribeira, 30 de maio de 2011.- Unha delegación italiana de quince persoas (formada por alcaldes e outras autoridades, directores de escola, profesores e representantes de ONGs, todas elas procedentes da rexión de Bari) recalarán mañá no municipio de Ribeira para cumprir unha intensa axenda de traballo, no marco do programa europeo bilateral Comenius Regio “A resolución pacífica de conflitos a través da mediación educativa”, que chega ao seu tramo final despois de dous anos de funcionamento. 

Para falar da visita compareceron hoxe na Casa do Concello a primeira tenente de alcalde en funcións, Dolores Elorduy; a concelleira de Educación, Juana Ermitas Crugeiras; o coordinador pedagóxico do programa, Olegario Sampedro; e a presidenta da Asociación Renacer, María González.

Cabe recordar que esta iniciativa foi promovida inicialmente polo Concello co obxectivo de fixar unha serie de mecanismos dirixidos á resolución pacífica de conflitos no ámbito educativo. Para a súa posta en marcha recibírase asesoramento da Universidade de Cádiz e acadouse a implicación de todos os centros de ensino de Secundaria do municipio (IES Número 1, Coroso e Leliadoura, os colexios Galaxia, Milagrosa, Bayón e Sagrado Corazón), ademais da Asociación Antidroga Renacer e do propio Concello. 

Máis tarde logrouse que esta exitosa experiencia fose incluída nun programa Comenius Regio, en colaboración coa rexión de Bari (na que están implicados os concellos de Vieste, Vico do Gargano, Bari e Peschici).

A de mañá será a segunda expedición italiana que visita Ribeira no marco do programa, despois da acontecida en marzo de 2010. O mércores será recibida en acto oficial polo alcalde, no Salón de Plenos da Casa Consistorial. Ademais, terán ocasión de coñecer a realidade económica e industrial do municipio, con visitas programadas a distintos enclaves como a lonxa, a empresa conserveira Frinsa ou ao parque periurbano de San Roque, no que terán oportunidade de coñecer o funcionamento do obradoiro de emprego Airoas. Tamén terán ocasión de visitar o colexio Bayón, o IES Leliadoura e o IES Número 1, ademais da UAD.

Programa de conferencias

Un dos apartados máis salientables da visita será o programa de conferencias que, nas tardes do mércores e o xoves, a partir das 17 horas, van impartir distintos membros da comitiva na Aula Multimedia (no paseo do Malecón).

Así, o mércores pola tarde desenvolveranse as seguintes charlas: “A loita contra a mafia: as asociacións antiraket”, a cargo de Vittoria Vescera, da Asociación Antiraket de Vieste; “Como funciona o centro de mediación escolar de Liceo Clásico Virgilio de Vico do Gargano”, a cargo do doutor Villani do Liceo de Vieste; “Grupo de continuidade e contraste de conflitos para unha acción resolutiva nas dificultades na escola”, a cargo das relatoras Carmela Partenostro e Nunzia Di Terlizzi do Concello de Bari; e “Saber escoitar as razóns dos outros para facer da mediación un estilo de vida”, por Giuseppe D’Avoglio, director do Liceo Clásico Virgilio de Vico do Gargano.

O xoves terán lugar os relatorios “A Asociación Astrea: o anti-stolking. Acoso”, pola profesora Mariangela Solitro, do Liceo de Vieste; “Regulamento do centro e xestión dos conflitos na clase”, pola profesora María Clementina Siena, do Liceo Clásico Virgilio de Vico do Gargano; “Programa escolar de seguridade na estrada”, polo profesor Pino Corso do Liceo de Vieste e “Alternancia Escola-Traballo”, da profesora Maria di Vieste, do Liceo de Vieste. O responsable da UAD do Concello, Jesús Cartelle, será o encargado de dar remate ao programa cunha conferencia de clausura.

Media_httpfarm5static_qefzi

A expedición italiana aínda terá tempo de realizar outras visitas de carácter turístico, como as programadas por Ribeira, A Curota, Corrubedo e O Vilar (venres 3 de xuño pola mañá), Castro de Baroña (vernes pola tarde), a illa de Sálvora (sábado pola tarde) e Santiago de Compostela (domingo).

O luns 6 de xuño regresarán ao país transalpino.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: "Vai de Roda" obtivo dous premios no certame de baile de Xacarandaina na Coruña

Media_httpfarm6static_yofgz

As pequenas de "Vai de Roda" tamén obtiveron premios, non hai moito, na Estrada

Rianxo, 30 de maio de 2011. O grupo de baile "Vai de Roda" non para de colleitar premios. Onte, reunido o Xurado do XXXII Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina da Coruña, composto por Chelo Cheda Pérez, Miguel Sotelo Vidal e María José Martínez Pérez acordaron:

CATEGORÍA A: Ata os 8 anos inclusive

1º Premio: O Muíño da Retorta do CC A Ponte Vella de Teo

2º Premio: Sete Ferreñas da A de MBT "Vai de Roda"  de Rianxo

3º Premio: Rebuldeiros da AC Xacarandaina

 

CATEGORÍA B: De 9 a 12 anos inclusive

1º Premio: Nove Ferreñas  da A de MBT "Vai de Roda" de Rianxo

2º Premio: E da Escola de Folclore de Betanzos

3º Premio:Tras do EO da CC  A Ponte Vella

 

CATEGORÍA C: De 13 a 16 anos inclusive

1º Premio: Garagao da AC Xacarandaina de A Coruña

2º Premio: Grupo "B" da AC "Os Xeitosos" de Trazo

3º Premio: Pedravíxía da AC Adro de Baio

 

CATEGORÍA D: Maiores de 17 anos

 1º Premio: "Repinicoque" da AX Xiradela de Arteixo

2º Premio: Escola Municipal Tequexetéldere de A Estrada

3º Premio: Centro Cultural A Ponte Vella de Teo

Vía http://www.xacarandaina.com

Blog de Vai de Roda: http://www.blogoteca.com/vaideroda

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Concello homenaxea a catro centenarias publicando a súa biografía

Imaxe que ilustra a vida de Josefa Caamaño. As historias das catro centenarias son dignas de novela nalgúns casos, e mesmo de telenovela noutros

Dodro, 30 de maio de 2011. A concellaría de Igualdade e Benestar, en colaboración coa Deputación da Coruña, rende unha homenaxe ás persoas que chegaron a cen anos neste 2011. As catro son mulleres, unha delas recentemente finada, e foron testemuñas da evolución da sociedade e do cambio que supuxo este último século, sobre todo na vida das mulleres. Todas elas -menos a finada- viven aínda na mesma parroquia que as viu nacer hai máis de 100 anos. Co fin de visibilizar este cambio e de renderlles homenaxe, o Concello de Dodro publicou as súas historias de vida, pequenas biografías, nun libriño que acaba de saír do prelo e que tamén se pode consultar na Rede (adxunto).

Rosa (Laíño, 1909), Carmen (Bexo, 1910), Soledad ( Imo, 1910) e Josefa (Lestrobe, 1910) representan a historia recente do último século en Dodro, no que pasaron de non poder ir á escola a ter netas universitarias que traballan no estranxeiro, de non ter luz nin agua nas súas casas a ter televisión con cincuenta canais, de pasar fame a teren a neveira chea, de coidar a toda a familia a ser coidadas...Viviron a república, as guerras, a postguerra, a democracia, e tiveron oportunidade de gozar de moitos momentos da vida. Representan a toda unha xeración que viviu con moitas dificultades, e máis sendo mulleres, pero co seu traballo e esforzo transmitíronnos o que hoxe temos. "Son as únicas persoas de Dodro que chegaron ao 2011 con máis de 100 anos e por estes motivos queremos personalizar nelas o noso respecto e recoñecemento. Estas biografías son a nosa pequena homenaxe", explican dende o equipo de goberno en funcións de Dodro.

bioCENTENARIAS.pdf Download this file

Imaxe_centenaria_dodro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: aberto ata o 8 de xuño o prazo de inscrición no obradoiro de emprendedores

Rianxo, 30 de maio de 2011. A partir do vindeiro mes de xuño o Concello de Rianxo realizará un obradoiro de emprendemento e creación de empresas subvencionado pola Deputación da Coruña. A finalidade do mesmo é a promoción do autoemprego e do emprendemento así como a búsqueda de novos xacementos de emprego.

O lugar de celebración será o Centro Sociocultural-Auditorio en horario de mañá de 10:00 a 14:00 horas.

Para máis información e inscrición acudir a Servizos Sociais (crta. de Tanxil, 12) ou ben chamando ao 981860061/667185588. Correo-e: servizos.sociais@concelloderianxo.es

Data límite de inscrición ata o 8 de xuño.

ficha.pdf Download this file

Rianxo_obradoiro_emprendedores

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: aberto o prazo para inscribirse na excursión ás Médulas e León para maiores, ata o 3 de xuño

Media_httpfarm6static_fjdpl

As Médulas foron minas de ouro e outros minerais do Imperio Romano

Ribeira, 30 de maio de 2011. O Departamento de Servizos Sociais informa de que xa está aberto o período de inscrición para participar na viaxe con destino ás Médulas e León, organizada no marco do programa de Saídas Culturais dirixidas ao colectivo da terceira idade do municipio. 

Esta viaxe terá lugar os días 8 e 9 de xuño e incluirá a visita a diferentes lugares tan identificativos da cidade de León, como a Catedral, o casco antigo ou a Basílica de San Isidoro. A  localidade de Astorga será tamén obxecto de percorrido, con visita guiada ao Palacio Episcopal, a Catedral e o seu museo. 

Os maiores interesados teñen ata o día 3 de xuño, este venres vindeiro, para anotarse. O prezo por participar é de 129 euros. Inclúe desprazamento en autocar, comidas, guía e seguro de viaxe.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o editor independente de Ribeira Antonio Piñeiro gañou o certame "Avilés de Taramancos" de relato de aventuras

Media_httpfarm4static_pffiw

Antonio Piñeiro, no procesado de libros da súa editorial, de onde sae a Colección Bourel. Xa leva gañados numerosos certames literarios, como o Valle-Inclán de relato e recentemente o Ángel Urrutia, en Lekunberri (Navarra) de poesía.

Noia, 30 de maio de 2011. O fallo da décima edición do certame literario de relato de aventuras "Antón Avilés de Taramancos" deu a coñecer ao gañador, o ribeirense Antonio Piñeiro, que presentou a obra "A dama fulxente". Ao concurso presentáronse 14 obras. No xurado estiveron Vanesa Oliveira, Mercedes Queixas e María Pérez. O premio está dotado con tres mil euros, escultura do noiés Alfonso Costa e publicación nunha editorial local.

Antes, en Certo:

Entrevista: Antonio Piñeiro edita libros que son en si mesmos obras de arte, na Colección Bourel. Máis

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Muiñada de Amendo celébrase este sábado 4 de xuño, e conta cunha andaina fotográfica

Ribeira: clausurada a XIV edición de Mostra de Teatro Infantil

Luciano Fernández, de Cultura, agasallado ao despedirse da vida política municipal

Ribeira, 30 de maio de 2011. A actuación do Grupo Municipal Infantil de Teatro de Riveira que dirixe Segundo Chiki Durán puxo o punto final o pasado venres á 14ª edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira, que durou toda a semana pasada.

O elenco artístico puxo en escena a obra “Casting improvisado”, na que os pequenos tiveron oportunidade de dar renda solta a súa creatividade e imaxinación, ao interpretar e coreografiar cancións tan coñecidas como “Imagine”, de John Lennon; “I want to break free”, de Queen; “Vacaciones en Roma”, de La Oreja de Van Gogh ou “Bad Romance” de Lady Gaga.

Tras unha hora de función ante un Auditorio repleto de espectadores, tivo lugar o acto de clausura oficial, no que recibiron esculturas conmemorativas os dez grupos de teatro que participaron na presente edición.

Ademais, tamén foi agasallado cunha figura o concelleiro de Cultura e Festexos de Ribeira, Luciano Fernández Martínez, que se despide da vida política municipal; ao igual que o alcalde José Luis Torres Colomer, quen non puido acudir por ter que cumprir outros compromisos profesionais e recolleu o agasallo no seu nome a primeira tenente de alcalde, Dolores Elorduy Callón.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello promove un servizo gratuíto de recollida de aceite usado

Recollida aceite.doc Download this file

Pide colaboración cidadá, en especial das comunidades de veciños

Media_httpfarm3static_jclht

Ribeira, 30 de maio de 2011. O Concello está a desenvolver no municipio unha experiencia piloto, consistente na instalación de contedores de aceite vexetal usado naqueles edificios nos que os seus veciños estean interesados, sen que isto lles carrexe aos mesmos custo económico ningún. 

Con este fin, o Concello quere facer un chamamento a todas as comunidades de propietarios que estean interesadas en contar con estes envases nas súas zonas comúns. Tan só se teñen que poñerse en contacto co Departamento Municipal de Medio Ambiente, que se encargará de efectuar as xestións oportunas para a instalación nos inmobles dos citados contedores.  

Estes recipientes terán unhas dimensións de 28 cm. de ancho por 60 cm. de alto e unha capacidade de 50-55 kg. A empresa Protección Medioambiental, S.L., será a que se encargue da recollida e posterior reciclaxe do aceite usado, en virtude do convenio de colaboración asinado a tal efecto co Concello.  

A frecuencia do servizo virá determinada polo enchido dos contedores, garantindo a súa recollida sempre que sexan requiridos polas comunidades de veciños adheridos. 

Cabe salientar que a recollida de aceite vexetal usado contribúe a reducir o impacto ambiental que provoca o seu vertido na rede de sumidoiros, permitindo alargar a vida útil dos colectores e tubaxes que forman parte da mesma.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este martes 31 de maio, Día Mundial Sen Tabaco, con carpa informativa na Alameda

Media_httpfarm6static_xeicq

Noia, 30 de maio de 2010. Este martes, 31 de maio, celébrase na vila o Día Mundial sen Tabaco. Haberá, de dez da mañá a dúas da tarde, unha carpa na Alameda onde se dará consello para deixar de fumar e se realizarán coximetrías (medicións de CO) e valoración da idade pulmonar a cargo de persoal sanitario. Tamén se aproveitará para presentar e divulgar a web con consellos para deixar de fumar: www.dejardefumarconayuda.es. No veciño concello de Outes haberá ademais unha mesa informativa, ubicada no Centro de Saúde.

Media_httpfarm6static_nffdn

Con motivo da celebración do Día Mundial Sin Tabaco, este ano a OMS fai fincapé no "Convenio Marco da OMS para o control do tabaco". O Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (CMCT da OMS) é o principal instrumento de control do tabaco a nivel mundial. Nel menciónanse as obrigas que deben contraer os países da Unión Europea, a saber:

1.- Protexer as políticas de saúde pública de intereses comerciais e outros intereses creados da industria tabaqueira.
2.-  Adoptar medidas relacionadas cos prezos e impostos para reducir a
demanda de tabaco.
3.- Protexer ás persoas contra a exposición ao fume de tabaco.
4.- Regulamentar o contido dos produtos de tabaco.
5.- Regulamentar a divulgación de información sobre os produtos de tabaco.
6.- Regular o empaquetado e etiquetaxe de produtos de tabaco.
7.- Advertir á poboación dos perigos do tabaco.
8.- Prohibir a publicidade, a promoción e o patrocinio do tabaco.
9.- Ofrecer axuda para abandonar a adicción ao tabaco.
10.- Loitar contra o comercio ilícito de produtos de tabaco.
11.- Prohibir a venda a menores e por menores.
12.- Apoiar actividades alternativas economicamente viables ao cultivo de tabaco.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.5.11

Medio Ambiente: Adega denuncia que os parques eólicos de Barbanza e Noia van acabar con zonas de especial interese arqueolóxico e ambiental

Casota_pramo

Barbanza-Noia, 26 de maio de 2011. Polo seu interese, e porque afecta ás bisbarras sobre as que informamos, reproducimos de xeito íntegro a denuncia de Adega sobre os parques eólicos que afectarán, de facerse tal e como están previstos, a xacementos arqueolóxicos e hábitats prioritarios.

"O recente concurso eólico continúa alumeando monstros. Unha batería de parques eólicos pretenden coller sitio por todo o país (nos outeiros que aínda quedan libres). Tanto ten que sexa sobre espazos propostos para ampliar a cativa Rede Natura galega (Chans do Barbanza), sobre hábitats prioritarios (no Barbanza e Outes); humidais inventariados (en Barbanza e Mondoñedo); zonas importantes para as aves (n'A Limia); paisaxes costeiras de interese catalogadas no POL (esteiro do Anllóns en Ponteceso, e Valdoviño) e mesmo sobre áreas de especial riqueza arqueolóxica (Outes e o Boiro). Todo sexa por seguir producindo megavatios a costa de converter o territorio nun inmenso parque eólico para seguir engordando os escandalosos beneficios das eléctricas.

CONSIDERACIÓNS DE ADEGA AOS PROXECTOS

“PARQUE EÓLICO 'AIRAS' (ALFOZ-MONDOÑEDO); PARQUE EÓLICO 'O BARBANZA' (BOIRO); PARQUE EÓLICO 'OS PENIDOS' (VALDOVIÑO); PARQUE EÓLICO 'OUTES' (NEGREIRA E OUTES); PARQUE EÓLICO 'SALGUEIRAS' (PONTECESO); PARQUE EÓLICO 'XINZO NORTE' (SARREAUS)

ENCOL DAS AFECCIÓNS AOS ESPAZOS DE INTERESE NATURAL:

PE-O-BarbanzaAs instalacións do parque eólico “O Barbanza” sitúanse sobre unha área proposta pola Xunta de Galiza en 2008 para formar parte da Rede Natura 2000 e designada como “LIC Serra do Barbanza”, código ES1110019, cunha extensión de 4.711,15 hectáreas. Este novo LIC resposta á necesidade de aumentar a representatividade dos hábitats húmidos de turbeira e mato da rexión bioxeográfia atlántica, tal como recomenda a CE na Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 (Diario Oficial da Unión Europea. 29.12.2004: L 387/1).

Pola súa banda, o parque eólico “Xinzo Norte” sitúase a escasos metros da IBA (Important Bird Area) da Limia próxima á ZEPA da Limia, nunha área na que se detecta a presenza de especies de aves incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA). Os posíbeis impactos destas instalacións na avifauna protexida, que nós consideramos críticos, non están convintemente avaliados nos EIAs (estudos de impacto/efectos ambientais) dos proxectos.

Os-Penidos-ValdovioOs parques eólicos “Os Penidos” en Valdoviño e “Salgueiras” en Ponteceso, sitúanse moi próximos ás ZEPAs “Ferrolterra-Valdoviño” e “Costa da Morte-Norte” respectivamente, e aos LICs “Costa Ártabra” e “Costa da Morte”. Nos EIAs destes parques non se avalían convintemente as posíbeis interferenzas e impactos sobre os valores estes espazos, particularmente sobre a avifauna, por canto as instalacións sitúanse a carón da fronte costeira en plena rota de invernada e campeo. A situación dos aeroxeradores constitúe unha verdadeira barreira artificial aos movementos da avifauna e dos quirópteros ao longo da costa e entre os diversos humidais litorais, cabendo esperar importantes afeccións por colisión, ruidos e outras interferenzas sobre as aves e morcegos que dende ADEGA consideramos críticas.

ENCOL DAS AFECCIÓN AOS HÁBITATS

Os parques eólicos “O Barbanza” e “Outes” sitúanse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios: breixais húmidos atlánticos, códs. 4020* e/ou 4040*; e *7110 Turbeiras altas activas e *7140 Turbeiras de transición e flotantes, para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Portanto, e como sinala o  artigo 6.4 da devandita Directiva 92/43/CE, para calquera actuación sobre estes hábitats deberiase elevar consulta á Comisión Europea e xustificar que os proxectos respostan a “…consideracións relacionadas coa salúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta a la Comisión, outras razones imperiosas de interés público de primera orde”.

Os parques eólicos “O Barbanza” e “Airas” e as súas instalacións complementares (pistas, gabias, etc.) sitúanse ademáis sobre humidais incluidos no Inventario dos Humidais de Galiza, concretamente sobre as “Brañas da Serra do Barbanza” (código 1110118) no primeiro caso e “Penedo Grande”, código 1120340, no segundo caso. Trátase en ambos os dous casos de zonas de turbeiras e brañas asociadas a penicháns graníticas.

ENCOL DAS AFECCIÓNS ÁS ESPECIES:

PE-Xinzo-NorteO parque eólico “Xinzo Norte” sitúanse na veciñanza da ZEPA da Limia e da IBA do mesmo nome. Como se reflicte na cartografía das aves protexidas incluidas nos EIAs  tanto este parque “Xinzo Norte” como o parque eólico “O Barbanza” ocupan  teselas con  presenza de aves en perigo de extinción e vulnerábeis. Para primeiro caso (Xinzo Norte), as instalacións afectan até a 3 especies de aves consideradas vulnerábeis ou en perigo de extinción segundo o CGEA, entre as que se atopa o sisón (Tetrax tetrax); e para o segundo (O Barbanza), hai 1 especie afectada, concretamente a tartaraña cincenta (Circus pigargus).

ENCOL DAS AFECCIÓNS Á PAISAXE:

PE-Salgueiras-PontecesoOs parques eólicos de “Os Penidos” en Valdoviño e “Salgueiras” en Ponteceso ocupan espazos de interese paisaxística considerados como “de interese” no POL (Plano de Ordeamento do Litoral). Segundo este documento, os espazos con esta consideración teñen a vocación de formar parte dos instrumentos de protección da paisaxe, quer o catálogo de paisaxes de Galiza establecido na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

A maiores, o parque eólico “Salgueiras” en Ponteceso (figura 5) sitúase a menos de 1 km do esteiro do Anlóns e da duna remontante do Monte Branco, un elemento de singular interese pausaxística e xeomorfolóxica que quedaría irreversiblemente afectado pola instalación de aeroxeradores de 120 m de altura nuns outeiros litorais que apenas superan os 200 m.

A calidade paisaxística da área de actuación, unha das máis representativas da paisaxe costeira galega e identificativa da Costa da Morte, veríase  irremediabelmente estragada, co conseguinte perxuízo económico ao incipiente sector turístico. Cómpre lembrar que a Lei 7/2008 da Protección da Paisaxe de Galiza traslada ao ordeamento galego as diretrices emanadas da Convención Europea da Paisaxe e establece a obriga de redactar un catálogo de paisaxes protexidas. Entendemos que mentres non se desenvolva este instrumento legal, cuxo xermolo figura no POL, sería recomendábel aplicar o principio de precaución e non autorizar actividades que, poideran condicionar negativamente e deteriorar os valores paisaxísticos destas contornas.

ENCOL DAS AFECCIÓNS AO PATRIMONIO:

PE-OUTESO parque eólico “Outes” nos concellos de Negreira e Outes amosa unha forte afección a un importante conxunto de xacementos arqueolóxicos por parte das pistas, gabias e obras complementares da instalación. Polo que atinxe ao parque eólico “O Barbanza” (figura 1), sitúase nunha área (as chans do Barbanza) cunha das maiores densidades de xacementpos arqueolóxicos do país, que abranguen dende o paleolítico (con moi poucas estación en Galiza), até a idade do ferro pasando por unha das máis importantes representacións do megalitismo peninsular (a Arca do Barbanza, a poucos centos de metros do novo parque,é o meirande monumento galego desta idade). Todas as penicháns da serra do Barbanza, pola súa riqueza e potencialidade arqueolóxica, deberían ter sido declaradas “zona arqueolóxica”, consonte ao artigo 8.4.e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galiza.

Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS que se teñan en conta as presentes consideracións e que por parte das administracións competentes rexéitese autorizar os proxectos de parques eólicos  “Airas”, “O Barbanza”, “Os Penidos”, “Outes”, “Salgueiras” e “Xinzo Norte”.


Web de Adega: http://adega.info

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: denuncian que a Consellería de Rosa Quintana é incapaz de executar o seu orzamento

O Psoe di que a Conselleira de Mar non consegue dar de baixa máis de 53 millóns de euros de 2010, mentres deixa sen seguro a máis de 30.000 traballadores do mar

Media_httpfarm6static_jjdgi

Imaxe de arquivo

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira sinala quedaron sen investir 176 millóns de euros correspondentes ao exercicio de 2010. Cualifica a xestión da Conselleira como de “incapacidade manifesta de administrar con eficacia” os recursos do departamento 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira interviu hoxe na Comisión 8º do Parlamento para reclamar explicacións sobre o orzamento da Conselleira do Mar, xa que denuncia que ten executado en torno o 40 por cento correspondente a 2010. Cualifica a xestión da Conselleira como de “incapacidade manifesta de administrar con eficacia” os recursos do departamento. 

Soneira sinala que, de acordo cos datos de execución orzamentaria, a Consellería do Mar deixou sen investir un total de 176 millóns de euros correspondentes ao exercicio de 2010. Esta situación, dixo, resulta “especialmente grave” como “mostra de incompetencia nunha situación de crise económica como a que vivimos e onde o financiamento público pode actuar de motor dinamizador”.  

Explicou que Mar só  executou o 46,2 por cento do orzamento correspondente a 2010, só superada pola Consellería de Economía e Industria, que só executou o 42,2 por cento do seu orzamento. Estes datos son aínda peores, explica, si restamos o Fondeo Europeo de Pesca e as transferencias finalistas do Estado, que o departamento de Mar tramita pero non xestiona. 

De acordo con estes datos, os niveis de execución deste departamento en 2010 resultan incluso inferiores aos de 2009, situándose por debaixo do 40 por cento do orzamento propio do departamento.  

Soneira lembrou que PP durante a pasada lexislatura chegaron a pedir a dimisión da conselleira de Pesca cando tiña uns niveis de execución substancialmente máis elevados que a actual responsable do departamento. 

Partidas que a Consellería do Mar deu de baixa durante 2010: 

Medida 3.5 de Operación piloto (1.100.000), unha vez atendidas as convocatorias para o presente exercicio prevense remanentes que non se utilizarán 

Medida 2.1 Acuicultura (31.395.000,00) Existen remanentes de crédito de exercicios anteriores que se veñen incorporando, a execución orzamentaria é baixa debido a non estar posto en marcha o Plan de Acuicultura ao que se engade o que as grandes empresas non podan acceder ás axudas, o que provoca a existencia de remanentes que se propón dar de baixa. 

Medida 3.1 Accións colectivas (5.500.548,58) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non se prevén executar polo que se solicita a súa baixa... 

Medida 3.2 Protección da flora e fauna acuática (542.163,95) os remanentes de crédito que existen nesta aplicación non se prevén executar polo que se solicita a súa baixa. 

Medida 3.3 equipamento portos pesqueiros (3.355.000,00), para executar estes créditos resulta preciso contar con proxectos encadrados nun plano de actuacións en portos que se está a elaborar, polo que é imposible executar a totalidade, propoñendo a baixa indicada. 

Medida 4.1 Desenvolvemento sustentable de zonas pesqueiras (8.172.071,01), unha vez cifrados os compromisos derivados da orde de convocatoria para este exercicio se prevé a existencia de remanentes que non se utilizarán e que se propón dar de baixa.

Media_httpfarm3static_lzbbi

"A actitude da Xunta ante o seguro obrigatorio é un insulto aos galegos" 

Na citada Comisión a portavoz socialista tamén reclamou explicacións pola publicación dunha Orde de axudas para subvencionar a subscrición do seguro obrigatorio das embarcacións con porto base en Galicia. Alí acusou a Conselleira do Mar de primar os intereses dunha única aseguradora sobre os do sector pesqueiro e marisqueiro, ademais de deixar sen seguro a mais de 30.000 persoas. E replicou que agora din que “aínda están con tramites burocráticos”, xa que non sacaron ningunha normativa para contratar estes seguros. Por iso cualificou a Xunta de“irresponsable”. 

E preguntou que pasa cos centos de mariñeiros que están enrolados en barcos con bandeira de conveniencia que antes si estaban protexidos co Seguro Colectivo de Accidentes anulado por este goberno, e que hoxe quedan tirados sen ningunha cobertura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical