Ancestral servizos musicais “Músicas do cine infantil”
Ancestral Servizos Musicais ofrecerá un concerto MÚSICAS DO CINE INFANTIL
Proxección de fragmentos de películas de cine infantil (Mary Poppins, harry potter, brancaneves, peliculas de Disney, etc…) ao tempo que son interpretadas as melodías mais importantes da súa banda sonora .
Esta actividade está destinada aos nenos de primaria e os de infantil , pero é preferible que os nenos de infantil sexan de 5 anos en adiante para que recoñezan as películas proxectadas e disfruten máis da súa música .
É unha actividade especialmente recomendada para ver en familia e que tanto gusta aos cativos coma aos seus pais, dado que moitas das peliculas incluidas son clásicos dos que eles mesmos disfrutaron na súa infancia.
Organiza : Concellería de Cultura do Concello de Boiro e Deputación da Coruña
Cando?
Venres, 2 de marzo ás 20:00 Onde?
Casa da Cultura Ramón Martínez López
Norte-Sur
Exposición Pinturas de Teresa Argibay
Do 1 ao 30 de marzo
Casa da Cultura Ramón Martínez López
Exposición fotográfica “Beleza esquecida”
Do 25 de febreiro ao 1 de abril
Centro social de Boiro
Exposición bibliográfica “Os pioneiros da nosa historia”
Do 25 de febreiro ao 1 de abril
Centro social de Boiro
Saídas arqueolóxicas
3 de marzo
Castelo de Pambre e Igrexa de Vilar de Donas en Palas de Rei
La próxima jornada el “Distribunosa Xadrez Rianxo B” lucha por el ascenso a 2ª División
Foto de Néstor Galina en Flickr Rianxo a 29 de febrero de 2012. El Distribunosa Xadrez Rianxo obtuvo un punto en el desplazamiento a Vilargarcía.“CXF-Casa da Xuventude” (3 ptos) VS “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo” (1 ptos) Julio Suarez 1-0Sergio Arevalillo Romero Jorge Maria 0-1 Daniel Martinez Juan Bayón1-0Rogelio Ferrol Ramón torrado 1-0 Enrique Soutullo En la próxima jornada el “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo” se enfrenta en casa al “Breogán A”. -------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------- (Tercera División Gallega grupo C) Victoria del Escola Xadrez Rianxo en Boiro, y empates del Distribunosa Xadrez Rianxo “C y B”. El Distribunosa Xadrez Rianxo B se encuentra en primera posición de la clasificación de tercera(Grupo c), y a falta de una jornada para finalizar la liga (3ª div) tienen como objetivo el ascenso que asegurarian si obtienen la victoria en 2 tableros en la última jornada. “Hostal Miramar” (1 ptos) VS “Escola Xadrez Rianxo ” (3 ptos) Nicolás Casas 0.5-0.5 Marco Bravo Cristopher Rodriguez 0-1 Javier Morares Samuel Saavedra 0-1 Manuel Castaño Toño Romero 0.5-0.5 Raúl Rañó “USC Compostela“ (2 ptos) VS “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo C” (2 ptos) Ramón Mariño 1-0 Vicente Cores José Marzoa 1-0 José Cores Victor Garcia 0-1 Luis Cernadas Julian Molinos 0-1 Sara Sampaño “Cabo Touriñán B“ (2 ptos) VS “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo B” (2ptos) Eleuterio Vilela 0-1 Alberto Hevia Santiago Perez 1-0 Néstor Martínez Jesús Freire 0-1 J. Méndez Rial Joaquín Rial 1-0 J. Méndez Somoza Última jornada en 3ª división, el Distribunosa Xadrez Rianxo B recibe al Gallaecia Stellae, el Distribunosa “C” recibe al “Cabo Touriñán B” y el Escola Xadrez Rianxo recibe al USC Compostela. Lugar y fecha: Encuentros Celebrados 6 jornada Liga Gallega de Ajedrez 2012, 25/02/2012.Resumen de esta sexta jornada: “CXF-Casa da Xuventude” (3 ptos) VS “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo” (1 ptos) “Hostal Miramar” (1 ptos) VS “Escola Xadrez Rianxo ” (3 ptos) “USC Compostela“ (2 ptos) VS “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo C” (2 ptos) “Cabo Touriñán B“ (2 ptos) VS “DISTRIBUNOSA Xadrez Rianxo B” (2ptos)
Haberá 23 prazas onde os automobilistas poderán aparcar de balde pero só un máximo de hora e media
Se funciona esta medida, que comeza a vindeira semana e que custará 80.000 euros, o Concello vaina estender neste céntrico paseo da cidade
Hai outras zonas azuis na cidade, controladas por gps dende a policía local, onde as dúas primeiras horas son gratis e, se o usuario se pasa, é multado
Ribeira, 29 de febreiro de 2012.- Un tramo da avenida do Malecón de Ribeira contará a partir da próxima semana con 23 prazas de aparcamento de zona azul. Ademais, outra das medidas dirixidas á regulación e ordenación do tráfico no paseo citado é a inmediata saída a concurso da contratación de semáforos que con carácter definitivo suplantarán aos provisionais existentes, aumentando o número de puntos semafóricos que serán instalados.
Polo que respecta á zona azul, operarios estiveron a sinalizar no transcurso desta mañá o tramo obxecto de actuación, que comprende dende a altura en que está situado o portal número 32 (é dicir, fronte a onde está localizada a tenda Vodafone)ata o cruce do Malecón con Rosalía de Castro, unicamente na liña pegada ás edificacións que integran a fachada marítima.
O próximo venres está previsto proceder ao pintado das liñas e que o luns entre en funcionamento. Non obstante, durante toda a semana que vén non se sancionará aos infractores a fin de deixar marxe de tempo suficiente para que os condutores coñezan e se conciencien sobre esta novidade.
De comprobarse a eficacia da iniciativa, non se descarta ampliar a zona azul ao tramo do Malecón que vai parte de Rosalía de Castro en dirección ao palco de pedra, actuando tamén unicamente na liña de casas da fachada marítima.
Ademais das 23 prazas indicadas, se habilitarán no mesmo tramo dúas prazas de minusválidos, outras dúas prazas reservadas ao Centro de Día de Alzhéimer, unha zona de carga e descarga e outra de contedores.
A mecánica de funcionamento será semellante a das outras partes da cidade con zona azul (praza de Portugal situada detrás do Auditorio e rúa Mariño de Rivera). É dicir, os condutores non terán que pagar por aparcar os seus vehículos, pero disporán dun tempo máximo de estacionamento dunha hora e media ininterrompida. A zona azul funciona en días laborais, de luns a venres de 9 a 14 e de 16 a 20 horas e os sábados de 9 a 14.
Semáforos definitivos
Tamén en relación á regulación da circulación na avenida do Malecón, cómpre destacar que os servizos de Contratación do Concello están a ultimar a saída a concurso público da contratación de semáforos que, con carácter definitivo, serán instalados na avenida do Malecón.
Esta actuación conta cun orzamento de 80.800 euros. Ademais de substituír os xa existentes, está prevista a instalación a maiores de puntos de semáforos definitivos no paso de peóns situado á altura do xa referido portal número 32 (en ambos sentidos da circulación) e diante da oficina de turismo do Malecón na vía pegada á liña de edificacións (a máis próxima á zona portuaria xa dispón destes elementos de sinalización).
Hai que recordar que os semáforos definitivos levarán incorporados dispositivos acústicos para invidentes.
Colaboración: "Leopoldo Nóvoa. Un patrimonio descoñecido en Ribeira", por Gonzalo Sarasquete post.ly/5fSO3
A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, critica que non se gastou un so céntimo na acuicultura dos fondos de compensación interterritorial
Dixo que a estratexia de Feijóo en Galicia “é o ti vai facendo”, e acusouno der asumir o papel de “especulador necesario da costa galega”
Preguntou por que non se moveu un só dedo para impulsar as 24 localizacións que quedaron programadas, as 12 empresas, o compromiso de investimento de 350 millóns de euros e a creación dos 2.000 postos de traballo directo que se conseguirían co anterior Plan de Acuicultura
Asegura que o alcalde de A Coruña, o popular Carlos Negreira, xa anunciou que descarta piscifactorías en Seiruga, Merexo e Camelle
O Psoe di que non é aceptable expropiar terreos para empresas privadas ou empresas acuícolas “porque cando ese proxecto non sexa rendible ao mellor aparecen adosados”
Curiosamente, a socialista non se pronunciou sobre o fallo do TSXG que declarou ilegal a piscifactoría de Laxe Brava, en Ribeira, proxectada polo bipartito
As gaiolas de salmón de Muros, amparadas pola Xunta, están a ter unha forte resposta social nestas bisbarras
Santiago de Compostela, 29 de febreirode 2012. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneirasinalou hoxe que a acuicultura é instrumento de futuro para a economía de Galicia. E denuncia que durante os 3 anos de Goberno de Feijoo “non se investiu nin un so euro en acuicultura na nosa Comunidade.” Asevera ademais que non se gastou un so céntimo na acuicultura dos fondos de compensación interterritorial.
Soneira fixo esta afirmación trala comparecencia parlamentaria da Consellería do Mar na que deu conta da estratexia da acuicultura en Galicia. A parlamentaria advertiu que nos centros de investigación de Galicia “estase traballando moito neste campo”. Por iso preguntou cantos proxectos apoiou a Xunta.
A deputada dixo que a estratexia de Feijóo en Galicia “é o ti vai facendo”, e acusouno de asumir o papel de “especulador necesario da costa galega”. Lembrou que o Goberno do PP tivo que legalizar unha empresa de acuicultura que estaba instalada dende fai décadas. Engadiu que "ao único que serve son aos intereses políticos do PP".
Dende o PSdeG-PSOE non están dacordo en que se adquiran terreos da costa en beneficios de promotores privados, e advertiu da modificación que impulsa o Ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete coa Lei de Costas. Denunciou que co Plan do PP “pódese instalar unha empresa acuícola nas Illas Cíes”.
Soneira cuestionouse "por que non se moveu un só dedo para impulsar as 24 localizacións que quedaron programadas, 12 empresas, o compromiso de investimento de 350millóns de eurosea creación dos 2.000 postos de traballo directo que se conseguirían co anterior Plan de Acuicultura". E insistiu nas súas críticas: “porque nestes 3 anos non se moveu un so dedo para sacar adiante este proxecto?”. Nin unha referencia á noticia que demos onte, vía Adega, sobre Laxe Brava, responsabilidade dos socialistas na etapa en que gobernaron a Xunta coaligados co Bng.
Touriñán
Aludiu tamén aos niveis de protección que contempla o novo plan do Goberno de Feijóo, sobre a protección de Cabo Touriñán que é de nivel 4, “é dicir de maior restrición para a instalación de plantas acuícolas”. Subliña que isto demostra “que a directiva comunitaria establece unha especial protección nesta zona”, e que a posición do PP “foi simplemente por oportunismo político”.
Seiruga, Merexo e Camelle
Ademais demandou “criterios obxectivos” para decidir as zonas de instalación en lugar de “criterios oportunistas”, como fai o Goberno de Feijoo. A maiores asegura que o Alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, xa anunciou que descarta piscifactorías en Seiruga, Merexo e Camelle. Por iso neste punto preguntou “que valores medioambientais teñen estas zonas que sexan superiores a outras como Cabo Touriñán?”.
Soneira dixo que o PP renuncia a expropiar terreos en Galicia para realizar calquera tipos de obra publica ao servicio da sociedade “ben sexa en Portos, unha infraestrutura hospitalaria ou educativa”. E replica que non é aceptable expropiar terreos para empresas privadas ou empresas acuícolas “porque cando ese proxecto non sexa rendible ao mellor aparecen adosados”, ironizou.
Galicia é de todos
Demandou á Conselleira, Rosa Quintana, a que presente en sede parlamentaria as miles de alegacións que conta este Plan de Acuicultura. E concluíu: “o sectarismo é un mal compañeiro para Gobernar, porque o país é de todos”.
É un edificio de factura nobre, datado entre os séculos XVII e XVIII, no entorno da Ponte do Traba
O seu último uso foi como curtidoría, ao estar ao pé e ser lambido polas orelas do río Traba
Detalle dun dos escudos que embelecen o inmoble
Noia, 29 de febreiro de 2012. A Concellería de Casco Histórico, que dirixe o nacionalista Bieito González, vén de comezar o expediente destinado ao restablecemento das condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade e ornato público do inmoble número 70 da rúa Corredoira de Luis Cadarso.
Do informe emitido no seu día pola Policía Local extráese o seguinte parágrafo: “O inmoble presenta un deterioro continuado que o levou a un estado ruinoso. Incluso unha das esquinas presenta fendas de dimensións considerables, con risco de caída sobre a rúa e posibles consecuencias para os peóns. O tellado está totalmente caído, quedando somente unhas tellas do aleiro tamén con risco de caída sobre a rúa. O interior atópase cheo de maleza, presentando unhas condicións hixiénico-sanitarias moi deficientes, conproliferación de alimañas que afectan aos edificios lindeiros” .
Edificación singular
Trátase dunha edificación singular, que data dos séculos XVII-XVIII, deteriorada tanto na súa morfoloxía como na súa imaxe urbana, con medianeira de gran altura sobre o lindeiro. A fachada principal é de cantería con portada en arco de medio punto e escudos de armas tallados no frente e esquinal. O último uso foi como fábrica de curtidos nas primeiras épocas da actividade industrial de Noia, con interés de conservación tanto histórico-arquitectónico como etnográfico.
O Concello, interesado en adquirilo para ornar o futuro paseo de ribeira do Traba
O Plan Especial do Casco Vello establece para este inmoble a posibilidade de adquisición pública do mesmo, así como tamén da parcela adxacente, situada ao norte da Ponte de Traba, que forma parte do entorno monumental do mesmo, conformando un ámbito espacial definido cuxa recuperación considérase prioritaria para o futuro paseo de ribeira.
O expediente aberto ten por obxeto que a propiedade leve a cabo a limpeza do inmoble, tanto exterior como interior, así como se tomen as medidas necesarias para asegurar a correcta conservación dos restos do mesmo que seguen en pé co gallo de evitar que o estado de ruína siga avanzando.
A data límite de inscripción é o 5 de abril de 2012 ás 20.00 horas
Haberá dúas diferenciadas: unha proba de 10 quilómetros (a Solidaria do Barbanza) e outra de catro quilómetros (I Carreira da Muller)
A Pobra do Caramiñal, 29 de febreiro de 2012. O 7 de abril de 2012 ás 17:00 horas, vaise celebrar a carreira solidaria Corremos por Paula, que conta como entidades organizadoras co Concello da Pobra do Caramiñal, o Concello de Boiro, a Federación Galega Atletismo, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, a Peña Cicloturista Chans do Barbanza, MTB A Portela, Motoclub Sin frenos, Club Ciclista Barbanza/Distribunosa, Peña Ciclista Os Saltamontes, Centro Comercial O Adro, Cáritas Posmarcos, Asoc. Amas de Casa da Pobra, Amas de Casa de Boiro e Mancomunicade Arousa Norte.
Coa fin de facilitar a accesibilidade ós participantes, a organización dispón de autobuses para o traslado daqueles que o desexen ata a saída da proba en Boiro, partindo ás 16:15h. da rúa Xerardo Fdez. Albor da Pobra do Caramiñal.
Os dorsais poden ser retirados a partir das 14.30h. e ata media hora antes da Carreira, na Secretaría da Organización, sita na Praza Alcalde Segundo Durán. Para retirar os dorsais é necesario o comprobante do pagamento. Os/as participantes da carreira de 10 quilómetros están obrigados a devolver os chips.
Todos os interesados que desexen máis información poden dirixirse ó Dpto. de Deportes da Pobra, Casa da Cultura Raquel Fdez. Soler entre as 9:30h. e as 14:30h. a través dos teléfonos: 981832590 e 639029182.
Para consultar os datos relativos ás cuotas e categorías de participación pode consultar o regulamento no documento pdf adxunto.
Corrían os anos finais do século pasado, cando nunha visita a ARCO tiven a sorte de coñecer a D. Leopoldo, quen expopía en varias galerías á vez. Paramos a falar con el, pois a persoa á que eu acompañaba xa lle escribira en varios dos seus libros. Nestes casos os interlocutores preséntanche e ti mesmo, nun silencio de respecto, colles un catálogo e arrecúnchaste por aquilo de non amolar e saber máis da persoa que tes diante. A miña sorpresa foi cando naquel voluminoso libro cheo de fotos de cadros matéricos, feitos con terras que parecían arrincados das lavas dun volcán, apareceu de súpeto unha imaxe para min coñecida. Era Bretal, con vistas das Dunas de Corrubedo, pero só como fondo dunha escultura, que eu coñecía, pero da que non tiña constancia de quen era, nin me parara a vela de preto. Entón erguín a vista e comecei a interesarme pola conversa que mantiñan Don Leopoldo e Don Miguel, e cando xa puiden meter as miñas palabras no miolo de tan contundentes opinións e sólidas observacións, case coma un pelo entre dous valados, pregunteille:
.- Pero…,pero vostede fixo esta escultura?- mentres sinalaba co dedo no libro.
.- Si pero non é a única que fixen en Ribeira. Tamén fixen outra para o centro de F.P en Coroso (a cal aparecía máis adiante no devandito libro).
Don Leopoldo naceu en Salcedo, Pontevedra, en 1919. Estudou e decidiu dedicarse á arte, tanto á pintura como á escultura. Viviu en Montevideo e en París e hai pouco souben que xa é moi maior e o concello de Vilagarcía vaino facer fillo adoptivo e acompañalo dunha merecida homenaxe, pero agora terán que conformarse sen el. E aquí na Centenaria non sabemos nin que existen e témolas aquí pero se un só de nós o sabe tenllo que contar aos demais e facelos partícipes, aínda que non queiran. Ese é o labor dun home coma min: dar a coñecer cousas que os demais non saben ou esquivan na súa cotidianidade, ser ollos, e se se pode recadar o máximo de información para compartila é como un cociñeiro que lle bota engadidos ou adobíos á comida para que baixe mellor.
Pero as cousas que ten a vida, o día 25 de febreiro, sábado, leo no Faro da súa morte o pasado xoves 23 en París, e xa comezara a escribir sobre as súas obras presentes entre nós. Podedes velas aquí nas fotos que lle fixen o martes 21 de febreiro en Ribeira uns poucos dias antes da súa morte. Queda pouco que dicir: só ter en conta a importancia da súa obra en formigón, da que deixou exemplos no noso concello.
O acto terá lugar no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes
Presidirá, a falta do conselleiro de Cultura, que entregou os primeiros, o presidente da Xunta de Galicia
Na entrega do I Premio Atlante estivo o ex-conselleiro de Cultura, Roberto Varela
Ribeira, 29 de febreiro de 2012.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidirá a entrega dos Premios Atlante de Gravado que terá lugar mañá xoves a partir das 19.30 horas no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes. Artes, para o que aínda non o saiba, é unha das parroquias de Ribeira.
Estes galardóns están promovidos pola Fundación do Gravado de Artes, da que é presidente na actualidade o alcalde de Ribeira, o popular Manuel Ruiz Rivas. Tamén está prevista a participación no acontecemento de distintas autoridades como, entre outros, o senador e ex alcalde ribeirense José Luis Torres Colomer, alcaldes da comarca, a vicepresidenta da Deputación, María Faraldo; o vicepresidente e alma máter da Fundación, Javier Expósito ou o patrono da mesma, Ramiro Carregal Rey, quen a partir desta terceira edición da nome a un novo premio.
Cabe recordar que o gañador na categoría Barbanza Ría de Arousa foi para a artista noiesa Sandra González Caamaño, e resultaron finalistas Ana Cambeiro, Encarna Méndez e Manuel Castro.
Polo que respecta aos premios internacionais, o Premio Ramiro Carregal Rey foi concedido a Ramiro de Undabeytia (Madrid), e os Premios Atlante foron para Manuel Moreno Morales (Sevilla), Justo Antonio Heras Fernández (Tarragona) e Yuko Yamada (Xapón). Foron seleccionados como finalistas Hugo Besard (Bélxica), Micaela Trocello (Arxentina) e Rutmi Sassaki (Brasil).
O xurado estivo integrado por José Manuel López Vázquez, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Monterroso Montero, decano da Universidade de Xeografía e Historia da USC; Alfonso Costa, pintor e gravador de Noia; Manuel Ayaso, pintor e gravador de Ribeira; e Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia.
A partir do documental que Manolo Gago nos regalou sobre o megalitismo da illa de “Jidoiros”, Ghidoiros, Fidoiros, Fiordos…? (velo aquí) volvín revisar o meu esquema sobre o aumento do nivel do mar dende o Perigordiense Superior onde as neves da 4ª Glaciación empezan vacilantemente a retirarse para dar lugar a este período postglaciar onde hoxe, despois de 24.000 mil anos, estamos asistindo á desfeita do resto que nos queda dos glaciares.
A licuación dos polos fan que estas augas corran cara ao mar, elevando o seu volume e consecuentemente as costas lentamente vanse anegando. Está claro que, se non observamos os seus efectos, apenas o notamos.
Para corroborar esta teses, que a maioría xa coñecen, ofrecereilles unhas imaxes do noso entorno que corroboren o que aquí se di.
Nada mellor para ilustrar este feito que o vídeo de Manolo Gago onde nos mostra unhas tumbas megalíticas na Illa de Jidoiros o Areoso as cales os últimos temporais puxeron ó descuberto.
Pero o mais sorprendente é, cando nas secas dos grandes débalos, aparecen estas tumbas que nos últimos milenios foron asolagadas polo mar.
Dende fai 24.000 anos a nosa Ría —como toda a costa mundial—, foi perdendo a súa pradeira onde pastaban uros, cabras, ovellas e maila vaca marela, todas elas baixo o control dos Cilenos que viñan ser os megaliteiros instalados no sur da Ría, e polo norte, os mesmos rabaños, eran outeados polos Presamarcos e Caporos da touta barbanzana instalados en calquera promontorio como a Insua en Ribeira, A Illa das Cabras en Coroso, Insua da Perilla en Palmeira e calquera outro promontorio, hoxe baixo ou fanequeira.
Dende aquela, o mar foi crecendo 1 milímetro cada ano, e así en 24.000 anos subiu 24 metros.
Avalan tamén esta teses os xeólogos, cando anunciaron os resultados das calicatas para a construción da Ponte de Rande, onde ós vinte metros de profundidade, atopáronse que aqueles fondos foran pisados polos talladores de frechas e navalliñas de sílex. Eran os paleolitiqueiros que xunto cos cervos, ovellas, xabarís —e Deus sabe cantas especies máis— pastaban e deambulaban por aqueles verdellos pastizais.
As fotos proceden de Tucho Mariño, Manuel Gago e o autor deste texto
Máis información sobre Ghidoiro Areoso en Capítulo 0, aquí
Ribeira, 28 de febreiro de 2012. "De éxito rotundo" cualifican na asociación cultural "Flor de Toxo" a viaxe organizada á estación invernal de San Isidro, en León, durante a pasada fin de semana (25 e 26 de febreiro). Nela participaron unha trintena de mozos e mozas da comarca. Os participantes puideron desfrutar da mellor fin de semana da tempada na estación leonesa. De regreso, a expedición retomou forzas cun descanso no mítico restaurante "O Rei das Tartas" de Mondoñedo.
Na semana pasada, o martes de Entroido, compoñentes de flor de Toxo participaron no Festival de Murgas e Comparsas, organizado polo concello de Ribeira, aínda que non obtiveron ningún premio neste certame, os participantes compartiron unha tarde de risas, sátira e entroido.
Ultimamente a actividade da entidade está sendo frenética: no que vai de ano xa participaron ademais de nestas actividades, na Cabalgata de Reis e organizouse o III Nadal Musical.
Xa se está traballando na organización da II Acampada da Mocidade que o ano pasado tivo lugar no Campo de fútbol de Neixón (Cespón-Boiro) e este ano xa se pensa en Porto do Son ou Rianxo como probables lugares para a ubicación da acampada.
Todas aquelas persoas que o desexen poden poñerse en contacto con esta asociación deben facelo no correo electrónico asociacionflordetoxo@gmail.com
FOTO DE FAMILIA dos PREMIADOS NA GALA DO DEPORTE DE RIBEIRA. A foto máis vista hoxe no noso flickr flic.kr/p/bkknRd
A asociación ecoloxista Adega congratúlase deste fallo do alto tribunal, que supón "outro golpe á macroacuicultura", desta volta deseñada polo anterior goberno da Xunta do Psoe e Bng
Advirte Adega a Feijóo que "lonxe de felicitarse, poña as barbas a remollo" pois o plano director do PP en acuicultura é tan invasivo ou máis que o previsto polo bipartito
27 de febreiro de 2012. Segundo informa hoxe a asociación ecoloxista galega Adega, "o TSXG vén de anular a prevista piscifatoría da Laxe Brava en Corrubedo. Estima o recurso presentado polo concello de Ribeira contra esta instalación, veciña ao Parque Natural. Na súa fundamentación, o TSXG argumenta "que todos eses valores [paisaxísticos e ambientais] poidan ser preservados por una instalación de acuicultura que ocupe as dúas terceiras partes dun espazo de 308.000 m2 é algo do que cabe dubidar". Deste xeito, unha das instalacións máis polémicas do Plano Acuícola do bipartito (e situada fóra da Rede Natura) queda anulada. Lonxe de felicitarse, Feijóo debera poñer as barbas en remollo: o TSXG recoñece o impacto das macroplantas acuícolas mesmo fóra da Rede Natura e chama a atención sobre a intensa e inxustificada ocupación do chan rústico. Como quedaría entón o Plano Director do PP se mesmo permite piscifatorías en parques naturais e aposta pola concentración das instalacións en macropolígonos? É esta a "seguridade xurídica" que predicaron Feijóo e Rosa Quintana?".
En ADEGA pregúntanse, ao abeiro desta sentenza, como queda o Plano Director de Acuicultura, actualmente en tramitación por parte da Xunta, e que mesmo permitiría, en palabras da propia conselleira Quintana, poñer piscifatorías en calquer espazo da costa. Segundo os ecoloxistas galegos, trátase dun Plano Director "escandalosamente permisivo que nen sequera contempla como zonas de exclusión aquelas áreas de maior valor ambiental e que tende a concentrar as instalacións en "megaparques acuícolas" de centos de hectáreas en primeira liña de costa, semella ir na dirección contraria ao que establece o TSXG nesta sentenza".
No seu Plano Director, a Xunta pretende eliminar os impactos paisaxísticos das macroplantas acuícolas aos que se refire a sentenza do TSXG pintando de verde as piscinas, plantando herba e instalando teitos de palla. "E que dicir dos centos de hectáreas arrasadas a cota cero en hábitats cuxa protección é considerada prioritaria por Europa (ver o caso de cabo Viñán ou Touriñán) e dos millóns de metros cúbicos de augas contaminadas con antibióticos, químicos e parásitos inxectadas directamente no litoral virxe?", claman en Adega. Ademais, en Adega pregan á veciñanza que empreguen o resultado desta sentenza. "Con esta sentenza, o TSXG senta precedente e abre a porta para que calquera cidadán, colectivo ou administración poida facer valer a protección do litoral fronte ao intento de asalto da patronal acuícola coa connivencia da Xunta. Tanto ten que Feijóo teña declarado a acuicultura "de interese público de primeira orde" para puentear a Rede Natura; tanto ten que os instrumentos de protección territorial foran convintemente rebaixados e que calquera sitio da costa poida ser ocupado: non é posíbel agochar os enormes impactos ambientais e territoriais destas instalacións e a Xunta non pode obvialos. Segundo o TSXG "infrínxense os principios de cautela e de protección do medio ambiente que establece a Lei 9/2006"."Pescanova non cheirará Touriñán
Esta sentenza alonxa aínda máis o obxectivo de Pescanova de ocupar Touriñán, mais non só este espazo. Tamén calquera outro treito de costa que albergue valores paisaxísticos, biolóxicos ou xeomorfolóxicos destacados está protexido pola lexislación ambiental fronte aos "instrumentos de demolición" deseñados ad hoc pola Xunta, explican os de Adega.
Uns 30 millóns de persoas teñen unha enfermidade rara en Europa, aproximadamente 3 millóns en España e unhas 200.000 persoas en Galicia.
Noia, 27 de febreiro de 2012. Este mércores, 29 de febreiro, celébrase o Día Mundial das Enfermidades Raras (EERR). FEGEREC(Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas) organiza a súa campaña anual de sensibilización coa fin de facer chegar a todos os sectores da cidadanía galega a necesidade e dereito constitucional dun trato equitativo cara as persoas que padecen unha ER e as súas familias. Nestas bisbarras, o lugar escollido para instalar unha mesa informativa é Noia, e estará posta o vindeiro domingo, 4 de marzo, no campo da feira.
FEGEREC é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito galego que ten a súa sede no Centro García Sabell da Coruña con CIF: G 70218128 e nº de rexistro: 2009/000201-2 (SC). FEGEREC nace co obxectivo principal de mellorar a calidade de vida dos enfermos con este tipo de patoloxías e das súas familias, adicando grande parte dos seus esforzos a abordar de forma integral e multidisciplinar a problemática sociosanitaria que conleva padecer este tipo de enfermidades, así como darlles visibilidade ante a cidadanía.
A día de hoxe a Federación é unha entidade que agrupa a afectados de EERR e ás seguintes asociacións:
FEGEREC ofrece servizos de acollida e información, rehabilitación (fisioterapia e terapia ocupacional), traballo social, atención psicolóxica, transporte adaptado e nestes anos fixo obradoiros dirixidos a afectados por enfermidades raras e crónicas para coñecer máis de preto a súa patoloxía e plantexar dúbidas a expertos.
AS EERR minoritarias ou pouco frecuentes, son aquelas con perigo de morte ou invalidez crónica, que teñen unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes. A maioría delas son enfermidades xenéticas, outras son tumores pouco frecuentes, enfermidades autoinmunes, malformacións conxénitas ou enfermidades tóxicas ou infeccións, entre outras categorías.
Estímase que existen entre 5.000 e 8.000 EERR diferentes que afectan aos pacientes nas súas capacidades físicas, habilidades mentais e nas súas cualidades sensoriais e de comportamento. Así, ante esta polisintomatoloxía é común atoparnos nunha mesma persoa unha minusvalía múltiple. É preciso ter en conta que o papel de coidador principal dunha persoa con ER adoita recaer sobre un membro da familia e é habitual que co paso do tempo remate, non padecendo unha ER, pero si presentando e padecendo clínica no ámbito biopsicosocial.
Entre os problemas e necesidades máis comúns aos que se enfrenta unha persona cunha ER e a súa familia, están os seguintes:
Demora no diagnóstico definitiva cunha media establecida en 5 anos.
Falta de información da súa patoloxía, tratamentos, axudas... por parte dos profesionais implicados no seu proceso de saúde.
Carencias no acceso a unha atención sociosanitaria dende un enfoque integral e multidisciplinar acorde ás necesidades de cada caso.
Falta de equidade no acceso e na cobertura das súas necesidades no ámbito médico, social, educativo, laboral etc en relación ao resto da cidadanía, mesmo ás veces en función do lugar onde se vive.
Os actos que se van a realizar en Galicia con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras son os seguintes, destacando a presenza o sábado 3 de marzo na mesa informativa de Ferrol de Isabel Calvo, presidenta de FEDER (Federación Española de Enfermedades Raras)
Igual que o ano pasado, respostaranse en tempo real as preguntas formuladas por aqueles que teñan dúbidas ou queiran coñecer máis sobre enfermidades raras. Vai dirixido a coidadores, pacientes, familiares e á poboación en xeral. Respostarán ás preguntas o Dr. José María Prieto, Facultativo Especialista en Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e asesor médico de FEGEREC e Carmen López, Psicóloga Clínica e Directora Técnica de Fegerec.
Martes 28 de febreiro Mesas informativas e de postulación nas rúas de A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e El Corte Inglés de Vigo.
Mércores 29 de febreiro Festival benéfico a favor de FEGEREC. Centro Ágora ás 19:00 horas, 5 euros. Actuará a Coral Follas Novas e será presentado por Pablo Portabales.
Sábado 3 de marzo Mesas informativas e de postulación nas rúas de Monforte e Vilagarcía, Centros Comerciais de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense.
Domingo 4 de marzo Mesa informativa e de postulación na feira de Noia.
Domingo 11 de marzo Mesa informativa e de postulación na feira de Cedeira.
O soño de ter un ribeirense olímpico planeou onte no Auditorio
Galardoados e premiadas nas distintas categorías amosaron que o municipio e a comarca está a destacar no eido deportivo
Ribeira, 25 de febreiro de 2012.- Un Auditorio Municipal totalmente repleto viviu na noite de onte a celebración da VII Gala do Deporte de Ribeira, coa que a Concello quixo render un máis que merecido homenaxe aos deportistas e clubs –amén doutras persoas e entidades- máis sobresaíntes do pasado curso 2011 e, ademais, que serviu como unha vibrante demostración da puxanza que no transcurso dos últimos anos ten alcanzado o deporte no concello en moi distintas modalidades, ata o punto de que non se dubidou en exclamar dende o escenario que “o soño de ter algún deportista olímpico en Ribeira está cada vez máis preto de converterse en realidade”, segundo referiu o concelleiro Juan Luis Martínez Queiruga e despois referendou na intervención final o alcalde Manuel Ruiz Rivas.
Todas as imaxes da Gala feitas polo Concello, unha a unha, aquí
O programa desta edición gañou en vistosidade con respecto a edicións anteriores ao intercalar actuacións artísticas e proxeccións audiovisuais entre os distintos bloques nos que se desenvolveron a entrega de premios: 16 categorías e 6 mencións especiais. Para facer entrega dos galardóns déronse cita –demais dos dous membros do Goberno Local anteditos- moi distintas autoridades e persoeiros, como o senador José Luis Torres Colomer ou o xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández, así como os Fillos Adoptivos Ramiro Carregal e Magdalena Bringas, o mítico futbolista José Manuel Parada Alvite Suco, o presidente de Cogami Anxo Queiruga, a presidenta de Ambar Milagros Rey,...
Emotiva homenaxe
A Gala, de dúas horas de duración, dou comezo coas mencións especiais, entre as cales o momento máis emotivo aconteceu cando a dona e máis os tres fillos do finado José Fraga Cores foron agasallados e recibiron o aplauso unánime do público asistente ante o tributo que se lle quixo render a este ribeirense entrañable, vinculado ao Atlético Riveira dende a súa fundación no ano 1968 a través de distintos postos e cargos. As outras mencións especiais foron recibidas polo futbolista internacional Verónica Boquete, o directivo do Atlético Riveira Ricardo Pérez Vidal, a vicepresidenta do Xuventú Aguiño Rosa Vidal Fernández, o gran baloncestista profesional Fran Crujeiras e José Manuel de la Iglesia, que contribuíu grandemente ao desenvolvmento do atletismo entre as persoas con discapacidade do municipio e da comarca.
Despois tocoulle o turno ás distincións a entidades e clubs, nas que foron premiadas o Colexio Bayón na categoría de Mellor Centro Educativo na Promoción do Deporte Escolar (recolleu o galardón o seu director Vicente Fernández) o Sálvora Club de Fútbol como Mellor Entidade na Promoción do Deporte Base e Deporte para Todos (recolleron o presidente Ramón Martínez e o directivo Juan MillánI), o Atlético Riveira Categoría Sénior como Mellor Equipo Masculino (recolleron o presidente Alberto Villaverde e o capitán Álvaro Calo), o equipo junior do Club Natación Riveira como Mellor Equipo Feminino (recolleu unha representación formada por Yaiza Blanco, Laura Otero, Elena Pérez e Andrea Gómez) e o Club Natural Sport Videlgi como Mellor Club Local (recolleron o presidente José Francisco Agrelo, a vicepresidenta Nita Casanova e o adestrador Osiris Romay).
Intermedio
Acto seguido chegou o intermedio da Gala, no que alumnas da Escola Municipal de Danza Contemporánea ofreceron dúas interpretacións corografiadas polo profesor e cofundador da mítica escola Nova Galega de Danza, Vicente Colomer (antes, ao inicio do acto, actuaran un dúo de trompetas do Conservatorio de Ribeira e a Aula Galega de Saxofón).
Unha vez finalizada a actuación de danza, deuse paso aos recoñecementos a adestradores, árbitros e colaboradores, nos que foron obsequiados: como Mellor Adestrador, Juan Carlos Brión Lema, do Club Natación Riveira (recolleu o premio un dos seus fillos por estar aquel en plena celebración do Campionato de España que se está a disputar en Pontevedra); como Mellor Xuíz Árbitro Vicente Fiel (de fútbol e fútbol sala, dende o ano 1983); como Mellor Evento Deportivo o campamento Soño Olímpico que promove o Club Natural Sport Videlgi (recolleron os galardóns Carolina Fernández e Gabino Cobas); na categoría de Patrocinio Deportivo, Conresa, empresa patrocinadora do Xuventú Aguiño (recolleu o seu director xerente Juan Carlos Cobas); e na de Mellor Labor Informativo, La Voz de Galicia, cuxa delegación en Riveira celebra 25 anos (recolleu o delegado Ramón Ares).
Recoñecementos individuais
Finalmente chegaría o momento dos recoñecementos individuais. Na categoría de Mellor Deportista Femenina con Discapacidade foron galardoadas as integrantes do programa Vela para Todos da Asociación Ambar, formado por Montserrat Queiruga, Mª Carmen Pérez, Mª Bonisú Paz e Ana Mª Martínez. Como Mellor Deportista Masculino con Discapacidade premiouse ao taekwondista Alejandro Vidal. A continuación unha das categorías máis dificultosas para o xurado: a de Mellor Deportista Revelación Feminina, na que o premio foi recibido de xeito compartido pola atleta especialista en triple salto Ana Peleteiro e a nadadora María Vilas (quen por estar nos campionatos nacionais en Pontevedra non puido recoller o trofeo e o fixo no seu nome o presidente do Club Natación Riveira José Antonio Prada). Pola súa parte, o Mellor Deportista Revelación Masculina sería Adriano Jiménez, combatente do Clun Natural Sport Videlgi.
Como Mellor Deportista Feminina e Mellor Deportista Masculino foron distinguidos a atleta Virgina Villar (recolleu a súa nai) e o taekwondista Javier Sieira).
Para poñer o punto final á Gala, o presidente do Atlético Riveira Alberto Villaverde dirixiuse aos espectadores no nome dos premiados para agradecer estas distincións.
Por último, o alcalde Manuel Ruiz destacou como, de contar unicamente con equipos de fútbol e un incipiente club de baloncesto non hai tantos, “hoxe contamos con campións de España e de Europa e con medallistas mundiais” en numerosa disciplinas, e resaltou a crecente implicación das mulleres no mundo do deporte, sen esquecerse tampouco dos logros acadados polas persoas con diversidade funcional. “Espero ver moi pronto algún olímpico de Ribeira”, rematou.
Apostilla da redacción de Certo: Agardamos que nunha destas os nosos políticos pidan tamén que saia "pronto algún premio Nobel" dos seus concellos. Mais para iso hai que investir en I+D+I, priorizar o coñecemento sobre o lúdico. En España non se concede un premio Nobel relacionado coa ciencia dende 1959 (Severo Ochoa) e só hai dous (o outro foi o de Ramón y Cajal) neste sector do coñecemento. Máis información aquí
Haberá dous grupos de vinte e comezarán o luns vindeiro
Ribeira, 25 de febreiro de 2012. O Concello vai ofrecer dentro do Programa de Dinamización dos Nosos Maiores, dependente da Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social, un novo obradoiro de iniciación ao inglés que comezará a ser ofrecido a partir do luns da vindeira semana.
Na acción participarán 40 maiores de Ribeira distribuídos en dous grupos de 20 persoas cada un. Cunha hora de duración, as clases desenvolveranse todos os luns, de 10 a 11 e de 11.15 a 12.15 horas (segundo o grupo que sexa) nas aulas da Casa do Mar de Ribeira. O taller finalizará a finais de maio.
Esta nova iniciativa será impartida por persoas do Voluntariado Social e pretende que servir para que os maiores do concello poidan adquirir unhas nocións básicas sobre o idioma máis implantado nas relacións internacionais.
Sairá a licitación en abril. Xa adxudicaron a redacción do proxecto, que inclúe subir un novo andar
Ribeira, 25 de febreiro de 2012.- O Concello informou onte de que no vindeiro mes de abril vai saír a licitación polo procedemento de urxencia a ampliación da escola infantil municipal: un proxecto cifrado en 740.000 euros dos cales 444.000 serán aportados pola Concellería de Traballo e Benestar e 296.000 polo propio Concello. En virtude das obras, a gardería vai ver duplicada a súa superficie, pasando dos 907 metros cadrados existentes na actualidade a un total de 1.811, sen contar coa Aula Multimedia de Ribeira que será encravada no andar semisoto da infraestrutura.
Cómpre dicir tamén que xa foi adxudicada a redacción do proxecto de execución desta actuación á empresa 2C Arquitectos. Este contempla a elevación do edificio actual cunha planta adicional que se sumaría ás plantas baixa e semisoto xa existentes.
Esta planta adicional –primeiro andar- terá unha superficie de 776 metros cadrados dos cales 265 estarán destinados a unha terraza ao aire libre. Este andar albergará 5 aulas dirixidas aos nenos e nenas de entre 2 e 3 anos, e contará cun acceso independente mediante rampa a unha zona axardinada. Así mesmo, estará conectado co resto do inmoble mediante escaleiras e ascensor.
Con 907 metros cadrados de superficie, a planta baixa (que da cabida á escola infantil actual) vai ser redistribuída en 8 aulas para nenos e nenas de 0 a 1 e de 1 a 2 anos, así como nun espazo multiuso; mentres que a planta semisoto dará cabida a vestiarios e despachos nun espazo de 128 metros (ademais da xa citada Aula Multimedia con outros case 200 metros).
Fachada acristalada
Por outra parte, grazas ás obras de reforma mudarase en gran medida a fisonomía exterior do inmoble, ao contar a planta de nova factura cunha fachada acristalada.
De acordo coa planificación establecida, e co obxecto de causar os menores inconvenientes posibles, está previsto que as obras teñan lugar durante os tres meses de verán: xullo, agosto e setembro, nos cales por motivos elementais de seguridade a escola estará pechada.
O Executivo xa está a estudar diversas alternativas para aloxar durante estes tres meses ao meirande número de meniños que sexa factible.
Presentación do concurso de Fotografía “Vivindo na comunidade” 2012
Directivos da Asociación AMBAR presentaron, no Centro de Recursos da Barbanza, o concurso de Fotografía “Vivindo na comunidade” 2012.
A temática do concurso versa sobre as persoas con diversidade funcional vivindo na comunidade.
O obxectivo do concurso é que as fotografías presentadas axuden a fortalecer a percepción de como as persoas con diversidade funcional viven e como están a participar dentro das súas comunidades, nos seus barrios, pobos, aldeas, nos mesmos contextos que os demais cidadáns. Deberán amosar como viven as persoas con diversidade funcional, xunto coas súas familias, amigos, compañeiros, veciños, etc. para así poder comprender os retos e os éxitos que atopan estas persoas en España.
Na roda de prensa, na que estiveron presentes a presidenta, Milagros Rey, o vicepresidente, José Antonio Chouza, e a vogal Luisa Rodríguez, fixéronse públicas as bases do concurso, así como os patrocinadores do mesmo, ós que agradeceron a súa colaboración nesta iniciativa.